DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2024 Páx. 13714

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024 (código de procedemento PR924B).

Mediante a Resolución do 26 de decembro de 2023 (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro de 2024) reguláronse e convocáronse as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024.

No artigo 7 da devandita resolución establécese un prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 16 de febreiro.

As especiais circunstancias socio-políticas e económicas concorrentes actualmente nos países onde se localizan a maioría das entidades galegas no exterior, están provocando grandes dificultades ás mesmas para poder reunir a documentación necesaria para a presentación das súas solicitudes.

Xa que logo, tendo en conta esas circunstancias, resulta aconsellable ampliar o prazo de presentación de solicitudes, o cal non prexudica dereitos de terceiras persoas.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiras persoas, por un período que non exceda a metade destes. Os acordos sobre ampliación non serán susceptibles de recurso.

Por todo o cal, de conformidade co disposto no artigo 32 da LPACAP e o resto da normativa aplicable,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Amplíase o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 7 da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024, ata o 2 de marzo de 2024, inclusive.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024

O/a secretario/a xeral da Emigración
P.S. (Decreto 108/2022, do 16 de xuño; DOG núm. 117, do 20 de xuño)
María Lorena Antelo Romero
Subdirectora xeral de Coordinación Administrativa,
Económica e de Programas Sociais