DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2024 Páx. 5533

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de Bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN848F).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ten por obxecto establecer o marco de referencia para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo atribuíndolle no seu artigo 15.3 a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

Nos artigos 17, 18 e 19 e seguintes da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, atribúenselle á Axencia Galega de Innovación a execución e gobernanza do Plan galego de investigación e innovación, coa finalidade de fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta este marco estratéxico. Esta convocatoria de bonos de innovación enmárcase no Obxectivo estratéxico 2 correspondente ao Programa Innova e Emprende, liña 2.1 «Itinerario da I+D+i e da innovación na empresa». Asemade, atópase aliñada cos tres retos e as tres prioridades da RIS3 de Galicia 2021-2027.

Pola súa vez, a Axencia Galega de Innovación, no compromiso coa innovación responsable (en diante, IIR) e en consonancia coa Axenda 2030, a través desta actuación impulsa no ecosistema galego a adopción de medidas que axuden a garantir e incrementar o impacto social das actividades de I+D+i, en termos de: gobernanza e participación, igualdade de xénero, educación científica e ética da investigación.

En Galicia existe un contorno moi propicio para o progreso da innovación toda vez que o sistema de I+D+i conta con numerosos axentes de primeiro nivel tanto no eido público como no privado (universidades, organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos, centros de innovación, empresas especializadas en servizos de apoio á I+D+i, empresas provedoras de servizos tecnolóxicos e de tecnoloxías facilitadoras...) que dotan a nosa comunidade dunha oferta moi importante de coñecemento científico e técnico para o tecido empresarial galego.

A abundante e ampla oferta de axentes tecnolóxicos presente no ecosistema galego de innovación non impide que ao mesmo tempo exista unha baixa taxa de absorción, por parte das pequenas e medianas empresas da I+D+i xerada en Galicia, especialmente naquelas pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais.

No novo marco de especialización intelixente para o período 2021-2027 un dos obxectivos con respecto á innovación empresarial é definir itinerarios de apoio que respondan á heteroxeneidade do tecido empresarial e dan resposta tamén ás diferentes etapas de xeración e progreso da innovación ata converterse en valor no mercado.

As microempresas e pemes son precisamente obxecto das políticas de impulso ás pemes, e é neste colectivo onde os instrumentos deben dar resposta ás súas necesidades concretas para comezar a innovar ou para facer actuacións que incidan de maneira puntual nas súas capacidades de innovar a curto prazo.

En consecuencia, en 2021 púxose en marcha este apoio á innovación empresarial dirixido ás pemes a través de dúas liñas de acción. Dunha parte, a liña 1 dirixida ás microempresas e pequenas empresas que precisan contratar servizos dos axentes de innovación para acadar un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo, e que non requiren dunha acción integral e/ou de maior esforzo investidor como os plans de innovación. Doutra banda, na liña 2 artellábanse dúas vías de posta en valor de I+D+i nas pemes galegas mediante o fomento e axuda para a busca de financiamento de proxectos de I+D+i en convocatorias non rexionais, ou a obtención de beneficios e /ou exencións fiscais para a I+D+i.

Ademais, a incorporación do deseño nas pemes no contexto actual de transformación representa un elemento de carácter estratéxico de cara á xestión da incerteza, xa que ten incidencia no incremento do seu valor empresarial. O deseño, unido á ciencia e á tecnoloxía, axuda na transformación dese coñecemento en produto, actúa como «unha disciplina clave para levar as ideas ao mercado, transformándoas en produtos ou servizos atractivos e amigables» (Innovation Union, Europe 2020 Flagship Initiative).

Por este motivo, a Axencia Galega de Innovación impulsa desde o ano 2018, tamén no marco da RIS3, o Programa de deseño para a innovación 2020, o cal foi aprobado no Consello da Xunta do 21 de xuño de 2018. O 24 de xuño de 2022 aprobouse no Consello o novo Programa de deseño para a innovación e a sustentabilidade 2024-Diferenza, que dá continuidade ao anterior programa e constitúe a aposta pola innovación e o deseño estratéxico para a transformación social e económica de Galicia desde un enfoque sustentable, atendendo á capacidade dos procesos creativos e do deseño como axentes de cambio.

Esta convocatoria tramítase de xeito anticipado ao abeiro do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009).

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido na normativa europea.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes) destinadas ao financiamento de Bonos de innovación, código de procedemento IN848F. Nesas axudas diferéncianse tres tipos de bonos de que se agrupan nas seguintes liñas:

Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión, contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas ao:

Tipo A. Tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador.

Tipo B. Tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2024 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26 de xuño de 2014).

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Actividades económicas: aquelas actividades que consisten na subministración de bens e/ou servizos nun determinado mercado, aínda cando non haxa ánimo de lucro.

3. Microempresa, pequena e mediana empresa: segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan a menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; e microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o calculo destes parámetros que definen o tipo de empresa deberán recollerse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e normativa europea complementaria.

4. Empresa en crise: A que así se defina consoante ao previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e ás directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUEC núm. 249, do 31 de xullo de 2014), ou documento que o substitúa.

5. Empresa vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

• Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresal.

• Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar á maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

• Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

• Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante, cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

6. Empresa asociada: son empresas que manteñen lazos significativos de asociación financeira con outras empresas, sen que ningunha exerza, directa ou indirectamente, un control efectivo sobre a outra.

Son asociadas as empresas que nin son autónomas nin están vinculadas entre si.

A empresa solicitante é asociada de outra empresa se:

• Posúe unha participación ou dereitos de votos superiores ou iguais ao 25 % da dita empresa, ou se dita empresa posúe unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da empresa solicitante.

• E as empresas non son empresas vinculadas, o que significa, entre outras cousas, que os dereitos de voto dunha delas na outra non supera o 50 %.

• E a empresa solicitante non elabora contas consolidadas que inclúan a dita empresa por consolidación, nin está incluída por consolidación nas contas da dita empresa nin nas de ningunha empresa vinculada a ela.

7. Única empresa: para os efectos do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, inclúense todas as sociedades que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:

• Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

• Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra sociedade.

• Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

• Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro e cuarto deste punto a través doutra ou doutras empresas, tamén se considerarán unha única empresa.

8. Iniciativa empresarial emprendedora: empresa xa constituída que non supere a antigüidade máxima de 42 meses na data de presentación da solicitude, consonte o establecido no artigo 5 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

9. Investigación aplicada: a que ten como finalidade a obtención de novos coñecementos directamente vinculados a procesos empresariais no desenvolvemento de novos produtos ou procesos ou na mellora substancial dos xa existentes. Tamén se coñece como investigación industrial.

10. Desenvolvemento experimental: adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados; pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos ou servizos.

11. Innovación: actividade que ten como resultado a obtención e a posta no mercado de novos produtos, servizos ou procesos, ou melloras substanciais dos xa existentes, de modo que presenten características ou aplicacións que difiran substancialmente dos existentes con anterioridade.

12. Innovación en produto: introdución no mercado dun produto mellorado que difire de xeito significativo dos produtos ou servizos previos tanto para a entidade que os desenvolve como para o mercado que os usa.

13. Innovación en proceso: concepto aplicado tanto aos sectores de produción como aos de distribución. Lógrase mediante cambios significativos nas técnicas, os materiais e/ou os programas informáticos empregados, que teñan por obxecto a diminución dos custos unitarios de produción ou distribución, a mellora da calidade, ou a produción ou distribución de produtos novos ou sensiblemente mellorados.

14. Deseño: o deseño é un proceso centrado no usuario para a resolución de problemas e a exploración de oportunidades que impulsa a innovación non tecnolóxica, que proporciona metodoloxías e ferramentas que poden ser utilizadas en diferentes fases do proceso de innovación para incrementar o valor de novos sistemas de produtos e servizos. O seu uso sistemático como ferramenta de innovación impulsada polo mercado e centrada no usuario, complementa a innovación tecnolóxica e reforza a competitividade. Integrado a un nivel estratéxico na empresa, fortalece a súa marca e o seu posicionamento diferenciado, e crea unha vantaxe sustentable no tempo.

15. Deseño estratéxico: esta disciplina do deseño incorpora deseño, procesos e pensamento de deseño na propia xestión do negocio; o deseño traballa ao servizo da empresa para repensar o concepto de negocio, para crear novos escenarios e visións, para ser unha das forzas estratéxicas que xeren produtos, servizos, interaccións e novos modelos de negocio innovadores.

16. Deseño de produto: enténdese por deseño de novo produto a concepción e desenvolvemento de produtos que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño de produtos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.

17. Deseño de servizos/experiencias: é a actividade de planificar e organizar persoas, infraestrutura, comunicación e materiais que compoñen un servizo, para mellorar a súa calidade, a interacción entre o provedor e as persoas usuarias e as súas experiencias. O deseño de servizos permite deseñar experiencias memorables para as persoas usuarias, crear novos vínculos entre os diferentes axentes do proceso e potenciar as súas capacidades de acción e interacción. Esta disciplina xorde debido a que hai un cambio dunha sociedade industrial a unha sociedade de servizos e provoca que os/as profesionais do deseño deban agora resolver tamén a ergonomía tanto dos produtos como dos servizos e esa é unha tarefa en ocasións altamente complexa.

18. Transferencia: proceso desenvolvido polas persoas físicas ou xurídicas titulares de resultados de investigación ou tecnoloxías protexidos destinado a lle ceder a outra persoa física ou xurídica diferente da que os obtivo os dereitos sobre a titularidade e/ou o uso destes resultados ou tecnoloxías nos termos que se acorden entre as partes mediante un contrato específico chamado «contrato de transferencia», coa finalidade de incorporar estes resultados ou estas tecnoloxías en procesos de innovación.

19. Valorización: actividade consistente en dotar de valor comercial resultados de investigación ou tecnoloxías protexidos que carecen deste para conseguir a súa explotación empresarial ou a súa transferencia mediante o desenvolvemento de accións específicas e planificadas previamente.

20. Entidades do terceiro sector de acción social: son aquelas que cumpren os requisitos do artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, sempre que estean legalmente constituídas e reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar recoñecidas e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante, RUEPSS) da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu patronato ou órgano de goberno desenvolven o seu cometido con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vencellados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

21. Organismos de investigación: son organismos de investigación e difusión (en diante, organismos de investigación), tal e como se definen no artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou a súa forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de maneira independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados destas actividades mediante a ensinanza, a publicación ou a transferencia de coñecementos.

Así, no marco desta resolución, terán a consideración de organismos de investigación:

• Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.

• As universidades do Sistema universitario de Galicia.

• Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.

• As fundacións galegas de investigación sanitaria.

• Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida a I+D como actividade principal nos seus estatutos.

22. Efecto incentivador: considérase que, antes de comenzar a desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda, a persoa beneficiaria presentou por escrito a solicitude da axuda (artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014).

23. Estratexia RIS3 de Galicia: estratexia integrada que articula e coordina, no período 2021-2027, o conxunto de actuacións de I+D+i en Galicia a través dun enfoque de especialización intelixente, concentrando as capacidades e investimentos arredor dos retos e prioridades consensuados, para aproveitar de forma máis eficiente os recursos e lograr un impacto transformador sobre a economía e o benestar da sociedade. Caracterízase pola implicación activa e continuada dos axentes da cuádrupla hélice en todas as súas fases e asegura o cumprimento da condición favorecedora que esixe a Comisión Europea para poder executar os fondos Feder do Obxectivo político 1.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación coa seguinte distribución:

Liña

Capítulo orzamentario

Total

Liña 1. Servizos de apoio á innovación

09.A2.561A.770.0 2016 00013

550.000,00 €

Liña 2. Xestión do financiamento da innovación

Tipo A. Tramitación de incentivos fiscais e bonificacións de persoal investigador

100.000,00 €

Tipo B. Xestión de axudas

100.000,00 €

Total

750.00,00 €

2. As subvencións imputaranse á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto; a concesión destas subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

3. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria, logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. A distribución de fondos entre as liñas da axuda sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse segundo a valoración das solicitudes recibidas, é será posible incluso a incorporación de novas aplicacións orzamentarias e de novos conceptos de gasto tendo en conta a natureza das persoas beneficiarias, sempre sen incrementar o crédito total.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda as microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social, conforme as definicións contidas no artigo 2, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que solicitan a axuda. Cada unha das liñas que compoñen esta axuda vai dirixa ás seguintes entidades:

Bonos

Persoas beneficiarias

Liña 1. Servizos de apoio á innovación

Microempresas e pequenas empresas.

Entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica e categoría de peme.

Liña 2. Xestión do financiamento da innovación

Microempresas, pequenas e medianas empresas.

Entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica e categoría de peme.

2. As entidades do terceiro sector serán as indicadas no artigo 2.20, tamén deben ter actividade económica de conformidade co artigo 2.2 e entrar dentro da categoría económica de peme indicada no punto 3 do artigo 2.

3. As persoas beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no Documento que Establece as Condicións da Axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 21 desta convocatoria.

Artigo 5. Exclusións

1. Quedan excluídos da presente convocatoria e non poderán adquirir a condición de persoas beneficiarias desta axuda:

a) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.4 desta convocatoria.

