DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 9988

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2024 de concesión directa de axudas de carácter extraordinario destinadas a garantir a sustentabilidade da actividade marisqueira mediante a achega de fondos para compensar a minoración dos ingresos económicos percibidos que pon en risco a asunción dos custos básicos da actividade (código de procedemento PE130A).

Antecedentes.

O 20.12.2023, a Consellería do Mar presentou na Delegación do Goberno de Galicia unha solicitude de declaración como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia derivada das incesantes precipitacións que tiveron lugar desde mediados de outubro ata mediados de novembro, os bancos marisqueiros dos concellos costeiros de Galicia, pedindo que se habiliten as axudas necesarias para compensar de forma completa e inmediata ao sector afectado as perdas ocasionadas pola mortalidade severa nas poboacións de bivalvos de interese comercial.

Con todo, esta situación, que afecta un sector económico fundamental para a economía galega, exixe adoptar, namentres non se achegan outras derivadas da devandita petición, medidas inmediatas e extraordinarias de apoio público para garantir a sustentabilidade do sector marisqueiro, reafirmar a seguridade alimentaria e coadxuvar a reforzar a senda de crecemento económico do noso país.

Por ese motivo a Consellería do Mar considera necesario articular axudas directas para a sustentabilidade da actividade marisqueira.

Esta resolución ten por obxecto a concesión directa dunhas axudas de carácter extraordinario destinadas a garantir a sustentabilidade da actividade marisqueira mediante a achega de fondos para compensar a minoración dos ingresos económicos percibidos que pon en risco a asunción dos custos básicos da actividade.

Estas axudas tramitaranse coa maior celeridade administrativa posible para garantir a viabilidade da actividade marisqueira e facer fronte ás perdas económicas sufridas que poderían derivar mesmo no abandono da actividade, de non implementarse medidas de apoio.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. De conformidade co Decreto 50/2021, do 23 de xuño, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, correspóndelle a este órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia propoñer e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder aos outros organismos da Comunidade Autónoma.

No exercicio das ditas competencias a consellería asumirá a concesión e pago de axudas extraordinarias ás persoas que, tendo permiso para realizar a actividade marisqueira, non obtivesen, de forma individual ou como tripulación, un nivel determinado de ingresos e precisen deles para abordar os custes inherentes ao exercicio da actividade, especialmente durante o período de pluviosidade extraordinaria acaecida durante outubro e novembro de 2023.

Segunda. A concesión destas axudas realizarase de forma directa de conformidade co establecido no artigo 22.2.c) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, os artigos 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao acreditarse razóns de interese público, social, económico e humanitario que dificultan a súa convocatoria pública.

Estas axudas ampáranse no réxime de mínimis previsto no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, de 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura. O importe total das axudas de minimis por beneficiario non poderá exceder de 40.000 € durante un período calquera de tres exercicios fiscais.

Vista a Lei 38/2003, do 17 de novembro, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de conformidade coas competencias que me atribúe o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Procedemento

O procedemento de concesión das axudas será o de concesión directa, conforme ao previsto no artigo 22.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os artigos 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e finalidade da axuda concedida

Esta resolución ten por obxecto a concesión directa dunhas axudas de carácter extraordinario destinadas a garantir a sustentabilidade da actividade marisqueira mediante a achega de fondos para compensar a minoración dos ingresos económicos percibidos que pon en risco a asunción dos custos básicos da actividade.

Terceiro. Compatibilidade con outras modalidades de axudas

Esta axuda é compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou dos organismos internacionais das que puidesen beneficiarse as persoas destinatarias da axuda.

Cuarto. Crédito orzamentario

Estas axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.723A.470.0 polo importe de 4 millóns de euros.

Quinto. Contía da axuda

A contía da axuda fíxase en 550 euros, por persoa con permiso de explotación vixente para marisqueo a pé, e marisqueo a pé con embarcación auxiliar.

No caso das embarcacións con permiso de explotación coa modalidade de marisqueo a flote con vara, a contía da axuda fíxase en 550 euros por persoa enrolada nos meses de outubro e novembro de 2023.

Sexto. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, físicas ou xurídicas, deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ser titular dun permiso de explotación en vigor para marisqueo a pé de recursos marisqueiros xerais, para marisqueo a pé con emprego de embarcación auxiliar ou persoas armadoras de embarcacións con permiso de explotación coa modalidade de marisqueo a flote con vara.

2. Non acadar como resultado económico da actividade extractiva, ingresos equivalentes a 5 veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, índice de referencia en España para a asignación de axudas e subsidios en función dos ingresos), durante o período conxunto dos meses de outubro e novembro de 2023.

3. Ademais terán dereito á axuda aquelas persoas en situación de incapacidade temporal, cesamento de actividade, ou que estiveran percibindo algunha compensación por inactividade en todo ou en parte no período comprendido entre outubro e novembro de 2023, sempre que a suma das prestacións percibidas mais os ingresos por marisqueo non acadasen importes equivalentes ao nivel de 5 veces o IPREM no mesmo período.

Sétimo. Comprobación e publicación

1. A Consellería do Mar, logo de consultar os rexistros dos permisos de explotación marisqueira en vigor nos meses de outubro e novembro de 2023, así como os datos de ingresos pola actividade extractiva de marisqueo nese período, dispoñibles no Servizo de Análise e Rexistros da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, elaborará unha relación de persoas que, por reunir os requisitos previstos nos apartados 1 e 2 do artigo sexto, puideran acollerse a esta axuda.

2. Esta relación publicarase o día 5 de febreiro de 2024 no seguinte enderezo https://mar.xunta.gal/gl/de-interese/novidades

A publicación realizarase de conformidade coas garantías establecidas na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Oitavo. Forma e lugar de presentación da aceptación

1. As persoas incluídas na relación indicada no punto anterior disporán dun prazo de 5 días naturais desde o mesmo día da súa publicación para aceptar a axuda, que deberán presentar por escrito segundo o formulario que acompaña a esta resolución (anexo I) e no que se indicará o número de conta para o abono da axuda.

2. Aquelas persoas que percibiran prestacións por causa de incapacidade temporal, cesamento de actividade ou outras semellantes, derivadas da súa actividade extractiva marisqueira achegarán mediante declaración responsable no documento anexo sinalado, a contía percibida no período de outubro e novembro, co fin de poder calcular o sometemento dos ingresos ao nivel IPREM establecido.

3. A non aceptación da axuda no prazo indicado suporá a renuncia a ela.

4. As persoas incluídas na relación, e aquelas outras persoas que non figuren nela, disporán tamén dun prazo de 5 días naturais desde a súa publicación, para achegar as alegacións e documentación que xulguen oportuna.

5. A aceptación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa aceptación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos por sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

Noveno. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para tramitar estas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

a) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

b) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

c) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

d) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoas interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Resolución e pagamento da axuda

1. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o punto oitavo desta resolución é correcta e está completa.

2. O pagamento da axuda efectuarase no número de conta bancaria achegada polo beneficiario xunto coa aceptación da axuda.

Décimo segundo. Reintegro das axudas

1. Conforme ao establecido no artigo 40.1.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederá o reintegro da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Décimo terceiro. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta resolución estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas polo que as persoas beneficiarias quedan obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo cuarto. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei

Décimo quinto. Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Décimo sexto. Impugnación

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Consellería do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro de Mar

missing image file
missing image file
missing image file