DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2024 Páx. 13502

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 22/2024, do 1 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Alfoz dun treito da estrada LU-P-0202 da rede de estradas da Deputación Provincial de Lugo.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo, na súa sesión ordinaria do 26 de xullo de 2023, aprobou o cambio de titularidade proposto polo Concello de Alfoz do tramo da estrada provincial LU-P-0202, de San Mamede a San Acisclo desde o p.q. 0+000 (cruzamento coa LU-160) ata o p.q. 0+762 (campo de fútbol).

A estrada provincial LU-P-0202, xunto coas estradas provinciais LU-P-0204 e LU-P-6306 conforman un itinerario intermunicipal que conecta a estrada autonómica LU-160 coa estrada provincial LU-P-0101, e esta última ás capitalidades municipais de Ferreira do Valadouro e Abadín. Non obstante, este itinerario do que forma parte a estrada provincial LU-P-0202 non constitúe unha ruta preferente de conexión entre capitalidades municipais.

Segundo o número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, indica que os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade a prol do Concello de Alfoz do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Alfoz do treito inicial da estrada LU-P-0202 A Seara (LU-160)-As Oiras (LU-P-0212):

Clave

Denominación

p.q. inicial

p.q. final

Lonx. aprox. (m)

LU-P-0202

A Seara (LU-160)-As Oiras (LU-P-0212)

0+000

0+770

770

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre o concello e a deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Alfoz, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade