DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7856

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT403B).

A Axencia Galega das Industrias Culturais é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, pola súa vez, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos ao vivo.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando o marco de actuación baseado nas premisas:

1. Favorecer a produción escénica en todas as súas disciplinas artísticas.

2. O incremento de espectadores en artes escénicas.

3. A consolidación de industrias culturais competitivas que xeren un retorno.

4. A busca da excelencia nos produtos culturais galegos.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións á creación escénica e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT403B).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante os tres años previos.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, e as súas colaboracións, así como as sociedades civís e comunidades de bens -ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia-, así como as unións temporais de empresas, que teñan social ou estatutariamente como obxecto ou fin social o desenvolvemento de actividades escénicas que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Deben estar dadas de alta nas epígrafes 965 da sección de actividades empresariais ou as agrupacións incluídas na división 01: áreas de teatro e circo ou división 02: área de danza da sección 3 de actividades artísticas.

3. Financiamento.

Os créditos dispoñibles para o financiamento desta convocatoria se imputarán aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2024, na aplicación, polos importes e a distribución plurianual que se reflicte no cadro seguinte:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Total

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Anualidade 2026

10.A1.432B.770.0

2010 00005

800.000 €

200.000 €

500.000 €

100.000 €

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9, así como cumprir cos requisitos exixidos nas bases reguladoras.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre ese procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo

http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

6.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

9. Rexistro Público de Subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións á creación escénica e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT403B)

Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da creatividade escénica, no marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT403B).

A finalidade das subvencións é o fomento da produción escénica en calquera disciplina artística.

2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis– O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante os tres anos previos.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e dos seus organismos dependentes. No caso da modalidade 4, ademais, é incompatible con calquera das axudas convocadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto obxecto de subvención.

5. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución aprobatoria das bases de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva, e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, e as súas colaboracións, así como as sociedades civís e comunidades de bens -ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia-, así como as unións temporais de empresas, que teñan social ou estatutariamente como obxecto ou fin social o desenvolvemento de actividades escénicas que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Deben estar dadas de alta nas epígrafes 965 da sección de actividades empresariais ou as agrupacións incluídas na división 01: áreas de teatro e circo ou división 02: área de danza da sección 3 de actividades artísticas.

2. Non poderán ser beneficiarias desta convocatoria de subvencións en ningunha das súas modalidades:

a) As asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

b) As persoas beneficiarias da modalidade 4 (subvencións á actividade escénica de carácter plurianual) da convocatoria de subvencións á creación escénica do ano 2023.

c) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo II desta convocatoria.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. O crédito destinado ao financiamento da subvención será de 800.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-00005, distribuído entre as anualidades 2024, 2025 e 2026, segundo a distribución reflectida no cadro que segue:

Anualidade

Importe

2024

200.000 €

2025

500.000,€

2026

100.000 €

2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución de concesión. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Contías e límites máximos:

Modalidade

Orzamento máximo por modalidade

Orzamento máximo por proxecto e modalidade

Límite da subvención sobre o orzamento

Contía máxima da subvención

Modalidade 1: nova creación

70.000 €

20.000 €

90 %

18.000 €

Modalidade 2: creación escénica teatro, novo circo e maxia

430.000 €

80.000 €

75 %

60.000 €

Modalidade 3: danza e artes do movemento

100.000 €

50.000 €

75 %

37.500 €

Modalidade 4: actividade escénica plurianual

200.000 €

150.000 €

80 %

100.000 €

4. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada modalidade, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos ou de falta de calidade dos proxectos presentados non se esgotase a contía establecida nunha ou varias modalidades, a Dirección da Agadic poderá reasignar as contías en calquera das modalidades. No caso deste traspaso, terá prioridade a modalidade en que o desequilibrio entre a cantidade solicitada e a dotación inicial sexa maior.

5. As solicitudes que, cumprindo todos os requisitos, non acadan subvención por esgotamento do crédito asignado, pasarán a formar unha listaxe de garda respectando a orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

6. Este expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2023 poderase achegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderase condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento que se produciron aqueles.

Artigo 4. Proxectos subvencionables. Modalidades e requisitos

1. Esta liña de axudas comprende diferentes modalidades que se relacionan a seguir:

a) Modalidade 1: subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación.

b) Modalidade 2: subvencións á creación escénica no ámbito do teatro, novo circo e maxia.

c) Modalidade 3: subvencións á creación escénica no ámbito danza e artes do movemento.

d) Modalidade 4: subvencións á actividade escénica de carácter plurianual.

2. Todas as modalidades teñen carácter plurianual, afectando os exercicios orzamentarios de 2024 e 2025, agás a modalidade 4, que estende a súa vixencia ata o ano 2026.

3. Os requisitos xerais de todas as modalidades son:

a) A produción do proxecto subvencionado deberá iniciarse no exercicio 2024.

b) No suposto de coproducións, unicamente se terá en conta para valorar os criterios relativos á empresa a entidade que figure como persoa solicitante.

c) Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante nas distintas modalidades, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa física, xurídica ou sociedade civil ou comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia.

Para estes efectos, a persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a Comisión de Valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas persoas solicitantes. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

4. Ademais dos requisitos xerais, existen requisitos específicos, que se expresan a seguir:

a) Modalidade 1 (subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación):

– O equipo artístico da produción debe estar integrado, como mínimo, nun 75 % por persoas nacidas a partir do ano 1989, inclusive. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por equipo artístico: elenco, dirección, persoa ou persoas responsables do deseño do espazo escénico, do deseño de luz, do deseño do espazo sonoro e do deseño do vestiario.

– Antigüidade da compañía non superior aos cinco anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas. Deberán estar dadas de alta nas epígrafes 965 da sección de actividades empresariais ou as agrupacións incluídas na división 01: áreas de teatro e circo ou división 02: área de danza da sección 3 de actividades artísticas.

b) Modalidade 4 (subvencións á actividade escénica de carácter plurianual):

– Contar cunha actividade empresarial no ámbito das artes escénicas sen interrupción nos últimos 10 anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas, en concreto, nas epígrafes 965 da sección de actividades empresariais ou as agrupacións incluídas na división 01: áreas de teatro e circo ou división 02: área de danza da sección 3 de actividades artísticas.

– Facturación media dos tres últimos anos de 100.000 euros como mínimo, agás para o ámbito da danza e artes do movemento onde a facturación media dos últimos tres anos será de 60.000 euros como mínimo.

– Os proxectos deberán conter, como mínimo, unha produción e un plan de xira de 70 funcións que recollan tanto o mercado galego como o exterior. Deste plan de xira, polo menos 15 funcións corresponderán a unha das producións do proxecto subvencionado.

– Para o ámbito da danza e artes do movemento, os proxectos deberán conter, como mínimo, unha produción e un plan de xira de 50 funcións que recollan tanto o mercado galego como o exterior. Deste plan de xira, polo menos 10 funcións corresponderán a unha das producións do proxecto subvencionado.

– As producións que formen parte do proxecto subvencionado desta modalidade poderán presentarse de forma individual ás outras modalidades desta convocatoria. Neste caso, a persoa solicitante deberá establecer, como no resto dos casos, a orde de prelación.

– Nesta modalidade subvencionaranse unicamente dúas entidades con proxectos escénicos para desenvolver durante os anos 2024-2026.

5. Datas de estrea dos proxectos subvencionados:

– Para as modalidades 1, 2 e 3, a estrea será entre o 1 de abril de 2024 e o 31 de marzo de 2025.

– Para a modalidade 4, a estrea será entre o 1 de abril de 2024 e o 31 de marzo de 2026.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Son gastos subvencionables os que de forma indubidablemente respondan á natureza da actividade subvencionada, se realicen dentro do período de execución establecido na presente convocatoria e se xustifiquen e acrediten o seu pagamento antes da data de xustificación da subvención.

2. Para os efectos desta convocatoria, son gastos subvencionables:

a) Gastos de persoal incluídos na ficha de produción.

Para a modalidade 4 tamén serán subvencionables os gastos de persoal incluído na xira (máximo, 70 % do total do proxecto).

b) Gastos de produción (escenografía, vestiario, música, luz, son etc.). Os gastos deberán corresponder co proxecto presentado (máximo, 30 % do proxecto).

c) Gastos de promoción e publicidade, de acordo co orzamento presentado (máximo, 10 % do proxecto).

d) Dereitos de autor.

e) Axudas de custo, transporte e/ou outras indemnizacións, conforme as tarifas máximas establecidas no convenio colectivo de actores e actrices de Galicia.

f) Gastos xerais de mantemento e xestión, ata un máximo do 7 % sobre os custos totais.

g) Gastos financeiros, se están directamente relacionados coa actividade subvencionable e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta, de conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia.

h) Alugamento de locais de ensaio, cun máximo de tres meses, agás para a modalidade 4, que será un máximo de seis meses.

3. Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Xuros debedores das contas bancarias.

b) Imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

c) Gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

d) Gastos de contratación de servizos artísticos das persoas titulares da empresa, cando excedan os seguintes límites: 20 % do total do proxecto, por cada persoa titular, co límite máximo do 50 %.

e) Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

4. Consideraranse gastos subvencionables os relativos á produción escénica comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2024 e a data da estrea. No caso da modalidade 4, consideraranse tamén subvencionables os gastos orixinados pola xira.

Para aquelas persoas beneficiarias da subvención convocada pola Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2023, que non estrearon o proxecto subvencionado nese ano, o período subvencionable abrangue desde a estrea do devandito proxecto en 2024 ata a estrea do novo proxecto subvencionado ao abeiro desta convocatoria.

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que a entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.

2. En materia de subcontratación, observarase o establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que unicamente se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa e, no suposto de que tal previsión non figure, ata o 50 % do seu importe. Para os efectos desta convocatoria en ningún caso poderase subcontratar por máis do 25 % do importe total da subvención outorgada.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo para a presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Ademais da solicitude (anexo II), as persoas interesadas presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

A. Documentación xeral.

1.1. Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificado do acordo social de solicitude da axuda.

b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.2. Se a persoa solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, deberá facer constar:

a) Nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación (con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación; debe facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda).

b) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

c) O compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

B. Documentación específica.

1.3. Memoria do proxecto que inclúa, separadamente, o tratamento dos seguintes puntos:

a) Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.

b) Estratexias de difusión e promoción exclusivas para o proxecto.

c) Repercusión do proxecto no fomento de públicos, estratexias compartidas con espazos escénicos, propostas ou accións de mediación cultural.

d) Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen.

e) Descrición, cun máximo de vinte páxinas, que recolla os recursos relativos á posta en escena do espectáculo e que inclúa o currículo curto de actores e actrices e traballo actoral e coreográfico, escenografía, vestiario ou outros aspectos plásticos, iluminación, música, así como calquera outro aspecto creativo que se considere.

1.4. Certificación acreditativa da titularidade dos dereitos de autor. Nun primeiro momento (e durante o trámite de presentación da solicitude da subvención), poderase achegar unicamente a acreditación da súa solicitude. Non obstante, a dita titularidade deberase acreditar con anterioridade ao aboamento da subvención.

1.5. Memoria da empresa (anexo III).

1.6. Memoria das actividades realizadas pola compañía (anexo IV). Non se terán en conta os espectáculos ou funcións non recollidas no anexo nin os que non veñan acompañados da documentación acreditativa.

1.7. Ficha de produción (anexo V).

1.8. Historial da directora ou director (anexo VI). Non se terá en consideración o historial non recollido no anexo nin o que non veña acompañado da documentación acreditativa.

1.9. Plan económico financeiro (anexo VII).

1.10. Compromiso de contratación (anexo VIII) coas persoas integrantes do equipo artístico relacionado na ficha de produción, con indicación da categoría profesional, duración do contrato, salario mensual, salario por actuación e axudas de custo diarias, así como da non participación en máis de tres proxectos presentados a esta convocatoria de axudas á creación escénica para 2024.

1.11. Acreditación documental da memoria das actividades realizadas pola compañía relacionadas no anexo IV e acreditación do historial do director ou directora relacionado no anexo VI.

1.12. Para a modalidade 4, ademais da documentación anteriormente descrita que lle é de aplicación, deberá remitir:

– O compromiso de realización dun mínimo de 70 funcións, polo menos 15 delas correspondentes a unha das producións do proxecto presentado a esta modalidade.

– Para o ámbito da danza e artes do movemento, o compromiso de realización dun mínimo de 50 funcións, polo menos 10 delas correspondentes a unha das producións do proxecto presentado a esta modalidade.

2. As persoas solicitantes da modalidade 4, cando o proxecto estea integrado por máis dunha produción, poderán presentar os anexos V (ficha de produción), VI (historial da directora ou director), VII (plan económico financeiro) adaptados ao proxecto, respectando, en todo caso, as epígrafes de cada un deles.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• NIF da entidade solicitante

• Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

• Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

• Consulta de concesións de subvencións e axudas.

• Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

• Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, a persoas profesionais e expertas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven da presente resolución.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación das solicitudes constituirase unha Comisión de Valoración nomeada polo director da Agadic, que estará integrada por unha persoa do cadro de persoal da Agadic, que exercerá as funcións de secretaría, e polos seguintes vogais, entre os que designará a presidencia:

– Para a avaliación dos criterios técnicos, dúas persoas do cadro de persoal da Agadic.

– Para a avaliación dos criterios artísticos, tres profesionais externos vinculados ao ámbito das artes escénicas.

2. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes. Así mesmo, absteranse se concorren algunha das circunstancias descritas do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. Tanto esta comisión como o órgano instrutor especificado no artigo anterior poderán solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.

4. Os vogais que valorarán os criterios artísticos, previamente á cualificación das solicitudes, elaborarán un documento onde concreten os criterios definidos no artigo 16 para aplicalos de xeito obxectivo. Así mesmo, logo da súa avaliación, deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

5. A avaliación das solicitudes farase en dúas fases: avaliación dos criterios técnicos e avaliación dos criterios artísticos, establecidos ambos no artigo 16. A puntuación final dos proxectos consistirá na suma de ambas as dúas valoracións.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión emitirá un informe relacionando os proxectos por orde de prelación e indicará a puntuación asignada a cada un deles de xeito motivado, levantarase unha acta que reflicta as deliberacións e acordos da comisión para a súa elevación ao órgano instrutor.

Artigo 16. Criterios de valoración e avaliación

1. A valoración das solicitudes realizarase de acordo cos seguintes criterios:

Modalidade 1.

Criterios técnicos

62 puntos

1) Valoración da empresa

12

a) Porcentaxe mínima de subvención solicitada sobre o orzamento do proxecto

• Menos do 55 %: 4 puntos

• Entre 55 % e o 65 %: 2 puntos

• Máis do 65 %: 1 punto

Ata 4 puntos

b) Facturación media da empresa nos últimos 3 anos

• Máis de 20.000 euros: 4 puntos

• De 8.000 a 20.000 euros: 2 puntos

• Menos de 8.000 euros: 1 punto

Ata 4 puntos

c) Nivel de contratación persoal (cálculo realizado sobre a media do importe das cotizacións á Seguridade Social da empresa -socios traballadores e contratos laborais-, nos últimos 3 anos naturais na rama de actividade de empresas de espectáculos)

• Máis de 2.000 euros: 4 puntos

• Entre 1.000 e 2.000 euros: 2 puntos

• Menos de 1.000 euros: 1 punto

Ata 4 puntos

2) Capacidade de produción e distribución

16

a) Nivel de produción. 1 punto por espectáculo producido pola entidade solicitante durante os últimos 3 anos naturais, dun mínimo de 35 minutos de duración (excepto para espectáculos de danza)

Ata 6 puntos

b) Nivel de distribución. Media anual de funcións distribuídas nos últimos 3 anos dos espectáculos producidos pola entidade solicitante. Terán a consideración de funcións aquelas que supoñan unha contraprestación económica e unha duración mínima de 35 minutos. Non se exixirá duración mínima para os espectáculos de danza

• Entre 5 e 10 funcións: 2 puntos

• Entre 11 e 20 funcións: 6 puntos

• Máis de 20 funcións: 10 puntos

Ata 10 puntos

3) Características da produción

34

a) Autoría do texto. A autoría do texto é equiparable á autoría da coreografía. A consideración de obra orixinal estará suxeita ao rexistro dos dereitos de autor. O rexistro deberá ser efectivo con anterioridade ao cobramento da subvención

• Obra orixinal de autor ou autores galegos vivos: 3 puntos

• Obra autores galegos: 2 puntos

• Outros: 1 punto

Ata 3 puntos

b) Dirección artística

• Fomento da dirección feminina: 2 puntos

• Traxectoria profesional:

• 0,5 puntos pola titulación oficial no ámbito das artes escénicas e musicais

• 0,25 puntos por outras titulacións oficiais relacionadas coas artes escénicas ou musicais

• 0,25 puntos por cada premio á dirección de espectáculos escénicos profesionais, cun máximo de 2 puntos

• 0,5 puntos por cada dirección de montaxes profesionais de artes escénicas, ata un máximo de 8 puntos

Cando a dirección do espectáculo sexa compartida, terase en conta a puntuación da persoa responsable da dirección con máis puntuación global

Ata 12 puntos

c) Elenco (actores, manipuladores, bailaríns e músicos en escena)

• 1 punto por intérprete

Ata 7 puntos

d) Investimento en promoción e publicidade. Investimento en medios de comunicación, cartelaría, páxina web específica do proxecto, folletos, vídeos e aquelas accións promocionais que fagan máis visible a produción

• Entre o 10 % e o 15 % do orzamento do proxecto: 1 punto

• Máis do 15 % do orzamento do proxecto: 3 puntos

Ata 3 puntos

e) Premios ao texto

• Textos premiados pola Agadic non estreados con anterioridade: 9 puntos

• Outros premios: 2 puntos

Ata 9 puntos

Criterios artísticos

38 puntos

a) Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto presentado e dos obxectivos expostos

Ata 4 puntos

b) Estratexias de difusión e promoción do proxecto

Ata 2 puntos

c) Repercusión na creación e fomento de públicos para as artes escénicas

Ata 2 puntos

d) Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen

Ata 2 puntos

e) Memoria do proxecto que recolla todos os recursos relativos á posta en escena do espectáculo e inclúa o currículo de actores e actrices e traballo actoral e coreográfico, escenografía, vestiario ou outros aspectos plásticos, iluminación, música, así como calquera outro aspecto creativo que se considere

Ata 28 puntos

Modalidades 2, 3 e 4.

Criterios técnicos

62 puntos

1) Valoración da empresa

12

a) Porcentaxe mínima de subvención solicitada sobre o orzamento do proxecto

• Menos do 55 %: 4 puntos

• Entre 55 % e o 65 %: 2 puntos

• Máis do 65 %: 1 punto

Ata 4 puntos

b) Facturación media da empresa nos últimos 3 anos (modalidades 2 e 4)

• Máis de 200.000 euros: 4 puntos

• De 100.001 a 200.000 euros: 2 puntos

• Entre 50.000 e 100.000 euros: 1 punto

Ata 4 puntos

Facturación media da empresa nos últimos 3 anos (modalidade 3)

• Máis de 40.000 euros: 4 puntos

• De 25.001 a 40.000 euros: 2 puntos

• Entre 15.000 e 25.000 euros: 1 punto

Ata 4 puntos

c) Nivel de contratación persoal (cálculo realizado sobre a media do importe das cotizacións á Seguridade Social da empresa -socios traballadores e contratos laborais-, nos últimos 3 anos naturais na rama de actividade de empresas de espectáculos) (modalidades 2 e 4)

• Máis de 18.000 euros: 4 puntos

• Entre 12.001 e 18.000 euros: 2 puntos

• De 5.000 a 12.000 euros: 1 punto

Ata 4 puntos

Nivel de contratación persoal (cálculo realizado sobre a media do importe das cotizacións á Seguridade Social da empresa -socios traballadores e contratos laborais-, nos últimos 3 anos naturais na rama de actividade de empresas de espectáculos) (modalidade 3)

• Máis de 6.000 euros: 4 puntos

• Entre 3.001 e 6.000 euros: 2 puntos

• De 1.500 a 3.000 euros: 1 punto

Ata 4 puntos

2) Capacidade de produción e distribución

16

a) Nivel de produción. 0,5 puntos por espectáculo producido pola entidade solicitante durante os últimos 3 anos naturais, dun mínimo de 35 minutos de duración (excepto para espectáculos de danza), con dez ou máis representacións realizadas (cinco para os espectáculos de danza)

Ata 3 puntos

b) Nivel de distribución. Media anual de funcións distribuídas nos últimos 3 anos dos espectáculos producidos pola entidade solicitante. Terán a consideración de funcións aquelas que supoñan unha contraprestación económica e unha duración mínima de 35 minutos. Non se exixirá duración mínima para os espectáculos de danza

Non se deben incluír as funcións realizadas pola persoa solicitante no espazo escénico que xestiona

Para a contabilización das funcións realizadas de cada espectáculo aplicarase a seguinte dobre ponderación:

• Ponderación 1:

a. Funcións realizadas fóra de Galicia: 1,5 puntos

b. Funcións realizadas en Galicia: 1 punto

• Ponderación 2: caché ata 1.500 euros × 0,65 puntos

caché entre 1.501 e 2.500 euros × 1 punto

caché entre 2.501 euros e 4.500 × 1,5 puntos

caché superior a 4.500 euros × 2 puntos

• Entre 40 e 50 funcións: 2 puntos

• Entre 51 e 80 funcións: 6 puntos

• Entre 81 e 110 funcións: 9 puntos

• Entre 111 e 130 funcións: 11 puntos

• Máis de 130 funcións: 13 puntos

Para o ámbito da danza e artes do movemento, nas modalidades 3 e 4:

• Entre 40 e 50 funcións: 6 puntos

• Entre 51 e 80 funcións: 9 puntos

• Entre 81 e 110 funcións: 11 puntos

• Entre 111 e 130 funcións: 13 puntos

Ata 13 puntos

3) Características da produción

34

a) Autoría do texto. A autoría do texto é equiparable á autoría da coreografía. A consideración de obra orixinal estará suxeita ao rexistro dos dereitos de autor. O rexistro deberá ser efectivo con anterioridade ao cobramento da subvención.

• Obra orixinal de autor ou autores galegos vivos: 3 puntos

• Obra autores galegos: 2 puntos

• Outros: 1 punto

Ata 3 puntos

b) Dirección artística

• Fomento da dirección feminina: 2 puntos

• Traxectoria profesional:

• 0,5 puntos pola titulación oficial no ámbito das artes escénicas e musicais

• 0,25 puntos por outras titulacións oficiais relacionadas coas artes escénicas ou musicais

• 0,25 puntos por cada premio á dirección de espectáculos escénicos profesionais, cun máximo de 2 puntos

• 0,5 puntos por cada dirección de montaxes profesionais de artes escénicas, ata un máximo de 8 puntos.

Cando a dirección do espectáculo sexa compartida, terase en conta a puntuación da persoa responsable da dirección con máis puntuación global

Ata 12 puntos

c) Elenco (actores, manipuladores, bailaríns e músicos en escena)

• 1 punto por intérprete

Ata 7 puntos

d) Investimento en promoción e publicidade. Investimento en medios de comunicación, cartelaría, páxina web específica do proxecto, folletos, vídeos e aquelas accións promocionais que fagan máis visible a produción

• Entre o 10 % e o 15 % do orzamento do proxecto: 1 punto

• Máis do 15 % do orzamento do proxecto: 3 puntos

Ata 3 puntos

e) Premios ao texto

• Textos premiados pola Agadic non estreados con anterioridade: 9 puntos

• Outros premios: 2 puntos

Ata 9 puntos

Criterios artísticos

38 puntos

a) Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto presentado e dos obxectivos expostos

Ata 4 puntos

b) Estratexias de difusión e promoción do proxecto

Ata 2 puntos

c) Repercusión na creación e fomento de públicos para as artes escénicas

Ata 2 puntos

d) Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen

Ata 2 puntos

e) Memoria do proxecto que recolla todos os recursos relativos á posta en escena do espectáculo e inclúa o currículo de actores e actrices e traballo actoral e coreográfico, escenografía, vestiario ou outros aspectos plásticos, iluminación, música, así como calquera outro aspecto creativo que se considere

Ata 28 puntos

2. Para a modalidade 4 terase en conta a suma global das producións presentadas no proxecto en cada epígrafe, dentro dos límites máximos establecidos.

3. Cando unha compañía estea formada pola fusión, escisión ou cambio de forma xurídica ou razón social dunha ou de varias compañías preexistentes, recoñeceráselle a traxectoria anterior destas para os efectos de avaliación. No suposto de escisión, o recoñecemento será pola parte proporcional que corresponda á parte escindida integrada na nova sociedade. No caso de que unha das partes escindidas non exerza actividade empresarial demostrada, a outra parte acumulará toda a traxectoria.

4. Os proxectos que se consideren subvencionables recibirán unha puntuación adicional por número de intérpretes (actores, manipuladores, bailaríns e músicos en escena) para os efectos da asignación das contías que se lles adxudiquen, tendo en conta os límites de cada modalidade. Esta puntuación será de catro puntos por cada intérprete ata un máximo de 25 puntos.

5. Para poder ser subvencionable, as persoas solicitantes deberán acadar unha puntuación mínima segundo a modalidade:

a) Modalidades 1 e 3: 50 puntos mínimo.

b) Modalidades 2 e 4: 60 puntos mínimo.

Artigo 17. Audiencia

1. Efectuada a valoración, a comisión realizará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que lles deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.

Artigo 18. Resolución da convocatoria

1. Transcorrido o prazo das alegacións, se é o caso, o órgano instrutor ditará a proposta de resolución definitiva que elevará á Presidencia do Consello Reitor, onde indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas.

O importe económico determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, do orzamento do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. Esta proposta de resolución definitiva será elevada á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda e súa distribución por anualidades, dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos e o seu carácter de minimis segundo o disposto no artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 19. Aceptación da subvención e renuncia

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. As entidades beneficiarias deberanlle remitir á Agadic o plan económico-financeiro (anexo VII) adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades). Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da presente convocatoria:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Agadic.

b) As persoas beneficiarias das modalidades 1, 2 e 3 estarán obrigados a realizar, no prazo de seis meses desde a data da estrea do espectáculo, un mínimo de oito representacións do espectáculo subvencionado (3 representacións, se o espectáculo é de danza ou novo circo) co límite do 30 de setembro de 2025, e para a modalidade 4, a data límite para presentar a xustificación da xira das funcións subvencionadas será o 30 de outubro de 2026. Non se procederá ao pagamento de máis do 80 % da subvención concedida mentres non se xustifique o cumprimento da realización das funcións incluídas na subvención.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos como no material de difusión que se elabore debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades subvencionadas. A persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, dispoñibles na web da Xunta de Galicia.

g) Comunicar á Agadic a data de estrea do espectáculo subvencionado cunha antelación mínima de 20 días.

2. O incumprimento das anteriores obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto no artigo 25 e 26 destas bases.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. A persoa beneficiaria ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % nas partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecten a custos de persoal, que non se supere o límite do 7 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos no artigo 4.3 e 4.4 da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

5. A distribución de anualidades adxudicadas poderá modificarse, logo de solicitude da persoa beneficiaria na cal motive suficientemente a alteración, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, e mediante resolución motivada do director da Agadic. A modificación da repartición entre anualidades exixirá a tramitación da correspondente modificación do expediente de gasto, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

6. A reasignación de anualidades debe solicitarse, como mínimo, cun mes de antelación á data de xustificación da anualidade en que se pretende facer efectiva á reasignación e terá en conta o seguinte:

a) Cando a reasignación implique diferir o importe da anualidade corrente para a anualidade seguinte, a cantidade que se vai reasignar non poderá supoñer máis do 80 % do importe da anualidade que se xustifique, debendo xustificar, polo menos, o 20 % da anualidade corrente.

b) Cando a reasignación implique adiantar a xustificación de anualidades futuras á anualidade que se xustifique, o importe que se vaia reasignar poderá acadar o 100 % dos importes das anualidades futuras, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias da Agadic.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas.

2. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. Os prazos para a xustificación da subvención son os seguintes:

a) Para as modalidades 1, 2 e 3.

• Anualidade correspondente ao exercicio de 2024, o período de xustificación remata o 30 de outubro de 2024. O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 30 de outubro de 2024.

• Anualidade correspondente ao exercicio de 2025, o período de xustificación remata o 30 de maio de 2025. O período subvencionable será o comprendido a partir do 30 de outubro de 2024 ata o 30 de maio de 2025.

b) Para a modalidade 4.

• Anualidade correspondente ao exercicio de 2024, o período de xustificación remata o 30 de outubro de 2024. O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 30 de outubro de 2024.

• A anualidade correspondente ao exercicio de 2025, o período de xustificación remata o 30 de outubro de 2025. O período subvencionable será o comprendido a partir do 30 de outubro de 2024 ata o 30 de outubro de 2025.

• A anualidade correspondente ao exercicio de 2026, o período de xustificación remata o 30 outubro de 2026. O período subvencionable será o comprendido a partir do 30 de outubro de 2025 ata o 30 de outubro de 2026.

Para aquelas persoas beneficiarias da subvención convocada pola Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2023, que non estrearon o proxecto subvencionado nese ano, o período subvencionable abrangue desde a estrea do devandito proxecto en 2024 ata a estrea do novo proxecto subvencionado ao abeiro desta convocatoria. Neste caso, o período subvencionable no ano 2024 será a partir da estrea no ano 2024 ata o 30 de outubro de 2024 e o resto das anualidades tal e como se establece na alínea b) deste artigo.

4. As persoas beneficiarias que non xustifiquen a anualidade correspondente nas datas sinaladas nin soliciten a reasignación da subvención perderán o dereito ao cobramento do importe non xustificado en tempo e forma.

5. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. Para a xustificación da subvención, a entidade beneficiaria deberá entregar a documentación que se indica a seguir:

a) Memoria de actividade subvencionada (anexo X).

b) Plan económico financeiro (anexo VII).

c) Relación clasificada e ordenada de todos os gastos imputados á actividade obxecto da subvención, polo importe total do gasto. Os documentos que non estean identificados non serán tidos en conta. A relación de gastos deberá reflectir as contías con IVE e sen IVE (anexo XI).

d) Facturas e outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, entendendo por tal calquera documento presentado para xustificar que a contabilidade reflicte a imaxe fiel da realidade. Para a xustificación dos gastos de persoal deberán incluírse os gastos derivados do pagamento de retribucións ao persoal vinculado á empresa mediante contrato laboral, fixo ou eventual, así como as retribucións dos socios traballadores da empresa. Igualmente, incluiranse as cotas de seguros sociais ao cargo da empresa. Achegaranse as nóminas individuais e, se é o caso, os documentos de cotización e os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

e) Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida.

f) Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedida en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo IX).

g) Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos laborais imputados á subvención, así como calquera outros xustificantes correspondentes ás facturas con retencións de acordo coas porcentaxes legalmente establecidas (alugamento de locais para ensaios etc.).

h) Unha copia en calquera formato electrónico dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada. Esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.

i) Cando se trate de creación teatral, copia do texto da obra que se pretende producir, polas mesmas vías e formatos anteriormente enumerados.

j) Gravación do espectáculo en calquera formato dixital.

Ademais, deberase presentar (en relación cos dous últimos puntos) unha autorización expresa e asinada polo adxudicatario da axuda en que se faga constar que a entrega tanto da gravación do espectáculo como da copia do texto se realiza para os simples efectos de arquivo e documentación da Agadic.

Na modalidade 4, cando o proxecto estea integrado por máis dunha produción, poderán presentar os anexos X (memoria da actividade subvencionada), VII (plan económico financeiro) e XI (documentación xustificativa dos gastos) adaptados ao proxecto, respectando en todo caso as epígrafes de cada un deles.

k) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como os xuros derivados destes, de acordo co artigo 48.2.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

l) Deberá entregarse a documentación acreditativa do número de funcións realizadas mediante certificados de actuación, certificación expedida pola entidade de xestión de dereitos que corresponda, contratos de actuacións ou por calquera outro medio ou documento que acredite, de forma fidedigna, a realización do número mínimo de funcións exixidas para cada unha das modalidades.

8. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar o cumprimento pola persoa beneficiaria dos requisitos establecidos na presente resolución para proceder ao pagamento das subvencións, e incluír no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e o alcance das comprobacións practicadas, de conformidade co artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operación comerciais.

10. Cando á persoa beneficiaria se lle outorgase unha subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento referidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada. No suposto de que non poida presentar a devandita conta, o cumprimento dos prazos legais de pagamento acreditarase coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Artigo 23. Pagamento da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención ademais dos anexos establecidos para o efecto.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Pagamentos anticipados.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar unha porcentaxe maior á determinada no decreto. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada e non poderá exceder o importe de subvención da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. Pagamentos á conta.

Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e previa xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, ao abeiro do artigo 62.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Constitución de garantías.

As entidades beneficiarias que soliciten, e se lles conceda, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, logo da aprobación do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co seu artigo 67.4.

6. O pagamento de cada anualidade realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da Axencia. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

7. Previamente ao pagamento, as entidades beneficiarias acreditarán que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

8. Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen solicite esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 10.2.

9. Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselles que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 25. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 20 destas bases.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 26. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos do proxecto con respecto ao gasto previsto.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

a) Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.

b) Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvencións, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

c) Perda dun 5 % da subvención por non comunicar a data de estrea do espectáculo subvencionado segundo o establecido nestas bases.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas etc.), estas deberán xustificarse, en todo caso, para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 27. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 25 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia dos xuros de mora correspondentes, desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 28. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 29. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic),

ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 30. Normativa aplicable

1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2024, así como:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

e) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

f) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Artigo 31. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 32. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file