DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2082

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2024 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23 asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, como un dos obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, garantirlles o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6, como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia, o apoio e a protección da familia como medio de transmisión da vida e como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal; recoñece, como un dos principios de responsabilidade pública, o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Pola súa vez, os estudos máis recentes sobre a evolución dos principais indicadores demográficos e as previsións dun continuado decrecemento da súa poboación, sitúan a Galicia ante un reto estrutural de importantes consecuencias económicas e sociais e, polo mesmo, ante un horizonte demográfico sobre o que é necesario actuar desde unha perspectiva integral.

Acadar a revitalización demográfica e o recambio xeracional convértese nun obxectivo urxente e imprescindible para a sustentabilidade económica e social e por iso a Xunta de Galicia, desde o ano 2013, veu recollendo este desafío en sucesivos documentos de planificación. Deste xeito, a finais do ano 2015 a Administración autonómica pon en marcha o Programa de apoio á natalidade (en diante, PAN), un programa de carácter integral e con vocación de permanencia no tempo.

A tarxeta Benvida, forma parte deste programa e ten como finalidade paliar o custo que leva aparellado a crianza e coidado dos fillos e fillas, dirixíndose nas sucesivas convocatorias publicadas a contribuír ao pagamento dos gastos realizados no primeiro ano de vida do neno ou nena. A convocatoria do ano 2018 avanzou nas liñas estratéxicas previstas no Plan estratéxico rexional Galicia 2015-2020, onde se recollía a necesidade por unha banda, de traballar sobre a dimensión socioeconómica da cuestión demográfica e de deseñar as solucións precisas para favorecer que a poboación poida ter o número de fillos/as que desexe e, por outra, de impulsar medidas que promovan o benestar das persoas emigrantes retornadas. En consonancia, estableceu a súa extensión ata que o neno ou nena faga os tres anos de idade para aquelas familias cuxa renda fose igual ou inferior aos 22.000 euros e equiparou ao nacemento da/do filla/o a constitución dunha adopción ou a declaración dunha garda con fins adoptivos, para apoiar as persoas que proporcionan un fogar aos nenos e nenas que se atopan en situación de abandono ou desamparo. Así mesmo, recolleu a consideración das especiais circunstancias das persoas galegas que, residindo no exterior, decidisen volver a Galicia, para que puideran optar á axuda.

A convocatoria do ano 2020 avanzou, unha vez máis, na dimensión socioeconómica da cuestión demográfica, duplicando a contía da axuda o primeiro ano para o terceiro fillo ou filla e sucesivos, incrementándoa un 25 % para aquelas persoas que residan en concellos con menos de 5.000 habitantes e establecendo a posibilidade de ampliala ata un ano máis para aquelas familias en situación de especial vulnerabilidade que, téndoo solicitado, non tivesen acceso a calquera outro recurso do sistema público de protección social.

As convocatorias dos anos 2021, 2022 e 2023 consolidan os avances anteriores.

Esta nova convocatoria avanza un paso máis ao conceder a tarxeta Benvida ás mulleres durante o estado de xestación de xeito que as familias poidan utilizala para facer fronte aos gastos que se produzan con carácter previo ao nacemento.

Así mesmo, e con ánimo de seguir promovendo o acollemento de menores por parte das familias esténdese a concesión desta axuda ás familias que acollan dun xeito permanente a menores de ata 3 anos de idade.

