DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9433

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN519D).

Os parques empresariais precisan ser abastecidos de enerxía eléctrica a través de redes de distribución ben dimensionadas que permitan cubrir con seguridade e calidade as demandas das empresas que albergan e das futuras empresas que poidan albergar.

Algúns dos parques empresariais non dispoñen na actualidade de redes de distribución coa capacidade adecuada que lles permita crecer e dar un servizo de calidade ás novas empresas ou ás ampliacións das existentes.

A Consellería de Economía, Industria e Innovación considera conveniente establecer medidas de reforzo destas infraestruturas dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma. A constante mellora da oferta de solo empresarial é un elemento dinamizador da economía, favorece a implantación e fixación de novas empresas e o emprego local.

Polo dito, a Consellería de Economía, Industria e Innovación considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas ao reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, procederase á convocatoria destas axudas para o ano 2024.

De acordo co establecido no protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia, asinado o 10 de outubro de 2017, a presente orde de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas por concellos acollidos á dita iniciativa. As redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais son unha infraestrutura esencial na implantación de novas empresas, xa que para desenvolver calquera actividade económica ou empresarial é determinante ter garantida a subministración de enerxía eléctrica requirida nela. Se ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica se suman as medidas incorporadas na iniciativa Concellos Doing Business Galicia, o seu conxunto contribuirá en maior medida ao obxectivo de implantación de novas empresas e, en consecuencia, terá incidencia na creación de emprego.

Ademais, como novidade nesta convocatoria prevese un prazo de execución dos proxectos en tres anualidades (do ano 2024 ao ano 2026), co fin de facilitar que os concellos beneficiarios dispoñan dun tempo suficiente para tramitar as autorizacións necesarias e executar as actuacións subvencionadas.

Neste sentido, de forma excepcional, prevese unha liña específica a que poderán optar os proxectos que, cumprindo o resto de requisitos exixidos na última convocatoria, obtiveron unha axuda e, por falta de tempo para obter as autorizacións previstas, non puideron finalmente ser executados. No caso de que o crédito asignado a esta liña específica non se esgote coas axudas concedidas, prevese que o remanente de crédito poida utilizarse para conceder axudas ao resto de proxectos presentados.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Industria e Innovación para incentivar o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024.

3. Este procedemento administrativo ten asignado o código IN519D.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As subvencións outórganse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.732A.760.0, proxecto contable 2020-00011, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, 2025 e 2026, de acordo coa seguinte distribución:

Liña

2024

2025

2026

Total (€)

Liña A-Proxectos que obtiveron axuda na convocatoria 2022-2023, cuxos solicitantes presentaron unha renuncia á axuda por falta de tempo para obter as autorizacións e executar os proxectos

272.877,05

682.192,63

1.773.700,83

2.728.770,50

Liña B-Resto de proxectos

200.000,00

500.000,00

1.300.000,00

2.000.000,00

Total (€)

472.877,05

1.182.192,63

3.073.700,83

4.728.770,50

2. No caso de que as axudas concedidas con base na liña A non esgoten a dotación orzamentaria prevista no número anterior, a contía remanente poderá ser utilizada para a concesión de axudas con base na liña B.

3. Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

4. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

5. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

6. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá aos concellos os avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que os concellos cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 8. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519D, poderase obter información adicional na Secretaría Xeral de Industria, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (https://economia.xunta.gal/portada).

b) Nos teléfonos 981 54 55 87 e 981 54 55 72 de servizos centrais.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 981 90 06 43).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Industria para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma
de Galicia para o ano 2024

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas subvencións teñen por obxecto o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de fomentar a implantación e fixación de empresas.

2. Os proxectos que se subvencionarán ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo dos anos 2024, 2025 e 2026.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento no seu termo municipal.

2. Só poderán ser beneficiarios da liña A os concellos que obtiveron unha axuda na convocatoria 2022-2023 para o mesmo proxecto que se presenta e presentaron unha renuncia á axuda por falta de tempo para obter as autorizacións e executar os proxectos.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Son actuacións subvencionables o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo a un parque empresarial existente ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Son gastos subvencionables os establecidos no prego de condicións técnicas emitido pola empresa distribuidora para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo a un parque empresarial existente ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os ditos gastos deban ser asumidos polos solicitantes, conforme o establecido no artigo 25.3 do Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica.

3. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data de xustificación do investimento.

4. Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

5. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda. Por conseguinte, o imposto sobre o valor engadido (IVE) considérase subvencionable cando non sexa recuperable polo solicitante.

6. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo a que se refire o artigo 19.8 das bases reguladoras.

7. Non serán obxecto de subvención aquelas actuacións que, a xuízo do órgano instrutor, non sexan tecnicamente viables nos prazos previstos nesta orde.

8. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

9. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando o órgano competente da entidade local contabilizase o recoñecemento da obriga.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 1.000.000,00 de euros por solicitude.

3. Para que o concello beneficiario poida obter a totalidade da axuda concedida, os investimentos xustificados para cada anualidade deberán responder á previsión orzamentaria seguinte, sen prexuízo do indicado no artigo 16.3 destas bases:

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Anualidade 2026

10 % da axuda total

25 % da axuda total

65 % da axuda total

A falta de xustificación dos investimentos por parte do concello nunha anualidade concreta comportará a perda do dereito do pagamento da axuda prevista para a dita anualidade, sen que sexa posible traspasar a contía non xustificada a anos posteriores.

4. As intensidades de axuda poderán ser inferiores ás sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible; neste caso, ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexa de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. Só se poderá presentar unha solicitude por parque empresarial.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

b) Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que exerza a atribución competencial, expedido con anterioridade ao prazo de presentación de solicitudes, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

c) Prego de condicións técnicas dos traballos de reforzo e extensión que se vaian realizar, elaborado pola distribuidora, segundo se establece no artigo 25.3 do Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica.

d) Orzamento dos traballos de reforzo e extensión que se realizarán, elaborado a partir do prego de condicións técnicas indicado no punto anterior, realizado pola distribuidora ou por unha empresa instaladora habilitada.

e) Cronoloxía prevista para as actuacións propostas, indicando os aspectos críticos que poden condicionar a execución do proxecto por causas alleas ao concello solicitante. Na dita cronoloxía a Secretaría Xeral de Industria será informada de todas as autorizacións necesarias para levar a cabo as actuacións propostas e o momento temporal en que se atopa o solicitante en relación con cada unha das ditas autorizacións.

f) Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

g) De ser o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia en que se acredite a proposta de habilitación do concello como Concello emprendedor-Concello Doing Business ou diploma en que se acredita como Concello emprendedor-Concello Doing Business, expedidos con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algún dos concellos presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Os concellos responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o concello se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que os concellos se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do concello para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar aos concellos a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órgano competente

A Secretaría Xeral de Industria, a través do Servizo de Administración Industrial, será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e corresponderá á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución da concesión.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda ou reparación poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Administración Industrial ou persoa na que delegue.

b) Vogais: as persoas responsables de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Industria e Innovación ou unha persoa funcionaria por elas designada.

c) Secretario: a persoa titular do Servizo de Administración Industrial ou unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Industria.

d) Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 13. Criterios de valoración

Para cada liña das indicadas no artigo 2 desta orde, ben a liña A ou ben a liña B, o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, establecéndose os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Superficie do parque empresarial:

a) Ata 500.000 m2 (10 puntos).

b) Máis de 500.000 m2 (7 puntos).

2. Número de empresas con actividade do parque empresarial:

a) Ata 300 empresas (10 puntos).

b) Máis de 300 empresas (7 puntos).

3. Poboación do concello en que se atopa o parque empresarial:

a) Menos de 10.000 habitantes (6 puntos).

b) Entre 10.000 e 20.000 habitantes (4 puntos).

c) Máis de 20.000 habitantes (2 puntos).

4. Maior custo subvencionable (máximo 10 puntos). A asignación farase do seguinte modo: a solicitude con maior custo subvencionable será valorada coa máxima puntuación (10 puntos) e a de menor custo con cero puntos; as solicitudes intermedias valoraranse de xeito lineal tendo como extremos os valores anteriores.

5. Actuacións que solicitasen ou conten coas autorizacións administrativas necesarias para a execución do proxecto:

a) Que se solicitasen as autorizacións administrativas da Consellería de Economía, Industria e Innovación que, de ser o caso, sexan necesarias, sen que as ditas autorizacións se obtivesen (7 puntos).

b) Que dispoñan das habilitacións ou autorizacións administrativas necesarias para a execución do proxecto (10 puntos).

6. Concello adherido á iniciativa galega de concellos emprendedores con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes: 12 puntos.

Artigo 14. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos concellos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo concello interesado.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Á vista da relación valorada das solicitudes e da relación de expedientes que derive do disposto no artigo 11.4 e unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución, que elevará á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. Os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de espera para seren atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo. Non obstante, tendo en conta os prazos necesarios para a obtención de autorizacións e da execución das actuacións, non se concederán axudas posteriormente ao 15 de setembro de 2024, data en que a listaxe de espera perderá os seus efectos.

3. A persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Consellería de Economía, Industria e Innovación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Para as solicitudes desestimadas, indicarase a causa de desestimación. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios e aos non beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Durante as anualidades 2024 e 2025, o concello beneficiario poderá solicitar ante a Secretaría Xeral de Industria unha modificación da resolución de concesión da axuda, consistente no adianto do ritmo previsto no artigo 4.3 destas bases para a xustificación dos investimentos, para o caso de que estea en disposición de xustificar os seus investimentos con antelación á dita previsión. Analizada a solicitude e a dispoñibilidade de crédito orzamentario da partida correspondente, a Secretaría Xeral de Industria elevará á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación a proposta de resolución que corresponda, que poderá ser estimatoria ou parcialmente estimatoria, modificando as anualidades orzamentarias da axuda concedida, ou denegatoria, mantendo neste caso as anualidades das axudas inicialmente establecidas.

Pola contra, e tal como se establece no artigo 4.3 destas bases, non será posible modificar as anualidades das axudas que supoñan atrasos con respecto ao ritmo inicialmente previsto e que, polo tanto, supoñan incrementos das axudas en anualidades posteriores.

4. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

O concello beneficiario da subvención queda obrigado a:

1. Executar a actuación que fundamente a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente a realización da actuación, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, por un período non inferior a cinco anos, tal como recollen o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 24 das bases reguladoras.

4. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lles dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

7. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

8. Colocar un cartel informativo no parque empresarial da actuación subvencionada, conforme o modelo indicado no anexo IV, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución da actuación.

Artigo 20. Subcontratación polos concellos beneficiarios das actividades subvencionadas

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, que está suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe observarse o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención, os concellos beneficiarios terán os seguintes prazos para presentar a documentación xustificativa da subvención:

– Ata o 31 de outubro de 2024 para os investimentos realizados ata esa data, para solicitar o pagamento da contía de subvención concedida con cargo á anualidade de 2024.

– Ata o 31 de outubro de 2025 para os investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025, para solicitar o pagamento da contía de subvención concedida con cargo á anualidade de 2025.

– Ata o 31 de outubro de 2026 para os investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026, para solicitar o pagamento da contía de subvención concedida con cargo á anualidade de 2026.

A documentación xustificativa da subvención deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e, para cada unha das anualidades, será a seguinte:

a) Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación:

a) Identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Facturas orixinais das actuacións realizadas. Cando o concello beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia auténtica electrónica da factura orixinal en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse as facturas orixinais en papel ou copias debidamente compulsadas, no caso de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica por parte da Administración para emitir copias auténticas electrónicas.

c) Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

d) Certificación de obra das actuacións realizadas na rede de distribución.

e) Certificado da Secretaría da entidade local en que se indique que o procedemento de contratación pública se realizou consonte a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e onde se indiquen, ademais, o adxudicatario do contrato e o importe de adxudicación.

f) Certificado da Secretaría ou Intervención en que se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

g) Proxecto de execución. No caso de non dispoñer deste por tratarse dunha obra que non o requira legalmente, achegarase a documentación técnica que serviu de base para levar a cabo a actuación.

h) Informe técnico en que se describa a realización da actuación e os datos e incidencias máis significativos na súa execución, asinado por un técnico municipal.

i) Fotografía do cartel informativo a que se refire o artigo 19.8 das bases reguladoras.

j) Anexo III: declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento da mesma actuación, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, con indicación da súa contía.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o concello beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo concello beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 22. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente da actuación, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo concello beneficiario, de ser o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 50 % do importe da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) Os concellos beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O concello beneficiario deberá achegar coa solicitude de anticipo a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo concello beneficiario.

Artigo 24. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Secretaría Xeral de Industria poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá propoñer a resolución sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, de ser o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte gradación:

1º. Non comunicar á Secretaría Xeral de Industria a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

2º. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 19.8 destas bases, así como non axustarse as dimensións mínimas e/ou materiais recollidos no anexo IV, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante a Secretaría Xeral de Industria o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral de Industria, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Aos concellos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Control

1. A Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Modelo de cartel

missing image file

Características:

1. Dimensións mínimas:

Alto: 157,5 cm.

Largo: 210 cm.

2. Materiais:

Empregaranse lamas de chapa de aceiro galvanizado de 1,2 mm de espesor e de 17,50 cm de altura. Para obras de investimento inferior a 50.000 € non será preciso o uso de aceiro galvanizado.

3. Texto:

• Empregarase a tipografía Xunta Sans en cor branco con referencia pantone white/RGB 255,255,255 sobre un fondo azul, pantone 7461 C/RGB 0,123,196.

• O título da actuación non superará as dúas liñas e a altura do texto non será superior a 2/3 da altura do texto do logotipo da Xunta de Galicia. O tamaño de texto recomendado é 235 pt.

• Os datos da obra terán unha altura de texto non superior a 1/2 da altura do título. O tamaño de texto recomendado é 110 pt.

4. Logos e marxes:

• O logo Xunta de Galicia ocupará o largo do soporte cunha marxe ao seu redor da metade do largo do escudo.

• A altura do logo do concello será como máximo o 60 % da altura do logo Xunta de Galicia.

5. Datos do orzamento e da subvención:

Os datos do orzamento subvencionable e da subvención concedida serán os indicados na notificación de concesión da subvención.