A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

b) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro. A excepción das entidades do terceiro sector de acción social de conformidade coa definición do artigo 2.

d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

2. De xeito específico quedan excluídas:

a) Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación:

• As pemes que resultasen beneficiarias da liña 1 no programa de bonos de innovación do ano 2023 (Resolución do 18 de xaneiro de 2023, DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2023), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade a súa resolución de concesión.

• As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2022 (Resolución do 4 de abril de 2022, DOG núm. 73, do 18 de abril), e non presentasen renuncia expresa á mesma con posterioridade a súa resolución de concesión.

• As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda da convocatoria Deseñapeme e Innovapeme 2023 (Resolución do 29 de xuño de 2023, DOG núm. 132, do 12 de xullo, respectivamente).

b) Para a liña 2, bonos para a xestión do financiamento da innovación:

• As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2022 (Resolución do 4 de abril de 2022, DOG núm. 72, do 18 de abril), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.

• As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda da liña 2 Innovapeme da convocatoria Deseñapeme e Innovapeme 2023 (Resolución do 29 de xuño de 2023, DOG núm. 132, do 12 de xullo), e non presentasen renuncia expresa á mesma con posterioridade a esta resolución de concesión.

c) As pemes vinculadas ou asociadas e/ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, que sexan beneficiarias simultaneamente na presente convocatoria na mesma liña. Neste caso, as pemes beneficiarias deberán determinar cal é o expediente que continúa no procedemento. En caso de que non se indique, excluiranse as segundas e sucesivas solicitudes, segundo a orde de entrada, de empresas vinculadas, asociadas, ou do mesmo grupo empresarial.

Artigo 6. Contía, intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvención non reembolsable, determinarase sobre o investimento total elixible e será conforme os límites de intensidade previstos no artigo 28 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2. A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada persoa beneficiaria será con carácter xeral, do 70 %, tendo en conta as seguintes condicións:

a) Na liña 1:

i. O investimento subvencionable será, como mínimo, de 15.000 € e dun máximo de 50.000 €.

ii. Os custos de protección de coñecemento terán, en todo caso, unha subvención máxima do 50 %.

b) Na liña 2, a subvención para cada bono será dun máximo de 5.000 €.

2. No caso de que a entidade teña recibido, ou teña en execución, axudas para servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación superiores a 220.000,00 € nos últimos tres anos naturais (incluído o ano da presente convocatoria), a intensidade de axuda estará limitada ao 50 % dos custos subvencionables para estes servizos, de conformidade co artigo 28.4 do Regulamento UE nº 651/2014. Para estes efectos, teñen a consideración de servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación todos os custos que se relacionan no artigo 7 desta resolución, a excepción dos custos da protección do coñecemento (artigo 7.4.c.I).

3. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 que se indican, que teñen a consideración de intensidade máxima.

4. Esta convocatoria establécese en réxime de concorrencia competitiva ata esgotamento de crédito e conforme os criterios de avaliación establecidos para cada unha das liñas de axuda.

Artigo 7. Actividades que se subvencionan

1. Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos efectuados desde a data de presentación da solicitude e ata o 15 de outubro de 2024.

2. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo da actuación terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executada con posterioridade á solicitude.

3. As actuacións deberán enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 recollidos no anexo VIII desta convocatoria.

4. Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación, as actividades que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características:

a) Constituirán unha ou máis actividades que estarán incluídas nunha memoria descritiva (anexo III) que se presentará xunto coa solicitude, que respondan a necesidades xustificadas e cun impacto contrastable na empresa, e que permitan consolidar e/ou incrementar as capacidades tecnolóxicas e de impulso da I+D+i da empresa.

b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 15.000,00 € e dun máximo de 50.000,00 €.

A presentación dunha proposta cun orzamento fora do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

c) As actividades realizaranse mediante a contratación de servizos de apoio á innovación de entre as seguintes tipoloxías:

I. Custos da protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas, referidos aos activos intanxibles da empresa, incluíndo: a xestión da tramitación de novas patentes, modelos de utilidade e os dereitos de propiedade intelectual tanto en España coma internacionalmente, excluíndose o mantemento ou ampliación das existentes.

II. Custos de mellora na xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, incluíndo entre estes:

1. Implantación de sistemas de xestión e organización da innovación, nos que se inclúen: certificacións da especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da xove empresa innovadora» e as incluídas na serie de Normas UNE 166.002 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i» e outras certificacións específicas para o desenvolvemento da investigación e innovación industrial, baixo a consideración discrecional da Axencia Galega de Innovación.

2. Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da arte, para dotarse de información da ciencia e tecnoloxía que permitan identificar oportunidades e tomar decisións para actuacións de I+D+i.

III. Custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos, incluíndo:

1. Estudos de viabilidade tecnolóxica e industrial encamiñados ao desenvolvemento de novos produtos ou servizos, ou análise da mellora ou creación de novos procesos produtivos. Incluíndo, entre outros, bancos de datos e bibliotecas, verificacións de parámetros, estudos de: escalabilidade industrial, durabilidade, fiabilidade, etc.

2. Deseño de produtos e servizos, incluíndo a concepción e desenvolvemento de novos produtos ou servizos, incluídas experiencia, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial. No caso de desenvolvemento de produtos abranguerá desde a análise e conceptualización ata a definición técnica dos diferentes compoñentes, sistemas e mecanismos, modelado 3D e xeración de planos para produción, pero non se inclúe a fabricación de prototipos. Poderá incluír aspectos de ámbito estético e técnico, así como aspectos relacionados coa sustentabilidade para contribuír á transición ecolóxica. As entidades prestadoras destes servizos poderán pertencer ao mapa de provedores de deseño: https://mapadesenogalego.gal/gl

3. Accións para levar a mercado ou implantar os resultados da actividade de I+D+ tales como: estudos de mercado, ensaios, validacións e testaxe de produtos ou servizos.

d) No relativo a novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais, unicamente se admitirán aquelas solucións innovadoras baseadas en: (i) interconexión do mundo físico e virtual a través de realidade aumentada, a impresión 3D, a automatización avanzada e robótica, así como internet das cousas ou sistemas intelixentes embebidos; (ii) sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas a través do tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares), e (iii) ciberseguridade. En calquera caso, a empresa deberá expoñer na memoria os elementos innovadores dos ditos procesos e servizos que porá en marcha baseados nestas tecnoloxías facilitadoras, e non serán subvencionables actuacións de mera implantación.

e) Non serán subvencionables os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, que non supoñan unha actividade de innovación.

Exclúense as actividades destinadas a:

I. Desenvolver accións que se financien pola liña 2 desta convocatoria.

II. Fabricación ou produción de prototipos.

III. Implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas ou similares.

IV. Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.

V. Asesoramento e asistencia técnica en materia xurídica, servizos de publicidade, comunicación e comercialización, salvo os asesoramentos xurídicos e estudos de mercado relativos ás actividades do punto 4, letra c.

VI. Calquera tipo de acción formativa.

VII. Accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización: como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERPs, CRMs, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.

VIII. Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.

IX. Arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.

5. Liña 2, bonos para a xestión do financiamento da innovación. Establécense dúas tipoloxías diferentes:

a) Tipo A. Contratación dos servizos de apoio para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións da seguridade social de persoal investigador que conduzan á obtención da cualificación fiscal vía informe motivado vinculante correspondente ao exercicio fiscal 2023. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.

No caso de deducións fiscais por I+D+i, unicamente serán subvencionable as actuacións relativas a proxectos que se tramiten a través da obtención do Certificado (Informe técnico e económico) emitido por unha Entidade de Certificación acreditada por ENAC requirido para a solicitude do informe motivado «tipo a» (en adiante, informe motivado ex-post) de conformidade co artigo 2 do Real decreto 1432/2003, do 21 de novembro, polo que se regula a emisión polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de informes motivados.

No caso de bonificacións de persoal investigador, soamente serán subvencionables as actuacións das empresas que apliquen bonificación nas cotas de dez ou máis investigadores de conformidade co artigo 8.1 do Real decreto 475/2014, do 13 de xuño, sobre bonificacións na cotización á Seguridade Social do persoal investigador. Neste caso, a empresa deberá obter un Certificado (Informe de calificación de persoal investigador) a través dunha Entidade de Certificación acreditada por ENAC para a solicitude do informe motivado tipo d de conformidade co artigo 2 do Real decreto 1432/2003, do 21 de novembro, polo que se regula a emisión polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de informes motivados.

Para a xustificación do bono, será preciso acreditar a obtención dos informes de calificación da entidade acreditada por ENAC, así como a solicitude en prazo do informe motivado anteriormente citado.

b) Tipo B. Contratación de servizos para a tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.

A tramitación da solicitude de axuda a calquera convocatoria deberá estar presentada no período elixible de gastos, sendo a súa acreditación a través do rexistro de entrada do organismo que proceda no momento de xustificación do bono, salvo que a convocatoria prevexa outra forma de presentación, en cuxo caso deberá acreditarse adecuadamente a esta.

As propostas presentadas deberán ter previsto a realización de actividades de I+D+i exclusivamente en Galicia por parte da entidade solicitante.

Artigo 8. Conceptos de gasto que se subvencionan

1. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos. Estarán directa e inequivocamente relacionados coas accións que se subvencionan e cuxo nexo poida demostrarse.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados nos períodos temporais establecidos para cada unha das liñas de axuda. A contratación e prestación do servizo subvencionado terá que facerse no antedito período temporal segundo o artigo 25.1.

3. Os conceptos de gasto agruparanse por liña do seguinte modo:

a) Liña 1:

i. Custos da protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas.

ii. Custos de xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica.

iii. Custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

b) Liña 2:

i. Tipo A, custos da tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións de persoal investigador. Serán custos subvencionables tanto os relativos á entidade certificadora acreditada por ENAC, como os relativos a servizos de consultoría ou profesionais, de ser o caso, necesarios para a tramitación da solicitude do informe motivado relativo e dos certificados obligatorios emitidos polas entidades acreditadas por ENAC.

ii. Tipo B, custos da tramitación de novas solicitudes de propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais. Serán subvencionables os custos por parte de profesionais dos ámbitos de consultoría e estratexia de innovación que elaboren a documentación e tramitación destas actuacións unicamente no referente á solicitude das ditas axudas, non incluíndo a xestión posterior en caso de aprobación ou negociación co organismo ao cal se presentou a solicitude.

4. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

5. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos que se subvencionan con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial coa persoa beneficiaria, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial participan como entidades contratadas, como provedores, provedores de servizos ou dalgunha outra forma, a súa actividade non será subvencionable.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 9. Ofertas

1. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren, o que deberá xustificarse expresamente.

2. As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberanse referir á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderanse admitir ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio da Gain, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

3. Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

4. Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderase considerar subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

Artigo 10. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizadas, na que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE.

b) No caso de que o asinante da solicitude non actúe como administrador único para a representación da entidade, deberá achegar documento acreditativo do poder de representación con validez xurídica (escrituras, poder bastanteado, entre outros).

c) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal. No caso de non ter antigüidade suficiente para ter obriga de presentar o modelo 200, achegarase declaración responsable conforme non se ten pechado exercicio fiscal e obriga de presentar o imposto de sociedades.

d) No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da seguridade social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

e) Anexo VI, declaración da condición de peme.

No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar os anexos VI-A, VI-B, VI-A.1, ou VI-B.1 segundo corresponda.

Tamén, como documentación complementaria, deberase achegar, para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas, a documentación dos puntos «a», «c», e «d» deste artigo.

f) Deberase presentar a documentación acreditativa de aqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 19 desta convocatoria que sexan de aplicación. Estes documentos acreditativos non serán emendables, polo tanto, a non presentación dos ditos documentos na presentación da solicitude, implicará a non puntuación nos ditos criterios. Os criterios e documentos son os seguintes:

i. Plan de igualdade: será preciso presentar o rexistro do plan de igualdade ou certificado da oficina de rexistro conforme se cumpre a súa inscrición.

ii. Compromiso coa sustentabilidade ambiental: será preciso a presentación de certificación en vigor de xestión ambiental (ISO 14001, Emas, ...), de xestión enerxética (ISO 50001, outras), certificacións MSC, FSC, SAN, FAIRTRADE, ... ou documento acreditativo de entidade recoñecida nestes ámbitos. Non serán válidos rexistros electrónicos nin correos electrónicos, ou outro documento non verificable.

Responsabilidade social empresarial: será preciso a presentación de certificación en vigor da norma OSHAS 18001 ou ISO45001, SA8000, ISO26000, ...

g) Para as empresas que soliciten axudas por importe superior a 30.000 €, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

2. Ademais, deberase achegar segundo o tipo de bonos:

a) Liña 1:

i. Memoria descritiva da empresa, segundo as especificacións do anexo II.

ii. Memoria descritiva das actuacións a levar a cabo, segundo anexo III.

b) Liña 2:

i. Memoria descritiva da empresa, segundo as especificacións do anexo II.

ii. Cadro resumo das actuacións a levar a cabo na liña 2A, segundo o anexo IV.

iii. Cadro resumo das accións a levar a cabo na liña 2B, segundo o anexo V.

3. A falla de presentación da memoria dentro do período de admisión de solicitudes, non se considera emendable e acordarase de oficio a inadmisión da solicitude. Do mesmo xeito, non se admitirán melloras, adicións ou substitucións das memorias con posterioridade ao vencemento do prazo máximo para a presentación de solicitude, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva. As memorias deberán respectar as especificacións indicadas nos anexos correspondentes; a presentación de memorias utilizando outros formatos será causa de inadmisión da solicitude.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

e) Certificado de estar ao dia do pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

Artigo 15. Información ás persoas interesadas

1. Sobre o procedemento administrativos que se inclúe nesta convocatoria, co código IN848F, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa lapela de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 70 17, 881 99 91 60 e 981 95 70 08 da devandita Axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento e as incidencias no funcionamento na sede electrónica poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 6 e seguintes da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

4. En cumprimento do previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións e corresponderalle á Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das ditas axudas.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, ou non se lle xunta a documentación exixida, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver os procedementos e para o seguimento e avaliación da RIS3 na que se enmarcan estas axudas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados conforme os criterios de avaliación e remitidos á Comisión de Selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria que se especifica na convocatoria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto para as infraccións e sancións nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composta por:

a) Un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) Unha persoa que exerza a xefatura de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa na que delegue.

c) Un empregado público da Axencia Galega de Innovación, actuando como secretario.

2. A Comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude, conforme os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras.

Proporase a concesión das solicitudes que superen a puntuación mínima indicada no artigo 19.1 para cada liña, por orde decrecente de valoración ata que non haxa crédito suficiente para financiar a seguinte solicitude na prelación elaborada, ben porque se esgotou o crédito previsto nas bases, ben porque o remanente de crédito sexa insuficiente para o seu financiamento, quedando, de ser o caso, como suplentes aquelas solicitudes para as cales non se dispón de crédito suficiente.

3. A Comisión de Selección emitirá un informe final no cal figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe do custo subvencionable e da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible e tendo en conta a intensidade de axuda prevista nesta convocatoria.

Artigo 19. Criterios de avaliación

1. A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria será realizada por xestores/as técnicos/as da GAIN, que poderán contar co apoio de persoal experto externo.

A avaliación de cada proxecto que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria realizarase sobre un total de 100 puntos para a liña 1 e de 40 puntos para as liñas 2A e 2B, que se outorgarán de conformidade aos criterios de avaliación específicos sinalados no punto seguinte. Será preciso acadar unha puntuación mínima de 50 puntos na liña 1, e de 10 puntos na liña 2 para ser considerado elixible pola Comisión de Selección.

2. Os criterios de avaliación clasifícanse segundo as características que se examinarán en criterios xerais vencellados á empresa solicitante dunha parte, e doutra parte, criterios específicos de cada liña de axuda:

A. Características xerais da empresa solicitante, comúns a todas as liñas.

B. Criterios específicos para a liña de axuda 1.

C. Criterios específicos para a liña de axuda 2A.

D. Criterios específicos para a liña de axuda 2B.

A. Características xerais da empresa solicitante, comúns a todas as liñas (ata 20 puntos).

a) Ter a consideración de iniciativa empresarial emprendedora: ata 5 puntos.

b) Non ter sido beneficiario nos últimos 3 anos de axudas de I+D+i: 4 puntos, coa finalidade de favorecer a introdución de novos actores no sistema galego de I+D+i.

c) Estar situada e desenvolver o proxecto nun concello emprendedor (segundo o protocolo de colaboración para a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia: 5 puntos. A relación de concellos emprendedores pode consultarse neste enderezo: https://galiciaempresa.xunta.gal/concellos-emprendedores

d) Dispor dun plan de igualdade rexistrado: 2 puntos. Deberá acreditarse coa documentación indicada no artigo 13.1.d).

e) Compromiso coa sustentabilidade ambiental: 2 puntos. Deberá acreditarse coa documentación indicada no artigo 13.1.d).

f) Responsabilidade social empresarial ou ser entidade inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS): 2 puntos. Deberá acreditarse coa documentación indicada no artigo 13.1.d).

B. Criterios específicos para a liña de axuda 1 (ata 80 puntos).

B1. Calidade técnica da solicitude (ata 45 puntos).

a) Obxectivos da empresa coas actuacións propostas: ata 15 puntos. Valorarase a información relativa á situación de partida, os retos ou riscos que teñen que ser abordados a través da innovación e os resultados esperados en canto ao fortalecemento da empresa.

b) Grao de innovación: ata 10 puntos. Valorarase o grao de novidade para a empresa, para o sector ou a nivel nacional ou internacional, se procede.

c) Grao de concreción da proposta: ata 10 puntos, valorarase o detalle das actuacións a levar a cabo e a capacidade dos provedores, así como a coherencia dos servizos que se van contratar cos obxectivos da empresa.

d) Coherencia económica do orzamento: ata 10 puntos. Xustificación da necesidade e adecuación da/s partida/s en que se distribúe o orzamento do proxecto.

B.2. Impacto socioeconómico do proxecto (ata 35 puntos).

a) Resultados e impacto do proxecto no seu ámbito de influencia: ata 15 puntos. Valorarase o fortalecemento da cadea de valor, o impacto na sociedade ou melloras nos aspectos ambientais da proposta.

b) Realización de innovacións tecnolóxicas baseadas nas TFE segundo a listaxe do anexo VII, ata 5 puntos.

c) Implementación dos resultados no curto prazo: ata 15 puntos. Valorarase a capacidade técnica e a experiencia da entidade na realización de proxectos de innovación e/ou no sector no que opere, así como a inmediatez da implantación dos resultados acadados e os impactos directos medibles (p.e. emprego, facturación, etc.)

C. Criterios específicos para a liña de axuda 2A (ata 20 puntos):

a) Non ter deducións de I+D+i nos dous últimos anos (2021, 2022): 10 puntos.

c) Incremento das deducións fiscais previstas de I+D+i no ano 2023 respecto da dedución xerada en 2022: 5 puntos.

d) Solicitude de bonificacións de persoal investigador en 2023: 5 puntos.

D. Criterios específicos para a liña de axuda 2B (ata 20 puntos):

a) Proxecto colaborativo liderado pola persoa beneficiaria: 5 puntos.

b) Non ter presentado proxectos a convocatorias de I+D+i nacionais nos últimos 3 anos: 10 puntos.

c) Con implicacións de TFE ou colaboración con organismos de investigación galegos: ata 5 puntos.

3. As puntuacións segundo a liña de axuda son:

Modalidade da axuda

Puntuación máxima

Liña 1, servizos de apoio á innovación

100 puntos

Liña 2-tipo A, tramitación de incentivos fiscais á I+D+i

40 puntos

Liña 2-tipo B, solicitude de axudas á I+D+i estatais, europeas ...

40 puntos

Se as empresas solicitantes empatan na puntuación que obteñen, como criterio de desempate establécese como orde de prelación:

Primeiro. A entidade que obtivese maior puntuación no punto A de criterios de avaliación.

Segundo. En caso de persistir o empate, considerarase en primeiro lugar a empresa que teña un plan de igualdade rexistrado, e posteriormente, consideraranse as puntuacións obtidas nos restantes criterios do punto A, pola orde indicada neste artigo, ata que se desfaga o empate.

Artigo 20. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución en cada unha das liñas de axuda desta convocatoria, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 21. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

No expediente de concesión de subvencións tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para accederen ás axudas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ao non seren tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas que as aducidas polas persoas interesadas, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada liña de axuda:

a) A denominación das persoas beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda concedida, e a desagregación dos ditos importes por conceptos de gasto para a liña 1.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada persoa beneficiaria un documento no que deberán figurar, como mínimo, a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da antedita lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 22. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer na sede electrónica onde se tramitou o procedemento ou por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan ás persoas coa capacidade de obrar en nome da entidade beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigos 21.1 da devandita norma.

Artigo 24. Modificación da resolucións

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter autorización previa da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios nestas.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente, logo de solicitude.

3. As modificacións unicamente serán admitidas a trámite, sempre que a solicitude se presente cunha anterioridade mínima dun mes antes da data de finalización do prazo de execución e faranse efectivas se:

a) A modificación é autorizada expresamente pola Axencia Galega de Innovación.

b) A modificación non afecte: a liña e tipo de bono financiado, aos obxectivos perseguidos coa axuda, aos seus aspectos fundamentais ou que tivesen sido determinantes para a concesión da axuda, á determinación da persoa beneficiaria, nin danan os dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formularse pola representación legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos nos que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, e notificaráselle á persoa interesada.

Artigo 25. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria e normativa de aplicación, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

i. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano que a concede, así como cumprir os requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no que se establecen as condicións de axuda.

ii. Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

iii. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

iv. Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

v. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

vi. Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

vii. Desenvolver as actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as consideracións desta convocatoria.

viii. Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización previa para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento que se financia suporá a non admisión das cantidades desviadas.

ix. Publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa. As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

x. Colocar, nun lugar ben visible para o público, un cartel informativo, de tamaño mínimo A3, no que figurará, como mínimo, o nome da actividade subvencionada, o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

xi. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos, contados a partir do ano no que rematan as actividades obxecto da axuda.

xii. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros instrumentos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á comunidade autónoma de Galicia.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas persoas beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de innovación, durante a execución e ao finalizar da axuda (ex-post), as persoas beneficiarias deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

xiii. Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia, para o cal será convocado expresamente con antelación. Á dita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa pertencente ao cadro de persoal da persoa beneficiaria, vinculada ás tarefas de innovación.

xiv. Calquera outra obriga imposta de maneira expresa as persoas beneficiarias na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 26. Xustificación da subvención

1. Prazos de xustificación:

O período de emisión de facturas (comezo de execución da actividade e facturación do gasto) e pagamento bancario do servizo será desde a data de presentación da solicitude de subvención e o 15 de outubro de 2024.

Poderá presentarse a documentación xustificativa, ata o 15 de outubro de 2024.

En todo caso, só se considerará gasto realizado o que fose efectivamente pagado durante o período de xustificación, sempre que se respecten os prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, en aplicación da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de crecemento e creación de empresas.

Na liña 2A, o informe asinado emitido pola entidade acreditada por ENAC poderá presentarse ata o 15 de novembro de 2024.

2. A documentación xustificativa da subvención deberá presentarse conforme o indicado no artigo 14 da presente resolución, utilizando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

3. Sen prexuízo da documentación que se indique, poderá requirirse información, datos, documentos complementarios e as aclaracións oportunas que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Soamente serán admitidos os custos para os cales quede demostrado de xeito explícito a súa rastrexabilidade, con pistas de auditoría suficientes para a súa verificación e que cumpran os requisitos e preceptos establecidos na presente convocatoria e normativa de aplicación.

5. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente, a Axencia Galega de Innovación requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Documentación xustificativa

Para a xustificación de cada anualidade, a empresa beneficiaria achegará a seguinte documentación, cuxos modelos estarán dispoñibles na web da Axencia Galega de Innovación xunto coas instrucións necesarias, a través da Carpeta Cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

1. Solicitude de libramento da axuda asinada pola representación legal da entidade.

2. As seguintes declaracións responsables segundo os modelos establecidos:

– Declaración do conxunto de axudas, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas, solicitadas ou concedidas, para os mesmos custos aínda que a finalidade fose diferente, de todas as administracións públicas.

– Declaración de mantemento de contabilidade separada para o proxecto de innovación.

– Declaración responsable dos datos de titularidade da conta bancaria da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

3. No caso de que a entidade beneficiaria se opoña ou non manifesten o seu consentimento expreso para a súa consulta por parte do órgano xestor, achegaranse os certificados que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a persoa beneficiaria está ao día nas súas obrigas tributarias.

4. Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia en formato pdf dos documentos orixinais.

Deberá presentarse copia das tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 9 das bases reguladoras.

5. Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número de factura e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas e copia destas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

6. Certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE, só para os casos no que o seu importe non sexa recuperable total ou parcialmente, e poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado de exención ou rateo relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

7. De xeito específico:

Liña 1. Ademais da antedita documentación:

i. Resumo de execución de gastos.

ii. Memoria descritiva das accións desenvolvidas e os impactos que se prevén. A memorias deberán respectar as especificacións indicadas no modelo normalizado que estará dispoñible na web da Gain; a presentación de memorias utilizando outros formatos poderá ser causa de perda do dereito ao cobramento da subvención.

Liña 2. Achegarase:

i. Tipo A, diferénciase entre:

1. Proxectos obxecto de dedución fiscal por I+D+i, neste caso deberán achegarse o/s informe/s asinado emitido/s pola entidade certificadora acreditada por ENAC, correspondente ao/s proxecto/s de I+D+i obxecto do servizo subvencionable, así como o rexistro de solicitude do informe motivado «tipo a» ou ex-post correspondente.

2. Para as bonificacións na cotización á seguridade social por persoal investigador, achegarase o informe asinado emitido pola entidade acreditada por ENAC, así como o rexistro de solicitude do informe motivado «tipo d».

ii. Tipo B: rexistro de entrada e formulario da solicitude de axuda do proxecto subvencionable. No caso de que a convocatoria prevexa outra forma de presentación, deberá xustificarse e acreditarse adecuadamente esta.

Artigo 28. Pagamento

O pagamento da axuda efectuarase á persoa beneficiaria ou entidade con dereito o cobramento desta, despois da verificación da documentación xustificativa presentada e as accións de inspección e verificacións que sexan pertinentes.

A concesión destes pagamentos realizarase mediante resolución motivada.

Artigo 29. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

En calquera momento, poderanse realizar visitas ás persoas beneficiarias coa finalidade de realizar comprobacións e solicitudes de aclaracións que se consideren necesarias para a verificación do correcto desenvolvemento das actividades para as que se concedeu a axuda, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Si se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos para os que se concederon, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar as persoas beneficiarias, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

Artigo 30. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria de estar ao día das obrigas coa Facenda Estatal e Autonómica e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro, se non se tivese aboado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 31. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da dita axuda. De non ser así, perderá o dereito ao cobramento e/ou, se for o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o procedemento de reintegro previsto na citada Lei e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Son causas de reintegro as seguintes:

1º. O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

2º. O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do plan inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

3º. O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

4º. O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 25 desta convocatoria.

5º. A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

6º. O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do emprego.

7º. Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento dos obxectivos da axuda, das actividades previstas no proxecto ou das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e comprobación da xustificación, será causa de reintegro total da subvención.

En particular, serán causa de reintegro total da axuda e, se é o caso, da perda do dereito ao cobramento, non xustificar a execución dun orzamento mínimo de 9.000 € do bono de servizos da innovación (liña 1) concedido.

2. O incumprimento parcial dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes.

Tratándose de condicións referentes á contía do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao investimento deixado de xustificar ou xustificado indebidamente minorándose a subvención proporcionalmente.

Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da axuda do seguinte xeito:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Si se tivesen incumprido as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto de innovación dando lugar a un informe final negativo o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre que se acade a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas, suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non dar publicidade destas axudas de conformidade co artigo 25 ix e x desta resolución, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

e) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

f) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

g) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % da subvención concedida.

h) Non asistir á xornada formativa que impartirá a Axencia Galega de Innovación nos termos e condicións establecidos desta convocatoria suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

3. Excepcionalmente, se o incumprimento derivase de causas de forza maior, causas non imputables á persoa beneficiaria ou non previsibles ao longo do desenvolvemento do proxecto, a Axencia Galega de Innovación poderá revisar a aplicación das penalizacións en función do grao e da entidade da condición incumprida e sempre que se cumprisen as actividades e obxectivos do proxecto acadando un informe final positivo.

4. Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

Artigo 33. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 31 desta convocatoria, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 34. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas de estado.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento no que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte da persoa beneficiaria.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte da persoa beneficiaria durante un período determinado de tempo, desde o momento no que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal da persoa beneficiaria, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal, ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal da persoa beneficiaria no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna da persoa beneficiaria conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 35. Normativa

As axudas obxecto desta convocatoria teñen como referencia lexislativa fundamental a seguinte normativa:

• Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. L187, do 26 de xuño de 2014).

• Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L124, do 20 de maio de 2003).

• Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión. Exemplo de declaración sobre a información relativa á condición de peme dunha empresa (DOUE núm. C118, do 20 de maio de 2003). Corrección da Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión no que se refire á nota explicativa relativa aos tipos de empresas consideradas para calcular os efectivos e importes financeiros (DOUE núm. C42, do 18 de febreiro de 2005).

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015).

• Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño de 2007).

• Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 34, do 19 de febreiro 2014).

• Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro de 2012).

• Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009).

• Resto de normativa aplicable.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

Anexo II

Memoria descritiva da entidade solicitante

Número máximo de páxinas 5. Tamaño de letra: Arial 10.

Todos os contidos incluídos nas páxinas que excedan o número que se determina neste documento, non serán tidas en conta na avaliación do proxecto de innovación.

A memoria deberá ter os contidos mínimos que se describen a continuación e coa extensión na súa redacción que se indica. Non se admitirán melloras, adicións ou substitucións das memorias con posterioridade ao vencemento do prazo máximo para a presentación da solicitude.

A presentación de memorias utilizando outros formatos será causa de inadmisión da solicitude.

Presentación da entidade

Breve presentación da entidade. Indique, se procede, se pertence a un grupo empresarial ou conta con entidades asociadas ou vinculadas.

Actividade económica que desenvolve, produtos ou servizos que presta

Ámbito sectorial e alcance territorial

Experiencia en actividades de I+D+i.

Indicar, de ser o caso, a experiencia da empresa en actividades de I+D+i, se está en posesión do selo peme Innovadora ou en trámites para conseguilo, se conta con boas prácticas empresariais, así coma outros aspectos que considere de interese.

Anexo III

Memoria descritiva para bonos para servizos de apoio á innovación (liña 1)

Número máximo de páxinas 7. Tamaño de letra: Arial 10.

Todos os contidos incluídos nas páxinas que excedan o número que se determina neste documento, non serán tidas en conta na avaliación.

Non se admitirán melloras, adicións ou substitucións das memorias con posterioridade ao vencemento do prazo de presentación.
A presentación de memorias utilizando outros formatos será causa de inadmisión da solicitude.

Descrición dos obxectivos do proxecto.

Indique claramente as necesidades da súa empresa, os retos, os riscos e dificultades aos que se enfrente e, polo tanto, por que precisa innovar. Indique os resultados que pretende acadar, poderán ser obxectivos globais ou específicos dunha área da empresa, produto, servizos, procesos, etc.

Actividades previstas para a consecución dos obxectivos.

Describa as tarefas a levar a cabo a través dos servizos a contratar.

Indique cal será o labor do provedor, en caso de estar definido este, resuma a súa capacidade ou experiencia para as tarefas previstas.

No caso de preverse a utilización de TFEs, indicar cales.

Grao de novidade das tarefas ou resultados para a entidade, para o mercado, e/ou para sector.

Indique claramente se as actividades conducen á obtención ou a posta no mercado de novos produtos, servizos ou procesos, ou no caso de que non sexan novos, as melloras substanciais que obterán respeto dos xa existentes, de modo que presenten características ou aplicacións que difiran substancialmente dos existentes con anterioridade. Distíngase se a novidade é para a propia empresa ou para o sector ou mercado nacional e/ou global.

Orzamento do proxecto

Breve descrición do gasto ou tarefa a levar a cabo

Tipo de gasto (art. 8.3)

Custo

Provedor (en caso de estar seleccionado)

Total

Resultados esperados e impacto do proxecto.

Indique a experiencia da entidade no eido da innovación.

