DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 6988

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Entroido.

A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial define este como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles- que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

O Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos, posuidores e titulares das iniciativas e actuacións encamiñadas á investigación, documentación, promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

O artigo 1.2 da citada LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores devanditos e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar no cal se creasen.

O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditaminan o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no ordinal 5º deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos», e no ordinal 7º «as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos».

O artigo 70.4 da LPCG dispón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.

O artigo 70.5 da LPCG establece que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico.

O artigo 70.6 da LPCG expón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recollerá o marco temporal e espacial no cal o ben se manifesta, así como as condicións concretas en que se produce.

O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

O Estado español declarou, mediante o Real decreto 383/2017, do 8 de abril, o Carnaval como manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial. No artigo segundo do texto legal establécese que o Carnaval é unha das manifestacións culturais inmateriais máis emblemáticas, vividas e recreadas de España. A orixe desta festa remóntase a épocas ancestrais, experimentou numerosas hibridacións culturais ata a actualidade, e presenta, neste sentido, elementos que caracterizan tamén outras festas, principalmente do período invernal.

O Carnaval maniféstase tanto nos valores relacionados coa diversión, a catarse, o ocio e incluso a relixión, como na súa capacidade de expresión identitaria para moitos colectivos. Porén, recoñécese no devandito real decreto que existe unha enorme amplitude de formas de vivir o Carnaval, desde as expresións rurais máis primitivas ás grandes manifestacións urbanas que se mesturan nesta festa mediante símbolos de orixe pagán, baseados en supostas referencias históricas e elementos relixiosos. Por tanto, conclúese que, non existe un único modelo de celebración, senón que é un fenómeno plural e diverso, pero que responde a unha vivencia común que lle dá unidade e representatividade en España.

Esta variedade das formas de vivir e sentir o Entroido tamén se presenta na Comunidade Autónoma de Galicia, que dispón dunha ampla diversidade de entroidos que, nalgúns casos, responden a dinámicas diferentes, mesmo con ciclos temporais de duración variable, pero que teñen en común que se trata dunha festa popular na cal conflúen rituais cristiáns e pagáns, cuxa participación é espontánea e que se celebra no período inmediatamente anterior á Coresma.

Nesta liña, xa se recoñeceron bens de interese cultural algúns dos entroidos que se celebran en Galicia, en concreto, na Ribeira Sacra, mediante o Decreto 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Trátase do Entroido de Santiago de Arriba (Chantada), do Entroido de Salcedo (A Pobra do Brollón) e do Entroido de Esgos (Esgos).

Así mesmo, varios dos entroidos galegos foron recoñecidos como festas de interese turístico: o Entroido de Xinzo de Limia é festa de interese turístico internacional; o Entroido de Verín constitúese como festa de interese turístico nacional, e outros nove entroidos están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia: o Entroido de Cobres, o Entroido de Laza, o Entroido de Viana do Bolo, o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais da Ulla, o Entroido de Maceda, o Entroido de Vilariño de Conso, o Entroido de Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.

A maiores, a gastronomía, un aspecto conformador da vida social e vinculado ao longo da historia ao Entroido, concita abondosas celebracións específicas. En efecto, na actualidade existen cinco festas gastronómicas de interese turístico relacionadas co Entroido, que son a Feira do Cocido de Lalín, festa de interese turístico internacional, e a Festa da Filloa de Lestedo, a Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, a Festa da Androlla de Viana do Bolo e a Festa do Botelo do Barco de Valdeorras, que son festas galegas de interese turístico.

Na actualidade o Entroido tradicional en Galicia mantén, en xeral, un carácter e unhas raíces rurais asociadas ao emprego da máscara no contexto temporal e significativo das festas de inverno, aínda que determinados aspectos e expresións entroidísticos agromasen e acadasen un desenvolvemento e vixencia específicos en determinados carnavais urbanos de Galicia.

Así mesmo, no Entroido hai unha serie de ritos, cunhas normas, expresións e materialidade que, aos poucos, mudan e se adaptan aos tempos, desexos e modas adoptados polos participantes, e constitúen un patrimonio cultural vivo e valioso para comunidades, grupos e persoas de Galicia.

Neste sentido, o Entroido galego cumpre todos os requisitos fixados no Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial para gozar da consideración de manifestación do patrimonio cultural do pobo Galego. Isto é, ser compartido polos membros dunha colectividade; estar vivo, ser dinámico, vulnerable e non admitir copia; ser transmitido, polo xeral, desde a infancia, e recreado mediante certas pautas de organización baixo unha orde ritual específica; resultar preservado de xeito tradicional pola comunidade; formar parte da memoria colectiva viva, como unha realidade socialmente construída; ser experimentado como vivencia; ter unha estreita conexión coa dimensión material da cultura e estar contextualizado nun tempo e marco espacial; desenvolverse e experimentarse no tempo presente; remitirse tanto á biografía individual como colectiva e, finalmente, ter un efecto rexenerador na orde social.

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que o Entroido se configura como unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, é susceptible de ser declarado ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Tendo en consideración todo o exposto e o contido da documentación do expediente, e por resultar o Entroido unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 19 do Decreto 119/2022, do 20 de xuño, polo que se dispón a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural o Entroido, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, contados a partir da data desta resolución. Se, transcorrido ese prazo, non se emite resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento administrativo.

Segundo. Inscribir de forma preventiva o Entroido como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicar a resolución ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o seguinte día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderase examinar no Servizo de Inventario (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque, 2º andar, en Santiago de Compostela), con petición de cita previa.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

O Entroido

1. Denominación: O Entroido.

Denominacións secundarias: Antroido, Antroiro, Antroito, Antruido, Carnaval, Entroiro, Entrudio, Entrudo, Entruido, Introido.

2. Natureza e condición.

• Natureza: inmaterial.

• Condición: manifestación.

• Categoría: os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos e as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos (artigo 9.3.a).5º e 7º LPCG).

• Interese: etnolóxico.

3. Descrición da manifestación inmaterial.

3.1. Definición.

Malia que non hai unha definición unívoca, consolidada e compartida do Entroido, pódese entender o Entroido como unha festa tradicional de carácter cíclico e participación espontánea que se celebra entre os meses de febreiro e marzo e coincide co período inmediatamente anterior á Coresma, polo que non ten datas fixas, en que conflúen rituais cristiáns e pagáns, e que axuda a fortalecer a construción da identidade persoal e local, a cohesión comunitaria e o sentimento de pertenza, a través dunha celebración ritual na cal a autoxestión segue a xogar un papel clave.

Xosé Ramón Mariño Ferro precisa, na súa obra O Entroido ou os praceres da carne, que «o Entroido non é unha festa pagá que perdura enquistada dentro do cristianismo: é a representación da imaxe que os cristiáns se forxaron do mundo pagán, como un mundo en que impera a gula e a luxuria. (...) Unha festa para divertirse e gozar antes da Coresma, si, pero tamén para convencerse de que unha vida centrada exclusivamente no pracer resulta absurda e tola».

O Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, de Xosé Ramón Mariño Ferro e Xosé Manuel González Reboredo, expón que «o Entroido, Antroido, Entrudo ou Carnaval é o período festivo que precede á Coresma. Os refráns sinalan que empeza xa no Nadal, ou en San Antón, e de feito algunhas das máscaras carnavalescas saen nesas festas. Ás veces ao Entroido trátano de santo, nunha mostra de atrevida ironía popular».

Unha característica esencial para entender o Entroido é o seu ánimo paródico dos usos e crenzas sociais e culturais dominantes, consonte co bo humor e a aceptación das bromas.

As diferentes definicións do Entroido de compiladores, informantes, mestres e investigadores subliñan como características esenciais deste:

• O seu carácter ritual, popular e aberto,

• A súa utilidade social e de fomento da convivencia,

• A riqueza e complexidade na súa celebración,

• A importancia central do riso, a ironía e a transgresión,

• A vixencia da festa, mais lembrando os abondosos aspectos perdidos ou caídos no esquecemento,

• e o carácter intransferible da experiencia: Hai que vivila!

3.2. O marco temporal en que se desenvolve o Entroido.

Federico Cocho explica con claridade o funcionamento do calendario, na súa obra O Carnaval en Galicia, sinalando que, agás en casos singulares no conxunto de Galicia, o Entroido redúcese hoxe ao Domingo, Luns e Martes de Carnaval, pero subliña que non sempre foi así. A maiores, matiza as dificultades para coñecer con precisión estes aspectos: «Sobre os límites temporais desta festa existen diversas teorías, como sucede coas orixes. A escasa documentación escrita e os testemuños orais que recollín en puntos, distantes entre si dentro da xeografía galega, non coinciden neste aspecto».

O certo é que a variedade dos calendarios locais en Galicia amósase moi ampla. En abondosas aldeas non se celebraba máis que os tres días grandes e noutras moitas as posibilidades de esparexemento non daban para máis que para celebrar o Martes de Entroido. En función da extensión do calendario de cada vila e aldea, as súas tradicións acumulábanse ou repartíanse.

Así, en toda Galicia celebrábase unha xornada de Entroido dedicada a un bo xantar, un rito xenuinamente carnavalesco. Por Galicia adiante atopamos Xoves Lardeiros, Domingos Lardeiros, Xoves Gordos, Domingos Gordos, Martes Lardeiros e Martes Gordos.

As peculiaridades do calendario laboral actual, co ocio desprazado fundamentalmente cara á fin de semana, introducen novas modificacións no calendario tradicional. Así e todo, pódense sinalar como as datas clave, fitos e celebracións principais coñecidas en Galicia as que seguen:

• Día do Petardazo. Nalgúns lugares marca o inicio do ciclo das celebracións do Entroido. Celébrase o sábado anterior ao Domingo Fareleiro.

• Domingo Fareleiro. É o domingo da septuaxésima con que se inicia o ciclo do Entroido. Chega tres domingos antes do de Entroido e nel uns corren tras dos outros para botárense farelos e fariña (nalgúns lugares tamén feluxe e borralla).

• Domingo Oleiro (ou Oleico). Tradicionalmente, nas prazas das vilas os homes compiten lanzándose entre si olas feitas con arxila tentando que non rompan, caso en que deberán pagar a rolda aos presentes. Celébrase dous domingos antes do entroido.

• Xoves de Compadres. Comeza neste día a batalla de sexos que tanta presenza ten no entroido. Cólganse os mecos e lardeiros que son defendidos correndo a fariña. Celébrase tres días antes do Domingo Corredoiro.

• Noite de mulleres. Previa ao Domingo Corredoiro, nalgúns lugares as mulleres toman as rúas nesta noite de sábado, sendo as únicas que poden gozar da festa e saír das casas. É común que só poidan saír os homes que van disfrazados de mulleres.

• Domingo Corredoiro. Varias máscaras fan a súa aparición neste día en que tamén se realizan carreiras para botar ou evitar que che boten ovos podres, barro ou formigas. Nalgúns lugares tamén é a data en que se celebra a corrida do galo, adaptada aos valores actuais de protección dos dereitos e benestar animal. Celébrase un domingo antes do Entroido.

• Xoves de Comadres. Preto dos días grandes chega o día en que as mulleres revivan o sucedido no día dos Compadres.

• Venres e Sábado de Entroido. Con eles comeza a fin de semana grande do ciclo con desfiles e festas previas a estes.

• Domingo de Entroido. Nalgunhas vilas e aldeas é o día dos grandes desfiles e festas gastronómicas.

• Luns de Entroido. Celébranse diferentes mascaradas tradicionais e mesmo se dedica nalgúns sitios á organización de festas para os cativos. Noutros lugares é o día da «farrapada», en que se produce unha loita en que todos se dedican a lanzarse entre si farrapos luxados.

• Martes de Entroido. Data en que remata o ciclo do Carnal e se lle dá paso ao da Coresma. Arden os mecos e fachóns e os desfiles de máscaras, disfraces e folións dan a despedida.

• Mércores de Cinza. Pola noite chega o «Enterro da Sardiña» que despide o pracer da carne.

• Domingo de Piñata. O primeiro domingo da coresma os veciños (xeralmente nenos e nenas) xogan a rachar, cos ollos vendados e valéndose dun pau, unha ola pendurada que agocha agasallos no seu interior.

