DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2024 Páx. 13701

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 8 de febreiro de 2024 pola que se regula o procedemento de compensación por gastos de desprazamento, aloxamento e manutención no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia (código de procedemento SA462D).

O Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema nacional de saúde e o procedemento para a súa actualización, en concordancia cos principios básicos establecidos na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, regula as prestacións do sistema baixo o principio de igualdade e recolle, entre os servizos incluídos na carteira como servizos básicos e comúns, o transporte sanitario, entendendo como tal o desprazamento de persoas enfermas por causas exclusivamente clínicas, cuxa situación lles impida desprazarse nos medios ordinarios de transporte, e establecendo que esta prestación se facilitará de acordo coas normas que regulamentariamente establezan as administracións sanitarias competentes.

O Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 26.1 os traslados que non se consideran prestacións sanitarias obrigatorias, entre os cales se encontran os traslados por asistencia continuada, definidos como tales os traslados dos/das pacientes desde o seu domicilio a un centro asistencial ou á inversa, por motivos diagnósticos ou terapéuticos. Non obstante, prevé que os gastos ocasionados polos ditos traslados poderán ser asumidos polo Servizo Galego de Saúde sempre que concorran circunstancias que así o aconsellen e exista crédito orzamentario dispoñible.

Este decreto derrogou o Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario, no cal se contiña unha previsión idéntica, en desenvolvemento da cal se ditara xa a Orde do 30 de marzo de 2001 pola que se regulan prestacións por desprazamentos previstas no artigo 12 do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, e cuxo obxecto era satisfacer os gastos ocasionados aos/ás pacientes que, tendo cobertura polo Servizo Galego de Saúde, se desprazasen con fins asistenciais e non precisasen usar transporte sanitario.

O paso do tempo e a experiencia na xestión desta prestación complementaria para os/as pacientes que teñen gastos extraordinarios orixinados como consecuencia do seu desprazamento, con fins diagnósticos e/ou terapéuticos, a centros situados fóra do seu municipio aconsellan a aprobación dunha nova norma que regule a dita prestación, homoxenizando a súa tramitación administrativa e mellorando a transparencia desta, de forma que os/as pacientes e acompañantes poidan coñecer de forma clara os supostos, conceptos e importes que deben ser obxecto de financiamento.

Para estes efectos, actualízanse os importes referidos aos gastos de desprazamento e amplíase a prestación a conceptos non incluídos anteriormente na Orde do 30 de marzo de 2001, como son os de aloxamento e manutención.

Ademais, por outra banda, a Xunta de Galicia aprobou, no seu Consello do 7 de xuño de 2021, a Estratexia galega en enfermidades raras, un documento estratéxico co obxectivo central de establecer un novo modelo asistencial para este tipo de doenzas que garanta un prazo de diagnóstico máis reducido, menor variabilidade no manexo e unha xestión máis áxil, coordinada e eficaz.

Neste marco de desenvolvemento de accións de mellora na asistencia aos/ás pacientes con enfermidades raras e ás súas familias, o pasado 5 de outubro de 2022 a Xunta recibiu o mandato do Parlamento de Galicia no cal, a través dunha iniciativa aprobada por unanimidade, se instaba o Executivo galego a regular unha prestación que cubra os gastos de aloxamento e axudas de custo das persoas con enfermidades raras, pendentes de diagnóstico ou da súa confirmación, cando son derivadas a través do procedemento regulamentario establecido a outras comunidades autónomas, e, deste xeito, facer efectivo o dereito a esa asistencia sanitaria.

En aplicación do anterior, aos supostos previstos na Orde do 30 de marzo de 2001 engádese o relativo ao traslado dos/das pacientes con enfermidades raras a centros sanitarios localizados noutras comunidades autónomas para os efectos de diagnóstico e confirmación deste, de maneira que os/as pacientes poidan solicitar a compensación polos gastos de desprazamento, manutención e aloxamento.

Esta orde consta de once (11) artigos que se corresponden cos seguintes aspectos: obxecto e ámbito de aplicación, requisitos para ter dereito á compensación e supostos, exclusións e contías da compensación. Regula a solicitude de compensación e recollen o relativo á forma e lugar de presentación, documentación complementaria, comprobación de datos, procedemento de concesión e resolución das axudas, a súa notificación, trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes e o aboamento das axudas. Complétase cunha disposición adicional relativa á actualización de modelos normalizados, cunha transitoria atinente ao réxime transitorio dos expedientes en tramitación no momento da súa entrada en vigor, cunha disposición derrogatoria e dúas derradeiras verbo da habilitación para o desenvolvemento da orde e a súa entra en vigor.

Esta orde tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Finalmente, a prol da mellora da calidade normativa, esta administración actuou de conformidade cos principios de boa regulación, singularmente os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia, recollidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En consecuencia, de acordo coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento (SA462D) para a compensación dos gastos derivados dos traslados de persoas usuarias do Sistema público de saúde de Galicia por motivos diagnósticos ou terapéuticos, cando non estea prescrito polo persoal facultativo o transporte sanitario por ambulancia.

2. Terán dereito á compensación destes gastos as persoas usuarias que dispoñan de tarxeta sanitaria en vigor, emitida polo Servizo Galego de Saúde, que teñan autorizado o desprazamento a outro centro sanitario con fins asistenciais por criterio médico.

3. Así mesmo, as axudas poderán ser recoñecidas a unha soa persoa acompañante do/da paciente, por solicitude deste/a, nos seguintes casos:

a) Pacientes menores de dezaoito anos.

b) Pacientes maiores de idade que dispoñan de medidas de apoio para o exercicio da súa capacidade xurídica e toma de decisións.

c) Pacientes cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

d) Pacientes non incluídos/as nas letras anteriores, que se encontren nunha situación clínica que requira realizar o desprazamento con persoa acompañante, necesidade esta que deberá ser indicada polo persoal facultativo asistencial.

Para os efectos da compensación de gastos da persoa acompañante prevista nesta orde, entenderase como orixe o domicilio habitual do/da paciente.

Artigo 2. Requisitos para ter dereito á compensación e supostos

1. A necesidade do desprazamento, así como as súas condicións, será indicada polo/a médico/a do Sistema público de saúde de Galicia responsable do/da paciente ou autorizada polo órgano competente en materia de asistencia sanitaria no caso da segunda opinión.

2. O/a paciente poderá solicitar a compensación dos gastos no seguintes supostos:

a) Os gastos por desprazamentos que se produzan por diagnóstico ou tratamento dentro da área sanitaria, cando teñan a súa causa en:

1º. Tratamentos de diálise, rehabilitación, quimioterapia, radioterapia e outros tratamentos para o cancro.

2º. Outro tipo de tratamentos que precisen realizar un número igual ou superior a oito (8) asistencias en períodos de trinta (30) días.

b) Os gastos por desprazamento, manutención e aloxamento que se produzan por diagnóstico ou tratamento fóra da área sanitaria, fóra da Comunidade Autónoma ou fóra do territorio nacional, nos seguintes casos:

1º. Para diagnóstico, confirmación de diagnóstico ou tratamento dunha enfermidade rara, entendendo por tal aquela cuxa prevalencia é inferior a cinco (5) casos por cada 10.000 persoas na Unión Europea.

2º. Para o exercicio do dereito a unha segunda opinión médica.

3º. Para recibir algún tipo de tratamento que non se realice no hospital de orixe.

Deberán contar necesariamente coa autorización previa da Xerencia da referida área sanitaria ou do órgano competente en materia de asistencia sanitaria, de ser o caso.

Artigo 3. Exclusións

Non se compensarán os gastos de desprazamentos, aloxamento e manutención nos seguintes casos:

a) Os desprazamentos que se realicen con orixe e destino dentro do mesmo municipio.

b) Os desprazamentos non autorizados que se efectúen por iniciativa da persoa interesada, caso en que os custos serán, exclusivamente, pola súa conta.

Artigo 4. Contía da compensación

1. En todos os desprazamentos aboarase unha contía máxima de quince céntimos de euro (0,15 €) por quilómetro nas viaxes de ida e volta, desde o lugar de residencia, tomando como referencia o domicilio habitual do/da paciente ata a localidade onde se reciba a asistencia, con independencia do medio de transporte utilizado.

2. Cando, por indicación clínica, o desprazamento deba facerse en avión, aboarase a contía correspondente ao billete de ida e volta do/da paciente e, de ser o caso, da persoa acompañante, sempre en clase turista e cun importe máximo de 300 € por persoa.

3. No caso de utilizar autobús ou ferrocarril, aboarase a contía dos billetes de ida e volta sempre que sexa por importe menor que o establecido no número 1 deste artigo. De ser o caso, utilizarase o mesmo criterio para a persoa acompañante.

4. No caso da persoa acompañante dun/dunha paciente ingresado/a, só se aboará a compensación correspondente a un desprazamento de ida e outro de volta por cada ingreso hospitalario.

5. Cando a persoa usuaria modifique o medio ou as condicións de transporte autorizado, aboarase a contía correspondente ao medio autorizado pola área sanitaria, salvo que o gasto que asuma o paciente for por un importe menor.

6. A compensación por gastos de manutención e aloxamento aboarase segundo o importe destes que figure en factura, cunha contía máxima de trinta euros (30 €) por persoa e día. Será condición para o aboamento desta compensación que a localidade onde estea situado o centro sanitario de destino diste máis de 100 km do hospital de orixe do/da paciente ou que teña que recibir un mínimo de dúas asistencias hospitalarias cun intervalo non superior a 24 horas que o/a obrigue a permanecer na área sanitaria do hospital de destino do/da paciente.

Establécese unha contía máxima de catrocentos cincuenta euros (450 €) para aloxamento e manutención por persoa e mes.

7. Non se poderán xerar aboamentos por outros gastos distintos dos recollidos nesta orde.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo para a presentación da solicitude

1. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para o caso de falecemento da persoa titular da axuda, poderá presentar a solicitude a persoa que acredite, segundo corresponda, o dereito á axuda ou o reintegro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun ano, contado desde a data do desprazamento, e dirixirase á Xerencia da área sanitaria de referencia do/da paciente.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación de acreditación de representación.

b) Xustificante do centro sanitario de destino, en que consten as datas nas cales se prestou a asistencia sanitaria.

c) O centro sanitario de destino deberá acreditar a condición de persoa acompañante mediante informe xustificativo en que se especifique a data.

d) Facturas, ou documentos acreditativos que xustifiquen debidamente o pagamento, dos gastos do desprazamento, no caso de realizarse en transporte público, do/da paciente e, de ser o caso, da persoa acompañante, tras recibir a asistencia sanitaria.

e) Facturas, ou documentos acreditativos que xustifiquen debidamente o pagamento, dos gastos de aloxamento e manutención do/da paciente e, de ser o caso, do/da acompañante.

f) Certificado de discapacidade emitido por unha comunidade autónoma distinta da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Outros documentos acreditativos que sexan requiridos para esclarecer os feitos expostos na solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consultas ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. Esta documentación presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante, se for o caso.

Consultarase, ademais, o seguinte dato cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente.

c) Consulta da certificación acreditativa do grao de discapacidade, emitida polo órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o caso de certificación emitida por outra comunidade autónoma, deberá ser achegada polo/a solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar copia compulsada ou electrónica auténtica de tales documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia ou incidencia técnica imposibilite a consulta dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. Unha vez recibida a solicitude, a correspondente unidade administrativa da Xerencia de área sanitaria de referencia do/da paciente emitirá o informe-proposta, que será elevado á persoa titular da Xerencia de área sanitaria para a súa resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 6, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Xerencia da área sanitaria de referencia do/da paciente, e deberá ser ditada no prazo de tres meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen ditarse resolución expresa, as solicitudes consideraranse desestimadas.

4. As resolucións ditadas neste procedemento non esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso de alzada, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo dun mes a partir da recepción da notificación. Transcorrido o dito prazo sen interpoñer o recurso, a resolución será firme para todos os efectos.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Aboamento

Os aboamentos faraos efectivos a área sanitaria competente para resolver.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

1. Os expedientes que xa se encontren en tramitación no momento da entrada en vigor da orde continuarán rexéndose pola normativa anterior.

2. Esta orde resultará de aplicación ás solicitudes presentadas a partir da data da súa entrada en vigor, aínda que se corresponda con derivacións autorizadas con anterioridade.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas a Orde do 30 de marzo de 2001 pola que se regulan as axudas ao desprazamento previstas no artigo 12 do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Autorízanse as xerencias das áreas sanitarias para adoptaren as medidas necesarias en aplicación e desenvolvemento do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file