DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2024 Páx. 15344

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Navia de Suarna.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Navia de Suarna, mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 9 de febreiro de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a dita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D390&_aaeTipology_WAR_aae_id=390

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal
do Concello de Navia de Suarna (Lugo)

O Concello de Navia de Suarna remite para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e na disposición transitoria 2.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Unha vez analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal subscrita pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes e tramitación.

1. O Concello de Navia de Suarna carece de planeamento xeral, sendo de aplicación o Plan básico autonómico (PBA) aprobado mediante o Decreto 83/2018, do 26 de xullo. Conta con dúas delimitacións de solo de núcleo rural: Barcia (AD 8.2.2008) e Trigal (AD 27.11.2012).

2. Como instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no concello constan:

1. Directrices de ordenación do territorio, do 10.2.2011.

– Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal, do 2.5.2013.

– Proxecto sectorial 02_2014 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal, do 5.3.2015.

– Programa coordinado de actuación 1ª revisión do Plan forestal de Galicia cara á neutralidade carbónica 2021-2040, do 30.9.2021.

3. O Concello remitiu ao órgano ambiental o 7.12.2010 o documento de inicio do PXOM de acordo ao establecido na LOUG, para o trámite da avaliación ambiental estratéxica. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o documento de referencia o 3.2.2011.

4. En virtude do artigo 85.1 da LOUG, o Concello achega á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o PXOM, e emítese o informe previo á aprobación inicial o 17.7.2013.

5. O 12.6.2014 o Pleno do Concello de Navia de Suarna aprobou inicialmente o PXOM (DOG do 31 de xullo). Foi sometido a información pública durante dous meses mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia (DOG) e nos xornais La Voz de Galicia do 16 de xullo de 2014 e El Progreso do 14 de xullo de 2014. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Baleira, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Candín (León) e Ibias (Asturias), e leváronse a cabo as consultas aos organismos afectados.

7. Tendo en conta a data de aprobación inicial do PXOM, compre sinalar que de acordo coa disposición transitoria primeira do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016 (RLSG) o disposto neste non resulta de aplicación obrigatoria.

8. De acordo co expediente administrativo achegado, durante o procedemento solicitáronse informes sectoriais aos seguintes organismos competentes:

a) Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información: 24.7.2014 e 10.9.2014 desfavorables; e 29.10.2014, favorable.

b) Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, Dirección Xeral de Política Enerxética e de Minas: 13.8.2014, informativo.

c) Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Secretaría de Estado de Medio Ambiente, Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar, do 1.8.2014: non procede.

d) Subdelegación do Gobierno en Lugo: 13.8.2014, sen observacións.

e) Subdelegación do Gobierno na Coruña: 17.9.2014, non afección.

f) Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais e de Arquivos e Bibliotecas: 17.9.2014, informativo.

g) Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Confederación Hidrográfica do Cantábrico: 4.6.2015 desfavorable; e 11.3.2020, favorable con condicións.

h) Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral de Política Social-Comisión Técnica de Accesibilidade: non afección.

i) Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Dirección Xeral de Emerxencia e Interior: sen afección.

j) Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Recursos Económicos: 7.8.2014, informativo.

k) Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental: informe sobre o ISA do 8.9.2014, con consideracións.

l) Consellería do Medio Rural e do Mar, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural: 9.9.2014, favorable.

m) Consellería do Medio Rural, Xefatura Territorial de Lugo, Servizo de Montes: 12.8.2022, favorable.

n) Instituto de Estudios do Territorio (IET): 6.10.2014, con consideracións.

o) Axencia Galega de Infraestruturas (AXI): 28.10.2014, favorable con condicións.

p) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: 31.3.2015, desfavorable; 29.3.2019, condicionado; e 11.2.2022, favorable con dúas condicións.

q) Dirección Xeral de Conservación da Natureza: 20.5.2015 condicionado.

r) Deputación Provincial de Lugo: 21.10.2014, desfavorable, e 20.9.2019, favorable.

s) Concello de Cervantes: informe de alegacións do 23.9.2014.

t) Concello de Baleira: sen resposta.

u) Concello de Becerreá: sen resposta.

v) Concello da Fonsagrada: sen resposta.

w) Ayuntamiento de Candín (León): sen resposta.

x) Ayuntamiento de Ibias (Asturias): sen resposta.

9. O 18.1.2022 e o 24.3.2022, o Concello presentou ao órgano ambiental a documentación do PXOM adaptada á LSG. Mediante a Resolución do 8 de setembro de 2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM (DOG do 22 de setembro).

10. O 15.9.2023, o Pleno do Concello de Navia de Suarna aprobou provisionalmente o PXOM, logo de informe dos servizos xurídicos e técnicos municipais.

11. O PXOM foi remitido á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o 26.10.2023 e o 15.11.2023, para resolver sobre a súa aprobación definitiva.

II. Análise e consideracións.

Analizado o PXOM de Navia de Suarna púidose comprobar o seu axuste, en xeral, ao establecido na normativa urbanística de aplicación. Non obstante, cómpre facer as seguintes consideracións:

II.1. Determinacións en solo urbano.

1. Solo urbano consolidado.

a) Delimítase un ámbito remitido á redacción dun Plan especial de protección do casco histórico, e en tanto non se aproba o dito documento, rexerase pola Ordenanza U1. O límite do ámbito, cando coincide con viario público, deberá sinalarse polo eixe deste, co obxecto dunha mellor definición das aliñacións e das obras de urbanización.

b) As ordenanzas de uso residencial (U1-U5) sinalan como uso permitido o dotacional, con tres excepcións. Debería eliminarse tamén, ou condicionar, o uso «infraestruturas ou servizo» (artigo 180 da NU) polo menos nas categorías 2ª e 3ª.

c) Nas zonas con ordenanza U2 unifamiliar illada hai parcelas sen acceso a viario público.

d) A condición da letra d) do punto 7 da ordenanza U3, sobre condicións especiais de adaptación á topografía deberá incluírse tamén nas ordenanzas U4 e U5, e na U7 para dotacións. A condición de escalonamento da edificación axustarase ás determinacións ao respecto contidas no PBA.

e) A zona con ordenanza U5 (II) lindeira co río Corbeira na zona sur, ten parte afectada pola zona de fluxo preferente que está libre de edificación. Tratándose dunhas edificacións existentes, as aliñacións deberán axustarse a elas, deixando o resto do solo libre.

f) A ordenanza U6 «industrial» determina os recuados ao «sinalado no plano de ordenación», pero nese plano non se sinalan tales recuados, polo que deberá clarificarse, graficamente ou ben na ordenanza establecendo recuados.

2. Solo urbano non consolidado.

O PXOM delimita dous ámbitos: SUNC-1 con ordenación remitida á redacción dun PERI; e SUNC-2 con ordenación detallada integrada no PXOM.

Nas súas fichas debe constar a determinación imposta no informe da Confederación Hidrográfica, en que se condiciona o desenvolvemento dos ámbitos ao pleno funcionamento da nova EDAR. Ademais, corrixiranse as referencias aos artigos e sección da NU sobre terreos inundables.

Na ficha do SUNC-1 non se sinala ningunha reserva para os espazos libres públicos locais, cando debera sinalarse a lo menos o mínimo establecido polo artigo 42.2 da LSG.

II.2. Determinacións do solo de núcleo rural.

1. Os núcleos rurais están axeitadamente delimitados, pero cando o límite coincide cunha estrada principal ou viario público non se distinguen as aliñacións ou recuados con claridade. Neses casos, o límite do núcleo deberá sinalarse polo eixe viario. Concretamente, detéctase no caso dos núcleos 01 Barcia, 05 Cabanela, 09 Freixeiro, 12 As Covas, 26 Piñeiro, 52 Penamil, 55 Pin de Arriba, 60 Liñares, 69 Faquis, 70 Laxo, 72 Murias, 76 Robledo de Rao, 86 As Casas do Río, 91 Son, 94 O Vilar, 96 Penedo, 100 Acevedo e 101 Vilarpandín.

2. O núcleo 07, Ferreirúas, vén coas capas desactivadas no plano de ordenación.

3. O capítulo II do título IX das NU sobre o réxime do solo de núcleo rural axustarase exactamente ao establecido pola LSG. Nomeadamente: eliminarase o punto 3 do artigo 235.

4. No capítulo III «Condicións de usos no núcleo rural», artigo 237, eliminaranse aqueles que non se establecen pola LSG e non resultan compatibles co uso residencial. Nomeadamente: as novas explotacións gandeiras (artigo 26.1.f) da LSG e artigo 40.1.f) do seu regulamento), así como o uso de infraestruturas en categoría 3ª.

II.3. Determinacións en solo rústico.

Na zona sueste do concello (plano 5.3.45) hai solos afectados pola Rede Natura 2000 que deberán cualificarse como de protección de espazos naturais (SRPEN).

II.4. Outras cuestións.

1. Segundo o artigo 164 do Real decreto 2568/1986, o expediente administrativo estará constituído polo conxunto ordenado de todos os documentos e actuacións obxecto da tramitación do PXOM, mediante a agregación sucesiva de cantos documentos deban integralo, todas as súas follas serán rubricadas e foliadas polos funcionarios encargados da súa tramitación e achegarase co índice.

2. De acordo co establecido na disposición transitoria segunda das NNTTPP, deberán achegarse os datos xeográficos do documento do PXOM en soporte vectorial xeorreferenciado.

3. Os arquivos veñen co engadido «m_firmado_firmado», que debe eliminarse.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación cos decretos 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Navia de Suarna, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82.4 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.