O obxecto desta orde é establecer os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica para as familias que teñan fillas e fillos, adopten, sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos ou acollan de xeito permanente a un ou máis menores de ata tres anos de idade e para as mulleres que se atopen na semana 21 ou posterior de xestación no ano 2024 a través da tarxeta Benvida. Con esta axuda preténdese contribuír a sufragar os gastos derivados da crianza dun fillo ou filla. Esta tarxeta poderá ser utilizada soamente en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia. Deste modo, a axuda contribuirá a que as familias poidan atender os maiores gastos que supón o nacemento, derivados da adquisición de produtos necesarios para o neno ou nena, como, entre outros, leite e outros alimentos infantís, cueiros, produtos de hixiene infantil ou produtos farmacéuticos.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e dabondo no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta en todo caso os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, sinala no seu artigo 32 que a Administración autonómica garantirá o apoio económico ás familias en que se produza un nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo, coa finalidade de colaborar nos gastos derivados destas circunstancias mediante a concesión de prestacións e axudas familiares, que se ampliarán en función da situación económica familiar e do número de fillas e fillos, como mínimo, ata que o neno ou nena faga os 3 anos, prestando especial atención ao medio rural e costeiro non urbano e que as familias en situación de especial vulnerabilidade económica poidan manter as prestacións e axudas en casos nos que non perciban unha prestación de apoio á renda e, téndoa solicitado, non tivesen aínda acceso a ela.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2024 teñan un/unha fillo/a, adopten, sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos ou acollan de xeito permanente a un ou máis menores de ata tres anos de idade e para aquelas outras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias do ano 2022 e 2023, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas no artigo 4.2, así como para aquelas mulleres que no ano 2024 se atopen na semana 21 ou posterior de xestación.

2. Así mesmo, é obxecto da orde proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS403B).

3. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 31.494.071 € que se imputará á aplicación orzamentaria 11.02.312B.480.13 distribuído nas seguintes cinco anualidades:

Ano 2024

Ano 2025

Ano 2026

Ano 2027

Ano 2028

4.951.471 €

13.368.700 €

8.742.600 €

4.371.300 €

60.000 €

2. O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Atoparse na semana 21 ou posterior de xestación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024.

b) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024.

c) Ter constituída a adopción, acollemento familiar permanente ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun o máis menores de ata tres anos de idade entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2024.

3. Igualmente aquelas familias que obtiveran a axuda de carácter xeral de 1.200 € nas convocatorias dos anos 2022 e 2023 e non accederan a ela no segundo ano de vida e ata que o neno faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución nos supostos de adopción ou garda con fins adoptivos por superar os ingresos previstos para iso, poderán beneficiarse na presente convocatoria das contías previstas no artigo 4.2 no caso de experimentar unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas.

O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2024 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Así mesmo, aquelas familias que non optaran á dita axuda nas referidas convocatorias, por superar os ingresos recollidos no artigo 5.1.b), e experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar e concorran á presente convocatoria, poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 nos termos establecidos no punto anterior.

4. Non poderán ser beneficiarias as persoas privadas ou suspendidas total ou parcialmente da patria potestade dos seus fillos/as, mediante resolución xudicial firme, ou cuxa tutela ou garda fose asumida polos órganos competentes en materia de protección de menores.

Artigo 4. Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar a contía da axuda será de 2.400 € a razón de 200 €/mes. Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

a) Ano 2024: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade ou da data de presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2025: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano da presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo.

2. Aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € terán dereito a unha axuda complementaria no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade nas seguintes contías:

a) 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.

b) 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.

c) 2.400 €/ano a razón de 200 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Estas contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou da data de resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade polo que se concedeu a axuda ou da presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo.

3. As contías previstas nos números 1 e 2 incrementaranse un 25 % no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes segundo os últimos datos oficiais de poboación de carácter definitivo publicados polo Instituto Galego de Estatística.

4. Excepcionalmente, a axuda poderá percibirse ata un ano máis sempre que a unidade familiar estea declarada, polo órgano dos servizos sociais comunitarios básicos, en situación de especial vulnerabilidade, teñan un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución e así o soliciten dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena cumpra os tres anos.

Artigo 5. Requisitos

1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.

b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.

c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 € para ter dereito á contía da axuda prevista no artigo 4.2.

d) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes para ter dereito ao incremento da axuda prevista no artigo 4.3.

2. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2024 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.

3. Para ter dereito á axuda excepcional prevista no artigo 4.4, a unidade familiar debe estar en situación de especial vulnerabilidade declarada polo órgano dos servizos sociais comunitarios básicos e ter un recurso do dito sistema público pendente de resolución.

4. Así mesmo, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Todos os requisitos recollidos no número 1 deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

6. No suposto de ter concedida a tarxeta Benvida durante o estado de xestación non pode volver solicitarse esta axuda unha vez nacido o fillo ou filla, e igualmente no caso de solicitudes para nenos/as en situación de garda con fins adoptivos non pode volver solicitarse esta no momento de constituírse a adopción.

Artigo 6. Determinación da renda

1. Para a determinación da renda da unidade familiar, con carácter xeral, sumaranse a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF) do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

2. Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase polo número de membros da dita unidade.

3. Entenderase por unidade familiar, para os efectos de esta orde, a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e máis:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/da pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de acollemento familiar permanente ou garda con fins adoptivos.

4. No suposto de que a Axencia Estatal de Administración Tributaria non teña identificado algún membro da unidade familiar, a determinación da renda completarase cos datos que figuren na documentación acreditativa dos ingresos achegada coa solicitude debidamente constatados.

5. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 7. Servizo proactivo

De conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, no suposto de que a Administración dispoña da información ou datos das persoas que poidan beneficiarse desta axuda, poderá dirixirse a elas, empregando a canle máis axeitada segundo o perfil da persoa usuaria, ben a través da app da Xunta, SMS, correo ou outras, co obxecto de facilitarlles a presentación da correspondente solicitude.

A solicitude web dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia será intuitiva, sinxela e adaptada a cada un dos supostos en que poida atoparse a persoa usuaria, recadando os datos estritamente necesarios segundo a súa situación persoal e familiar.

A presentación desta solicitude habilitará a Administración para a súa tramitación da forma máis eficiente, recadando a información que sexa precisa para facer efectivo o pleno acceso a todos os trámites da convocatoria por parte da persoa usuaria.

Artigo 8. Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente.

No suposto de muller xestante, en calquera momento do ano 2024 sempre que supere as 21 semanas de xestación.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2024 e sempre que o fillo ou filla nacera no dito ano 2024, o prazo será de tres meses que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. As familias que puidesen ser beneficiarias nos termos indicados no artigo 3.3 disporán desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de febreiro de 2024 para esta finalidade, e deberán presentar o anexo III e, se procede, o anexo II, no caso de ter a axuda xeral ou o anexo I no suposto de non ter optado á axuda no ano de referencia por superar ingresos nesa anualidade.

4. No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade, anexo IV, realizarase dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:

a) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, se é o caso.

b) Copia do libro ou libros de familia en que consten todas as fillas e fillos da persoa solicitante ou certificación de nacemento do rexistro civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.

c) Informe médico, que acredite que se iniciou a semana 21 de embarazo na data de presentación da solicitude, a data previsible do parto e número de fetos, agás que se trate de xestantes que sigan o embarazo no Sistema público galego de saúde (Servizo Galego de Saúde-Sergas).

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción, a garda con fins adoptivos, ou o acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade, de ser o caso, cando se trate de procedementos formalizadas fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.

f) Certificado de monoparentalidade cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Pasaporte en vigor da persoa cónxuxe ou parella, para o suposto de que esta estea en trámite de autorización de residencia.

h) Documentación acreditativa dos ingresos percibidos no estranxeiro no período impositivo computable, acompañados dun certificado do organismo competente ou entidade bancaria acreditativo do valor en euros dos ditos ingresos, de ser o caso.

2. No suposto de persoas galegas emigrantes retornadas ou descendentes, deberase presentar ademais:

a) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia ou de ser descendente dunha persoa galega.

b) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España.

c) Pasaporte para as persoas solicitantes que non teñan DNI.

3. No suposto de solicitar a ampliación excepcional da axuda prevista para situacións de especial vulnerabilidade no artigo 4.4 dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Comunicación da situación de especial vulnerabilidade segundo o anexo IV.

b) Informe técnico dos servizos sociais comunitarios básicos que acredite a situación de especial vulnerabilidade e que está sendo atendido/a polo Sistema público de servizos sociais, con indicación das solicitudes de prestacións ou axudas económicas en fase de tramitación.

4. Cando se acheguen coa solicitude documentos en idioma distinto do galego ou castelán presentarán tamén a tradución dos ditos documentos a calquera destes dous idiomas, de acordo coa normativa que sexa de aplicación.

5. Na solicitude (anexo I) deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para os efectos de activar a tarxeta Benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.

6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

7. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

9. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do IRPF, da persoa solicitante, da persoa cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención. No caso de non ter obriga de presentar a declaración do IRPF comprobarase o nivel de renda.

c) Declaración do IRPF, no caso da persoa solicitante da denominada comunicación de variación do nivel de renda, segundo o anexo III e mais da persoa cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da dita comunicación. No caso de non ter obriga de presentar a declaración do IRPF comprobarase o nivel de renda.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción, a garda con fins adoptivos, ou o acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Certificado de monoparentalidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acreditación de atoparse na semana 21 ou posterior de xestación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024 no suposto de seguimento do embarazo polo Sergas.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I, anexo II e anexo III) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. As consultas previstas nos números anteriores deste artigo poderán realizarse en cada unha das anualidades de vixencia desta orde.

Artigo 11. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As axudas tramitaranse por un procedemento abreviado no que o órgano instrutor lle formulará ao órgano concedente a proposta de resolución tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 8, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude no prazo de catro meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen ditarse resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

No suposto de ampliación da axuda inicial ditarase a resolución correspondente no prazo de catro meses desde que se cumpra un ano do nacemento, da resolución correspondente de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade, ou da presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto fose expreso, e se non o fose, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as subvencións establecidas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Artigo 15. Instrumentación da axuda

1. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, unha tarxeta moedeiro que se expedirá a nome da persoa solicitante. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.

A Consellería de Política Social e Xuventude remitirá ao enderezo indicado na solicitude as tarxetas Benvida coa carga que lles corresponda na anualidade 2024 en función do previsto no artigo 4.1 e con instrucións para a súa activación. Así mesmo, informará as familias das condicións de uso.

2. De ser o caso, a tarxeta será recargada coa contía que corresponda na anualidade 2025 en función dos meses que restan ata que o neno ou nena que deu dereito a ela faga un ano ou ata que se cumpra un ano da data da correspondente resolución de adopción, de garda con fins adoptivos, ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade ou ata que se cumpra un ano da presentación da solicitude, no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo.

3. De atoparse no suposto previsto no artigo 4.2, a tarxeta será recargada ademais nas sucesivas anualidades ata que o neno ou nena faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos da data da resolución correspondente de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade ou desde a presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo, coas contías e conforme o procedemento establecido no dito artigo.

4. De atoparse no suposto previsto no artigo 4.4, a tarxeta será recargada ata que a unidade familiar supere a situación que deu lugar a ampliación ou acceda a un recurso do Sistema público de protección social e, en todo caso, un máximo dun ano.

5. As tarxetas están sometidas a caducidade e con carácter xeral non poderán ser usadas máis alá do 31 de decembro de 2028, data límite de vixencia desta orde.

6. A Consellería de Política Social e Xuventude conveniará cunha entidade financeira para que colabore na xestión da axuda. Esta entidade terá a consideración de entidade colaboradora de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estando suxeita ás obrigas sinaladas no artigo 12. Polas características da colaboración a entidade que resulte seleccionada estará exenta de constituír as garantías a que se refire o artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente a:

a) Acreditar o nacemento do neno/a nos supostos de solicitudes presentadas durante o estado de xestación no prazo de dous meses desde o que este se produza.

b) Responsabilizarse e cumprir as condicións de uso establecidas para a tarxeta benvida e a destinala exclusivamente á finalidade para a que foi concedida.

c) Comunicar a perda, roubo ou extravío da tarxeta á Consellería de Política Social e Xuventude.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin, achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención que poida dar lugar á perda dela. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 18. Xustificación da subvención

Tendo en conta que as axudas previstas nestas bases se conceden en atención á concorrencia nas persoas beneficiarias da situación prevista no seu artigo 1, de acordo co artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se requirirá a rendición da conta xustificativa regulada nese artigo, sen prexuízo, en todo caso, da necesaria acreditación da situación que xustifica a concesión da subvención previamente á súa concesión e o cumprimento das obrigas materiais e formais establecidas nestas bases.

Artigo 19. Revogación da prestación

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403B, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no portal da Consellería de Política Social e Xuventude, http://politicasocial.xunta.gal, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, no teléfono 012, e no enderezo electrónico tarxetabenvida.familia@xunta.gal

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007,do 13 de xuño. Non obstante, as axudas económicas concedidas ao abeiro desta convocatoria non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro e no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Publicidade

Transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos administrativos necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file