3.3. As máscaras.

Lémbranos Federico Cocho, na súa obra A festa do Entroido, que «calquera carauta que cubra total ou parcialmente a cara é unha máscara», e explícanos que, «por extensión, chámaselle tamén máscara á persoa que porta a carauta, mentres a idea de disfrace –con ou sen carauta– se refire máis á persoa que vai vestida doutra cousa. O complexo simbolismo das máscaras é inesgotable, como percibiron os investigadores que, caso de Bajtin, viron nelas a verdadeira esencia da cultura grotesca consolidada na Idade Media».

O Carnaval, explica na mesma obra Cocho, «integrou, con carácter lúdico, máscaras cómicas e outras procedentes de vellos rituais, aínda que mantendo certo aire misterioso». Máscaras, engade o autor, que «evidencian unha clara evolución estética que quizais non vai máis alá de finais do século XIX, a xulgar polos materiais empregados e o sentido estético incorporado a elas».

3.4. O marco espacial en que se manifesta o Entroido.

A manifestación inmaterial do Entroido está amplamente espallada por toda a xeografía galega. Rafael Quintía expón que «a celebración do Entroido presenta no noso país diferentes características ou peculiaridades propias de cada zona. Así, segundo as poboacións, varía a duración do tempo festivo, o tipo de disfraces, os tipos de celebracións, as esmorgas ou os xogos típicos destas datas. Uns son de sona ben coñecida e atraen milleiros de persoas cada ano, como o de Laza ou o de Verín, noutros casos, en cambio, a súa fama non pasa do ámbito local.

Nesta liña, Filipe-Senén López Gómez insiste en que «a gran achega, a singularidade do Entroido galego, está na súa pluralidade, a que se estende por todo o territorio, e nesta variedade é onde radica a fonda carga histórica, etnográfica e cultural que porta cada unha das máscaras, os seus ritos, berros, voces tradicionais potenciados pola máscara».

En conclusión, a gran achega do Entroido galego é a súa pluralidade e implantación territorial. De feito, un total de 191 dos 313 concellos galegos (61 %) escolle unha data vencellada ao Entroido como festivo local.

3.5. Valoración cultural.

O Entroido é recoñecido, hoxe en día, como unha das principais festas que se celebran en Galicia. Ademais, amósase como unha manifestación inmaterial que, con maior ou menor intensidade, se desenvolve por toda a xeografía galega.

A xustificación da oportunidade da declaración de ben de interese cultural pode sintetizarse nos seguintes aspectos:

• Na riqueza, diversidade, vixencia e recoñecemento comunitario de multitude de expresións singulares do Entroido galego como espectáculo, sociodrama e teatro.

• Nas abondosas funcións sociais, comunitarias e culturais que cumpre.

• No efecto positivo deste recoñecemento para consolidar os procesos sociais xa establecidos de salvagarda e transmisión.

Cómpre sinalar, ademais, que a influencia e interese polo Entroido vai máis aló das comunidades, grupos e individuos interesados, e ten o seu reflexo nas artes e letras non só de Galicia, senón no plano nacional e internacional.

O Entroido configúrase, polo tanto, como unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que é merecente de ser declarado ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

3.6. A comunidade portadora e as formas de transmisión.

Teñen a consideración de persoas portadoras aquelas que posúen saberes, coñecementos, métodos e técnicas relacionados co estudo da memoria, execución e vivencia dos ritos tradicións e saberes no contexto do Entroido, así como en calquera dos aspectos relacionados con este como expresión cultural e vivencia: praxe, transmisión, investigación, artesanía etc.

Polo tanto, todas aquelas persoas que por razón de nacemento, residencia ou inmersión cultural que, en calquera territorio da Galicia cultural, incorporan nas súas vidas a vivencia do Entroido e do patrimonio cultural relacionado con el, ocupándose de xeito recorrente, continuado e consciente da súa vizosidade, reprodución, salvagarda e transmisión, por procedementos e medios formais e non formais, deben ter a consideración de persoas portadoras do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

3.6.1. Informantes patrimoniais.

Gozan do carácter de informantes patrimoniais todas aquelas persoas que recibiron herdo directo do patrimonio cultural inmaterial entroidístico a través da oralidade propia da sociedade tradicional galega e posúen coñecementos e lembranzas arredor da festa en calquera aspecto: ideolóxico, ritual, formal, estético ou material.

Os seus saberes transmítense e chegan a nós froito da xenerosidade e interese na transmisión de memorias e coñecementos con valor social e que testemuñan aspectos esenciais dun xeito concreto de estar no mundo que, como colectivo social, as galegas e os galegos temos. Estes saberes patrimoniais adoitan estar relacionados cos seguintes ámbitos:

1) Datos históricos, locais e etnográficos relacionados cun entroido particular.

2) A organización dos usos sociais, rituais e festivos (musicais, dancísticos, parateatrais e teatrais) que permita coñecer os diversos códigos, partes constitutivas e mensaxes do Entroido.

3) Técnicas artesanais tradicionais empregadas para a elaboración do corpus material usado para celebrar o entroido, particularmente, as máscaras, os mecos, os folións etc.

3.6.2. Mestras e mestres.

Son as colaboradoras e colaboradores relevantes e con dominio e coñecemento do Entroido, recoñecidos pola propia comunidade, que comparten e ensinan a outras persoas os devanditos saberes para poder documentalos, transmitilos e conservalos para o futuro.

3.6.3. Artesás e artesáns.

Son aquelas persoas posuidoras dos coñecementos teóricos e as técnicas manuais e mecánicas precisas para elaboración de todos os artefactos e bens mobles precisos para a celebración do Entroido tradicional, particularmente, das máscaras.

3.6.4. Investigadoras e investigadores.

Son aquelas persoas que, independentemente da área de estudo, métodos e técnicas empregadas ou vínculos académicos, desenvolven os seus traballos de estudo e investigación con rigorosidade ética e intelectual desde as diferentes áreas e campos de coñecemento vencellados ao Entroido.

3.7. A función social.

A celebración da festa do Entroido serve como mecanismo para reafirmar os lazos de identidade colectiva dun lugar, aldea, parroquia ou concello a través da manifestación dun espírito lúdico e trouleiro; favorece a sociabilidade, a integración e inclusión social e unha rica convivencia interxeracional, facilitando a adquisición e desenvolvemento de habilidades como a memoria, o razoamento verbal e a aprendizaxe de novo vocabulario, e fomentando o compañeirismo e a cooperación no eido local.

Na actualidade o Entroido constitúe unha manifestación cultural inmaterial compatible cos instrumentos internacionais de dereitos humanos existentes e cos imperativos de respecto mutuo entre comunidades, grupos e individuos, tendo en conta que se trata dunha festa de inversión e de exaltación da parodia, a crítica e o riso, que fai que se constitúa nun multiespazo de socialización e convivencia.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens e manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e, tamén, por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores sinalados e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen.

O artigo 9.3 da devandita Lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no ordinal 5º deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos», e no ordinal 7º «as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos».

Así mesmo, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas, dentro das súas competencias e dispoñibilidades orzamentarias, a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

En consecuencia, é conveniente proceder ao arquivo e á sistematización dos documentos relacionados con este patrimonio cultural inmaterial para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del, e a súa difusión debe ser promovida, auspiciada e, na medida do posible, sería recomendable que se incorporara ao ensino tanto formal como non formal. Un traballo que supón, de feito, apoiar a transferencia de coñecementos, técnicas e significados sen fixar ou fosilizar a manifestación, asegurando a súa viabilidade e promovendo o establecemento dun marco social e comunitario que permita unha constante recreación, valorización e transmisión do ben.

A documentación e recolla de testemuños, material audiovisual e a compilación de outros rexistros de interese deberían ser sistematizados e postos á disposición das persoas interesadas. Neste sentido, recoméndase elaborar un repositorio do Entroido galego cunha relación de elementos patrimoniais asociados.

Toda acción e iniciativa cultural vencellada á salvagarda deste patrimonio debe ser debatida e aceptada polas comunidades creadoras e portadoras das manifestacións, e as opinións e decisións da colectividade portadora deben situarse no centro de calquera actuación como premisas ineludibles, tratando, en todo caso, de pór en valor o protagonismo das comunidades, grupos e, de ser o caso, individuos que fan do Entroido parte da cultura viva de Galicia.