DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2024 Páx. 10238

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CO300C).

BDNS (Identif.): 741928.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 187, do 26 de xuño).

Para a consideración de pequena e mediana empresa observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L 124/36, do 20 de maio de 2003), e para estes efectos establécese que:

Categoría de empresa

Persoal: unidades de traballo anual

Volume de negocio anual (€)

Balance xeral anual (€)

Micro

<10

≤ 2 millóns

≤ 2 millóns

Pequena

<50

≤ 10 millóns

≤ 10 millóns

Mediana

<250

≤ 50 millóns

≤ 43 millóns

c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III, e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

No caso de que a actividade subvencionable se corresponda cunha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras actividades comerciais ou servizos non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar fidedignamente que a actividade principal está incluída nas epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III. En todo caso, a actividade principal do establecemento deberá realizarse de forma notoria e inequívoca.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día do prazo establecido para a presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente na convocatoria.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 4.400.000,00 €, financiado con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.751A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, que se imputará da seguinte forma:

Liña

Orzamento

Liña 1. Dixitalización comercial

1.500.000,00 €

Liña 2. Innovación comercial

1.300.000,00 €

Liña 3. Modernización comercial

1.600.000,00 €

De existir remanente de crédito nunha liña, poderase reasignar a contía sobrante nas outras liñas sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación