DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8423

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística.

No Diario Oficial de Galicia número 129, do 7 de xullo de 2023, publicouse a Resolución do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupoA2, escala de inspección turística.

De conformidade co establecido no artigo 27 do Decreto 40/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de inspección de turismo e órganos competentes no procedemento sancionador, o acceso á escala de inspección turística incluirá un curso selectivo de formación. Así mesmo, segundo o seu artigo 28, para participar no proceso selectivo de ingreso na escala de inspección turística as persoas aspirantes deberán posuír o permiso de condución da clase B.

As anteriores previsións figurarán nas convocatorias do proceso selectivo para o acceso á devandita escala.

Por conseguinte, de acordo co establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia e demais normativa concordante,

DISPOÑO:

1. Modificar o parágrafo primeiro das bases I.2.1.2 e I.2.2.3 da Resolución do 5 de xullo de 2023, que queda redactado como segue:

«–Titulación: estar en posesión ou en condición de obter, o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o título de diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama, así como o permiso de conducir da clase B».

2. Engadir unha nova base II.Bis á Resolución do 5 de xullo de 2023, co seguinte teor literal:

«II.Bis. Curso selectivo de formación:

II.Bis.1. As persoas aspirantes que obteñan a mellor orde de prelación na fase de oposición e concurso, ata un número igual ao de prazas convocadas en cada unha das quendas, realizarán un curso selectivo de formación que, igualmente, deberán superar con aproveitamento como requisito indispensable para obter o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

O curso selectivo de formación terá como finalidade a preparación das persoas aspirantes para o exercicio das súas funcións.

Durante o período de realización do curso, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas, coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, e demais disposicións de aplicación.

II.Bis.2. O curso selectivo de formación terá unha duración de dous (2) meses e regularase mediante resolución ditada para ese efecto.

II.Bis.3. O curso selectivo de formación valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto.

II.Bis.4. As persoas aspirantes que non superen o curso selectivo de formación perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, mediante resolución motivada da autoridade que efectuase a convocatoria, por proposta da secretaría xeral competente en materia de turismo e logo do informe favorable da Comisión de Persoal.

III.Bis.5. Unha vez rematado o curso selectivo de formación e ata que se efectúe o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira, as persoas aspirantes continuarán prestando servizos como persoal funcionario en prácticas».

3. Engadir unha letra d) na base IV.2 da Resolución do 5 de xullo de 2023:

«d) Copia auténtica do permiso de conducir da clase B en vigor».

4. Modifícanse as bases IV.4, IV.5 e IV.6 e engádense as bases IV.7 e IV.8 á Resolución do 5 de xullo de 2023:

«IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas mediante unha resolución da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no DOG e que indicará o destino adxudicado nas prácticas. O nomeamento terá efectos desde a data do inicio do curso selectivo de formación a que se refire a base II.Bis».

«IV. 5. Unha vez finalizado o curso selectivo de formación, o tribunal fará públicos os resultados obtidos nel e a orde de prelación das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo, de acordo co establecido nas bases II.2.2.7 e IV.1».

«IV.6. A petición de destinos por parte do persoal funcionario en prácticas que superou o curso selectivo de formación deberá realizarse unha vez rematado este, logo da oferta daqueles».

«IV.7. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada nas bases II.2.2.7 e IV.1.

As persoas que superen o proceso selectivo serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante resolución da consellería competente en materia de función pública. Esta resolución publicarase no DOG e indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación obtida».

«IV.8. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG».

5. Establécese un novo prazo de vinte (20) días hábiles para que as persoas aspirantes que non formularon solicitude ao abeiro da Resolución do 5 de xullo de 2023 poidan presentala. Este prazo comezará o dia seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

6. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública