DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7687

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 23 de xaneiro de 2024 pola que se modifica a Orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341D).

O pasado 9 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do 28 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341D).

Nas referidas bases estableceuse que poderían ser beneficiarias das axudas as persoas traballadoras autónomas individuais pero non as persoas integrantes de sociedades mercantís, sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

En 2019, na Sentenza 1669/2019, do 3 de decembro, o Tribunal Supremo recolleu que non se podía impedir a aplicación dos beneficios na cotización á Seguridade Social aplicables aos traballadores e traballadoras por conta propia previstos na Lei 20/2007, do Estatuto do traballo autónomo, ás persoas traballadoras autónomas que teñen a condición de socias de sociedades mercantís capitalistas.

Co fin de poder alcanzar o obxectivo de chegar ao maior número de persoas autónomas beneficiarias da tarifa reducida, e logo das xuntanzas celebradas cos asociacións máis representativas do colectivo de persoas autónomas na Mesa do Emprego Autónomo, considérase oportuno garantir o acceso á liña 2 deste programa a todas as persoas autónomas, tamén ás persoas societarias beneficiarias da tarifa reducida.

Recóllense, ademais, na presente modificación outros aspectos técnicos para unha maior claridade na xestión das axudas.

Por todo iso, informados o Consello Galego de Relacións Laborais e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341D)

A Orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341D), queda modificada como segue:

Primeiro. O punto 1 do artigo 5 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos

Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024, ambos incluídos, sempre que cumpran as seguintes condicións:

1. Para a liña 1:

a) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma, ou na mutua correspondente, no caso de mutualistas, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Ser titular ou cotitular do negocio ou explotación e ter iniciado a actividade segundo a definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención, e non ter ningunha alta anterior como persoa traballadora autónoma nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, salvo que a dita alta fose como persoa autónoma colaboradora.

c) Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.

d) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

e) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.

1.1 Quedan excluídas desta liña as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, os administradores e as persoas autónomas colaboradoras.

2. Para a liña 2:

a) Ser persoa autónoma beneficiaria da cota reducida regulada no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, no momento de presentación da solicitude.

b) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou na mutua correspondente, no caso de mutualistas, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

c) Ter iniciado a actividade segundo a definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

d) Atoparse de alta no imposto de actividades económicas, se é o caso.

e) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

f) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.

g) No suposto de persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, cooperativas de traballo asociado e administradores destas, estas deberán ser de nova creación, é dicir, aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 30 de setembro de 2023, segundo a data que figure no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, na data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

3. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

Segundo. A primeira liña do punto 1.2 do artigo 13 queda redactada do seguinte xeito:

«Ademais da documentación recollida no punto anterior (1.1, letra a) e letra g):

Terceiro. A letra e) do artigo 22 queda redactada do seguinte xeito:

Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de vinte e catro meses, as persoas beneficiarias da liña 1, e doce meses as persoas beneficiarias da liña 2, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade:

e.1) Por motivos económicos alleos á vontade do persoa beneficiaria, sempre que sexan superiores a contía da axuda percibida e que sexan consecuencia de sentenzas xudiciais ou resolucións administrativas, e/ou causados por catástrofes ou acontecementos fortuítos e imprevisibles, tales como incendios, inundacións...

e.2) Que o motivo sexa por unhas das seguintes causas: perda de licenza administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación ou incapacidade permanente, o cal deberá acreditar fidedignamente.

Cuarto. O artigo 25 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 25. Incompatibilidades e concorrencia

A subvención establecida na liña 1 deste programa será incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma, nos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Así mesmo, a axuda da mesma liña 1 será incompatible coas axudas comprendidas no programa Nova oportunidade que se convoque no ano 2024, co programa Emega 2024 para o fomento do emprendemento feminino, convocadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como con outras que, polos mesmos conceptos e para a mesma finalidade, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.

As axudas serán compatibles coas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no 2024 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes».

Quinto. O artigo 26 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total das axudas concedida ao abeiro do artigo 5 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 22.e), de mantemento da alta no RETA ou mutualidade durante un período de vinte e catro meses para as persoas beneficiarias da liña 1, e durante un período de doce meses para as persoas beneficiarias da liña 2.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 22.e) de manter a alta no RETA ou mutualidade durante vinte e catro meses, pero se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos dezaoito meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos vinte e catro meses.

4. Procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro desta orde no suposto de non cumprir co prazo indicado no artigo 22, letra f), de non manter a forma xurídica durante un período mínimo dun ano.

5. Procederá o reintegro do 100% da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 22, letra b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

6. Procederá o reintegro do 10% da axuda no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

7. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 22, letra b), de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

8. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

9. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

10. Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 22, letra i).

11. Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de presentar a documentación establecida no artigo 21.2.

Sexto. A presente modificación terá efectos para a totalidade de solicitudes presentadas dende o inicio do prazo de presentación de solicitudes (16 de xaneiro de 2024).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade