DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2024 Páx. 12014

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 29 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421H e IN421P).

BDNS (Identif.): 742810.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e normativa de aplicación

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras de biomasa, bombas de calor ou solar térmica en aplicacións residenciais.

2. Estas subvencións destinadas a proxectos de enerxías renovables de uso térmico en ámbitos non urbanos convócanse en réxime de concorrencia competitiva.

3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

As entidades colaboradoras estarán dadas de alta na Consellería de Economía, Industria e Innovación para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico como empresas de instalacións térmicas en edificios (procedemento IN609E).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 29 de xaneiro de 2024, da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421H e IN421P).

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 2.000.000 € e redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.780.1, 09.A3.733A.780.2, 09.A3.733A.780.3, 09.A3.733A.781.1 e 09.A3.733A.781.6

A distribución dos fondos será a que a continuación se indica:

Tipoloxía de proxectos

Importe (€)

Biomasa

1.000.000

Aerotermia

450.000

Xeotermia e hidrotermia

500.000

Solar térmica

50.000

Total

2.000.000

Este crédito está confinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 68720_4-Renovables. Eficiencia Enerxética), nun 28 % por Fondos propios da Comunidade Autónoma, e nun 12 % por fondos finalistas del Estado.

Quinto. Contía da axuda

A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación.

Adicionalmente, dependendo da tipoloxía, establécese unha axuda máxima por vivenda:

Tipoloxía

Axuda máxima por vivenda (€)

Biomasa

8.000

Xeotermia

10.000

Aerotermia/hidrotermia

2.500

Solar térmica

2.000

En proxectos multivivenda a axuda máxima por proxecto será de 40.000 €.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Sexto. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 29 de febreiro de 2024 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de febreiro de 2024 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 21 de marzo de 2024 ou cando se esgoten os fondos. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia