DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2024 Páx. 10163

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria no ano 2024 (código do procedemento PR937A).

BDNS (Identif.): 741631.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas que se establezan como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia (código de procedemento PR937A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria no ano 2024 (código de procedemento PR937A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito dun millón de euros (1.000.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2024.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración