DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2024 Páx. 5600

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO RESOLUCIÓN do 29 de diciembre de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de Bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN848F).

BDNS (Identif.): 739679.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións ( http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans /index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda as microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social, conforme as definicións contidas no artigo 2 con actividade económica e categoría de peme, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que solicitan a axuda. Cada unha das liñas que compoñen esta axuda vai dirixida ás seguintes entidades:

Bonos

Beneficiarios

Liña 1. Servizos de apoio á innovación

Microempresas e pequenas empresas.

Entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica e categoría de peme.

Liña 2. Xestión do financiamento da innovación

Microempresas, pequenas e medianas empresas.

Entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica e categoría de peme.

2. Quedan excluídos da presente convocatoria e non poderán adquirir a condición de beneficiarias desta axuda:

a) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.4 desta convocatoria.

A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

b) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro. A excepción das entidades do terceiro sector de acción social de conformidade coa definición do artigo 2.

d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

3. De xeito específico, quedan excluídas:

a) Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación:

• As pemes que resultasen beneficiarias da liña 1 no programa de bonos de innovación do ano 2023 (Resolución do 18 de xaneiro de 2023, DOG núm. 28, do 9 de febreiro), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.

• As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2022 (Resolución do 4 de abril de 2022, DOG núm. 73, do 18 de abril), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.

• As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda da convocatoria Deseñapeme e Innovapeme 2023 (Resolución do 29 de xuño de 2023, DOG núm. 132, do 12 de xullo, respectivamente).

b) Para a liña 2, bonos para a xestión do financiamento da innovación:

• As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2022 (Resolución do 4 de abril de 2022, DOG núm. 72 do 18 de abril), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.

• As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda da liña 2 Innovapeme da convocatoria Deseñapeme e Innovapeme 2023 (Resolución do 29 de xuño de 2023, DOG núm. 132, do 12 de xullo), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.

c) As pemes vinculadas ou asociadas e/ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, que sexan beneficiarias simultaneamente na presente convocatoria na mesma liña. Neste caso, as pemes beneficiarias deberán determinar cal é o expediente que continúa no procedemento. En caso de que non se indique, excluiranse as segundas e sucesivas solicitudes, segundo a orde de entrada, de empresas vinculadas, asociadas, ou do mesmo grupo empresarial.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes) destinadas ao financiamento de bonos de innovación, código de procedemento IN848F. Nesas axudas diferéncianse tres tipos de bonos de que se agrupan nas seguintes liñas:

Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión, contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas ao:

Tipo A. Tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador.

Tipo B.Tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2024 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26 de xuño de 2014).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 750.000,00 euros con cargo ao ano 2024, coa seguinte distribución de crédito para cada unha das liñas: 550.000,00 euros para a liña 1 destinada a servizos de apoio á innovación, 100.000,00 euros para a liña 2 tipo A destinada á tramitación de incentivos fiscais e bonificación de persoal investigador, e 100.000,00 euros para a liña 2 tipo B, destinada á xestión de axudas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación