DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7910

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT403B).

BDNS (Identif.): 740806.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, e as súas asociacións, así como as sociedades civís e comunidades de bens -ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia-, así como as unións temporais de empresas, que teñan social ou estatutariamente como obxecto ou fin social o desenvolvemento de actividades escénicas que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da creatividade escénica, no marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024. A finalidade das subvencións é o fomento da produción escénica en calquera disciplina artística.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións á creación escénica e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT403B).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito global de 800.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-00005 , distribuído entre as anualidades 2024, 2025 e 2026, segundo a distribución reflectida no cadro que segue:

Anualidade

Importe

2024

200.000,00 €

2025

500.000,00 €

2026

100.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da
Axencia Galega das Industrias Culturais