Indique cal é o impacto das tarefas previstas en canto a futuras innovacións e competitividade da empresa (facturación, emprego, exportacións...).

Explique como impactan as innovacións levadas pola entidade na súa cadea de valor, na sociedade ou no ambiente.

ANEXO IV

Memoria descritiva para bonos para a xestión do financiamento da innovación.
Liña 2A

Indique os datos unicamente referidos á tramitación a través do bono solicitado, non indique os datos doutras deducións non derivadas da actuación incentivada co bono.

Custo en I+D previsto certificar do exercicio fiscal 2023 (euros)

Custo en innovación previsto certificar do exercicio fiscal 2023 (euros)

Total de gasto (euros) 0

Dedución por I+D prevista do exercicio fiscal 2023 (euros)

Dedución por innovación prevista do exercicio fiscal 2023 (euros)

Total dedución do exercicio fiscal 2024 (euros) 0

Nº de persoas a acreditar para a bonificación persoal investigador

Entidade certificadora prevista (se a ten identificada)

Entidade consultora prevista (se aplica e a ten identificada)

Describa brevemente o/os proxecto/s que dan lugar á dedución prevista e/ou bonificacións por persoal investigador sinalada previamente: indique se é un ou varios proxectos, se estes obtiveron financiamento, e se dispoñen de informe motivado ex-ante.

Explique brevemente as temáticas dos proxectos que se van deducir, ámbitos tecnolóxicos ou principais innovacións que defenden.

Se colabora con organismos de investigación galegos, indique cales.

ANEXO V

Memoria descritiva para bonos para a xestión do financiamento da innovación.
Liña 2B

Describa a/as propostas de proxectos que se pretenden tramitar a través do bono

Entidade/es consultora/s ou provedor de servizos prevista para a tramitación da/das proposta/s (se a ten identificada)

PROPOSTA 1*

Título curto da proposta

Orzamento da súa entidade (euros)

Nome da convocatoria

Data de peche

Organismo responsable

Ligazón á web da convocatoria

Indique se a proposta é cooperativa ou individual

Se na proposta colabora vía subcontratación, servizo ou consorcio con organismos de I+D+i galegos, indicar nome/s e importes

A proposta está baseada en TFE?

*Copie a táboa tantas veces como precise en función do número propostas incluídas no bono.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Tecnoloxías facilitadoras esenciais[1]

Son aquelas tecnoloxías cun uso intensivo de coñecemento que están asociadas a unha elevada actividade de I+D e uns ciclos rápidos de innovación. Estas tecnoloxías fan posible a innovación en procesos, bens e servizos e teñen carácter transversal e importancia sistémica na actividade industrial das pemes.

As tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) están relacionadas coas tecnoloxías industriais avanzadas empregadas en diferentes cadeas de valor:

a) Nanotecnoloxías e a súa aplicación industrial na asistencia sanitaria, a enerxía, o ambiente, a fabricación avanzada, ...

b) Microelectrónica e nanoelectrónica na aplicación de sistemas de control intelixentes para a xestión máis eficiente da xeración, almacenamento e transporte e o consumo da electricidade.

c) Fotónica e as súas aplicacións.

d) Fabricación con materiais avanzados que reducen a pegada de carbono e a demanda enerxética.

e) Biotecnoloxía con alternativas limpas e sustentables nos procesos relacionados con operacións industriais e agroalimentarias.

f) Tecnoloxías de transformación dixital: unicamente se valorarán as seguintes:

1. Interconexión do mundo físico e dixital: realidade aumentada e impresión en 3D, automatización avanzada e robótica, internet das cousas e sistemas intelixentes embebidos.

2. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas a través do tratamento de datos captados a través de intelixencia de negocio ou big data.

3. Ciberseguridade.

Anexo VIII

Retos, prioridades e ámbitos de prioridade da RIS3 de Galicia 2021-2027

ÁMBITOS DE PRIORIZACIÓN

RETO 1

RETO 2

RETO 3

PRIORIDADE 1: SOSTIBILIDADE

Biocombustibles e enerxías renovables (R1, R2)

O

O

Biotecnoloxía agrícola, marina, industrial e ecolóxica (R1, R2)

O

O

Construcción sostible (R2)

O

Descarbonización das cadeas de valor (R1, R2, R3)

O

O

O

Desenvolvemento de téxtiles sostibles (R2)

O

Economía circular e simbiose industrial (R1, R2)

O

O

Eficiencia enerxética en procesos productivos, en construción e en mobilidade (R1, R2, R3)

O

O

O

Materias primas, produtos, envases e embalaxes máis sostibles na cadea de valor alimentaria (R1, R3)

O

O

Mellora, preservación, xestión sostible e posta en valor da biodiversidade (R1)

O

Mobilidade urbana e rural (R2, R3)

O

O

Turismo e patrimonio cultural sostible (R1)

O

PRIORIDADE 2: DIXITALIZACIÓN

Administración Pública Dixital (R3)

O

Desenvolvemento de competencias dixitais e educación dixital (R2)

O

Desenvolvemento de propostas de valor ao redor dos recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos (R1)

O

Fabricación avanzada e intelixente (R2)

O

Redes intelixentes, fexibilidade e almacenamento enerxético (R2)

O

Saúde dixital (R3)

O

Soberanía tecnolóxica (desenvolvemento de coñecemento, tecnoloxías e aplicacións innovadoras propias) (R1, R2, R3)

O

O

O

Tecnificación e dixitalización do sector primario (agricultura, gandería e forestal, pesca e acuicultura) e da industria mineira (R1)

O

Xerontotecnoloxías (R3)

O

PRIORIDADE 3: ENFOQUE CARA ÁS PERSOAS

Alimentación humana saudable e funcional (R3)

O

Deporte para a promoción da autonomía persoal e mellora na calidade de vida (R3)

O

Desenvolvemento de téxtiles sostibles e para o deporte (R2)

O

Economía prateada e dos coidados (R3)

O

Medicina de prevención, rexenerativa e de precisión (R3)

O

Novas solucións de hábitat e modelos de convivencia (R3)

O

Saúde animal: veterinaria e alimentación de precisión (R1)

O

Turismo saudable baseado en recursos naturais (R3)

O

Investigación básica de excelencia e na fronteira do coñecemento

Transversal ao ecosistema de I+D+i

[1] A súa importancia ven inicialmente reflectida en a Comunicación da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións, do 30.9.2009, «Preparar o noso futuro: desenvolvemento dunha estratexia común na UE para as tecnoloxías facilitadoras esenciais» e na Comunicación da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións, do 26.6.2012, «Estratexia europea para as tecnoloxías facilitadoras esenciais: unha ponte ao crecemento e ao emprego»