DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2024 Páx. 13496

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan o horario especial e as condicións de traballo nas oficinas do Rexistro Civil da Coruña, de Vigo, de Santiago de Compostela, de Ferrol, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, establece no seu artigo 500, número 4, que a distribución da xornada e a fixación dos horarios se determinarán a través do calendario laboral que, con carácter anual, aprobará o órgano competente do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas con competencias asumidas, nos seus respectivos ámbitos, logo de informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial e da negociación coas organizacións sindicais. O calendario laboral establecerase en función do número de horas anuais de traballo efectivo. Poderán determinarse flexibilidades horarias para a entrada e saída do traballo, pero garantirase en todo caso un número de horas de obrigada concorrencia continuada.

Os horarios que se establezan deberán respectar en todo caso o horario de audiencia pública.

A Resolución do 31 de maio de 2006, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade do Acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma galega e as organizacións sindicais UGT, CIG, CC.OO., CSI-CSIF e SPJ-USO, con representación entre o persoal da Administración de xustiza destinado nesta comunidade, para a modernización da Administración de xustiza en Galicia, recolle como obxectivo da Xunta de Galicia a apertura das oficinas dos rexistros civís das cidades en horario de mañá e de tarde das 9.00 ás 18.00 horas, con participación voluntaria dos empregados públicos.

Desta maneira, a Orde do 18 de xuño de 2014 sobre os horarios e o calendario laboral das oficinas da Administración de xustiza en Galicia para 2014 sinala, no seu artigo 3, como horario de apertura das oficinas de Rexistro Civil da Coruña, de Vigo, de Santiago de Compostela, de Ferrol, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra que este será ininterrompido das 9.00 ás 18.00 horas de luns a venres e das 10.00 ás 13.00 horas os sábados, e especifica que a atención directa á cidadanía durante esta franxa horaria se organizará a través de quendas voluntarias e incentivadas, conforme o previsto no artigo 6 da mesma orde.

En aplicación da normativa mencionada, logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas do sector,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Esta resolución será de aplicación mentres non se aproben as respectivas relacións de postos de traballo do persoal funcionario dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia que presten servizos no Rexistro Civil Único da Coruña e no de Vigo, así como nos órganos xudiciais que teñan adscrito o rexistro civil nas cidades de Santiago de Compostela, de Ferrol, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra que voluntariamente opten por unha xornada de mañá e tarde incentivada economicamente, e coas compensacións horarias que se establezan nesta resolución.

Artigo 2. Número de persoal funcionario integrante da quenda de tarde

1. O número de persoal funcionario necesario para a integración das quendas voluntarias de atención da oficina do Rexistro Civil en horario de tarde e os sábados pola mañá, así como o número de persoal funcionario que efectivamente prestaría o servizo nos horarios especiais, serían segundo localidades:

Rexistro Civil

Nº de funcionarios/as integrantes da quenda

Nº de funcionarios/as do servizo en xornada vespertina de luns a venres e sábados pola mañá

A Coruña

8

3

Vigo

8

3

Ferrol

4

2

Santiago de Compostela

4

2

Lugo

4

2

Ourense

4

2

Pontevedra

4

2

2. No caso de non reunirse o número mínimo de integrantes das quendas establecido no número anterior entre o persoal que preste o seu servizo no órgano que teña adscrito o rexistro civil ou de deixar de existir este por renuncia ou cesamento no centro de destino do persoal integrante, poderáselle ofertar a posibilidade de integrar as devanditas quendas ao persoal funcionario que o teña solicitado segundo o modelo do anexo desta resolución no mesmo momento en que se produza a dita vacante.

No caso de existiren varias solicitudes, a vacante cubrirase conforme a seguinte orde de preferencia.

a) Ocupar un posto no rexistro civil exclusivo ou no xulgado que teña adscrito o rexistro civil da cidade en cuestión.

b) Tempo de servizos prestados no posto referido no punto 1 e, no caso de empate, na escala.

c) Ocupar un posto nun xulgado de primeira instancia do mesmo centro de destino.

3. O número máximo de integrantes das quendas corresponderá co número de persoas que integren o cadro de persoal do Rexistro Civil exclusivo ou do xulgado de primeira instancia con competencias en rexistro civil.

Artigo 3. Xornada e horario incentivado

A xornada nestas oficinas realizarase mediante a presenza obrigada do persoal das 9.00 ás 14.30 horas de luns a venres, e este deberá cumprir, ademais, sete horas e media semanais, que se prestarán en quendas de luns a venres das 14.30 ás 18.00 horas e os sábados das 10.00 ás 13.00 horas.

Artigo 4. Procedemento de opción

1. As quendas constituídas ao abeiro da Resolución do 7 de marzo de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan o horario especial e as condicións de traballo nas oficinas do Rexistro Civil da Coruña, de Vigo, de Santiago de Compostela, de Ferrol, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra manterán a súa vixencia.

2. O dereito de opción poderá ser expresado en calquera momento, aínda que as quendas unicamente serán, de ser o caso, modificadas en función das solicitudes, renuncias ou cesamentos do persoal que as integra. Nestes casos a quenda quedará configurada o primeiro día hábil do mes seguinte a aquel en se produza o cesamento ou a renuncia.

Artigo 5. Tempo de descanso obrigatorio

O persoal funcionario dos órganos que teñan atribuídas as competencias sobre rexistro civil que, en función da distribución da quenda, realicen unha xornada das 9.00 ás 18.00 horas interromperán obrigatoriamente o seu traballo durante unha hora, das 14.30 ás 16.30 horas, para a comida. Este descanso, que non se computará como tempo de traballo, organizarase tamén en quendas, de modo que se garanta a apertura ininterrompida da oficina das 9.00 ás 18.00 horas.

Artigo 6. Compensacións horarias

O tempo de traballo realizado das 17.00 ás 18.00 horas de luns a venres computarase como dúas horas efectivas por cada hora traballada. No caso da xornada que se realiza os sábados das 10.00 ás 13.00 horas, cada hora traballada computará como dúas horas e media efectivas de traballo.

As horas traballadas fóra da franxa de presenza obrigada e que non conten cun réxime especial de compensación poderán imputarse ao horario flexible.

No caso de que a participación nas quendas voluntarias chegue a supor un exceso de horas traballadas sobre a xornada mensual que hai que realizar, este poderá compensarse dentro do horario flexible do mes seguinte a aquel en que se produza o exceso e, de non ser posible, compensarase con días de permiso.

Artigo 7. Retribución económica

A prestación de servizos do persoal funcionario integrado nas quendas sinaladas no artigo 2 desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 12 do Real decreto 1909/2000 polo que se fixa o complemento de destino dos funcionarios dos corpos de médicos forenses, técnicos facultativos do Instituto de Toxicoloxía, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, técnicos especialistas, auxiliares de laboratorio do Instituto de Toxicoloxía e axentes de laboratorio para extinguir do Instituto de Toxicoloxía, retribuirase con 53,80 € por cada xornada vespertina de luns a venres e con 89,64 € por cada xornada de sábado.

Artigo 8. Acreditación da prestación do servizo

1. A acreditación da realización do horario especial nas oficinas dos rexistros civís sinaladas no artigo 1 entenderase efectuada segundo os datos extraídos da aplicación de xestión dos sistemas automatizados de control horario das distintas sedes.

2. As persoas titulares das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes regularán as quendas de maneira que se garanta a realización de cinco xornadas en horario de tarde e unha xornada en horario de mañá de sábado nun cómputo total de catro semanas e por cada integrante da quenda.

Artigo 9. Funcións que hai que desenvolver

O persoal funcionario que pase a integrar voluntariamente as quendas para a apertura das oficinas do Rexistro Civil en horario especial realizará as funcións propias do corpo da Administración de xustiza a que pertenza, entre outras, as de recollida de solicitudes ou documentación, entrega de documentación preparada e información e atención á cidadanía.

Artigo 10. Período mínimo

1. O compromiso mínimo de integración das quendas será de seis meses, contados a partir do momento da efectiva integración.

2. O compromiso entenderase tacitamente prorrogado cada seis meses.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza

ANEXO

Solicitude de integración nas quendas do horario especial
nas oficinas de Rexistro Civil

1. Datos persoais do/da funcionario/a.

Apelidos e nome:

DNI:

Domicilio (rúa, praza ou avenida e número):

Localidade:

Provincia:

Código postal:

Teléfonos (fixo e móbil):

Correo electrónico:

2. Datos do posto de traballo.

Corpo:

Órgano:

Tipo de persoal (de carreira ou interino):

3. Solicitude, declaración, lugar, data e firma.

A persoa abaixo asinante DECLARA, baixo a súa expresa responsabilidade, que son certos cuantos datos figuran nesta solicitude, ACEPTA todas e cada unha das condicións contidas na Resolución pola que se regula o horario especial e as condicións de traballo nas oficinas dos rexistros civís da Coruña, de Lugo, de Ourense, de Pontevedra, de Santiago de Compostela, de Ferrol e de Vigo, e SOLICITA a súa inclusión nas quendas previstas no artigo 2 da devandita resolución.

................................................, ...... de .............................. de ................

O/a solicitante

.............................................................................................

Dirección Xeral de Xustiza