DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2024 Páx. 15352

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico de educación primaria e educación secundaria obrigatoria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2023/24.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, prevé nos seus artigos 21 e 29 a realización dunha avaliación de diagnóstico de carácter censual, nos niveis de cuarto curso de educación primaria e segundo curso de educación secundaria obrigatoria, que se deberá levar a cabo en todos os centros educativos e terá como marco de referencia o establecido no seu artigo 144.

O Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, determinan nos artigos 23 e 27, respectivamente, a realización deste proceso avaliativo.

A Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, establece os parámetros xerais polos cales se rexerá a devandita avaliación e prevé, na súa disposición derradeira primeira, que a persoa titular do órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo ditará cantas resolucións sexan necesarias para a concreción dos seus elementos organizativos.

O Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, establece no seu artigo 22.1 as funcións que lle corresponde exercer á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, entre as que se inclúe o deseño de instrumentos e a posta en práctica dos procesos de avaliación do sistema educativo, así como o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia dos programas internacionais e das accións de avaliación en que participe Galicia.

En consecuencia, de conformidade con todo o anterior, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as condicións polas cales se rexerá a aplicación da proba de avaliación de diagnóstico no curso 2023/24 na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta proba terá lugar en todos os centros educativos que na data de realización da proba impartan ensinanzas correspondentes a cuarto curso de educación primaria e segundo curso de educación secundaria obrigatoria.

Segundo. Competencias obxecto de avaliación

1. Na avaliación de diagnóstico de cuarto curso de educación primaria avaliaranse a competencia matemática e as competencias en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira: Francés e Inglés.

2. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos para cuarto curso de educación primaria recollidos no anexo II do Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Na avaliación de diagnóstico de segundo curso de educación secundaria obrigatoria avaliaranse a competencia matemática e as competencias en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira: Alemán, Francés, Inglés e Portugués.

4. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos para segundo curso de educación secundaria obrigatoria recollidos no anexo II do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. O alumnado que teña concedida no presente curso escolar unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación na materia de Lingua Galega e Literatura estará exento nesta avaliación da realización da proba de competencia en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura.

Terceiro. Características xerais das probas

1. A Administración educativa proporcionará aos centros docentes os materiais necesarios e o soporte informático para que poidan realizar as avaliacións.

2. As probas estarán constituídas por cadernos de alumnado, en formato papel, para cada unha das competencias obxecto de avaliación, e cuestionarios de contexto dirixidos ás persoas titoras, á dirección do centro, ao alumnado e ás súas familias.

Estes cuestionarios permitirán obter información sobre as condicións socioeconómicas e culturais dos centros para a contextualización dos resultados obtidos. Realizaranse preferentemente en formato dixital, sen prexuízo de que as familias o poidan realizar en formato papel.

3. As probas teñen un marcado carácter competencial, axustadas ás directrices establecidas no marco común desenvolvido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, a través do Instituto Nacional de Avaliación Educativa en colaboración coas comunidades autónomas (https://www.libreria.educacion.gob.es/libro/marco-general-de-las-evaluaciones-del-sistema-educativo-evaluacion-general-del-sistema-y-evaluaciones-de-diagnostico_181640/), tal como estable o artigo 144.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

Cuarto. Aplicación e corrección das probas

1. As probas aplicaranse en todos os grupos de cuarto curso de educación primaria e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria, conforme as instrucións de carácter técnico que dite a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. As probas, con carácter xeral, serán aplicadas e corrixidas por profesorado do centro que non imparta docencia ao alumnado avaliado. Este profesorado, na medida do posible, será profesorado que imparta docencia no centro, na etapa correspondente, e nas áreas ou materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira ou Matemáticas.

Cando isto non sexa posible, corresponde á comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico no centro educativo, establecida no artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, seleccionar o profesorado responsable da aplicación e da corrección das probas e da gravación dos datos.

3. No proceso de corrección aplicaranse os criterios establecidos pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para cada competencia avaliada.

Quinto. Datas da avaliación

1. A aplicación das probas da avaliación de diagnóstico realizarase os días 10 e 11 de abril de 2024.

No caso de que algún centro non poida realizar algunha das probas nas datas establecidas, por coincidir cun día non lectivo no centro ou por circunstancias sobrevidas que imposibiliten a súa realización, a dirección do centro afectado comunicarao á Inspección Educativa correspondente coa maior brevidade posible ou cunha antelación mínima de cinco días hábiles respecto ao inicio das probas. A Inspección Educativa adoptará as medidas necesarias para que se realicen as probas nunha data inmediatamente posterior.

2. Os centros docentes deberán rematar a corrección e gravación de datos das probas o día 22 de abril.

Sexto. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. Estableceranse as medidas máis axeitadas para que as condicións de realización das avaliacións de diagnóstico se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

2. Con carácter xeral, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que requira unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, etc., realizará a mesma proba que o resto do alumnado, e estableceranse as medidas necesarias para que as condicións de realización da avaliación se adapten ás súas necesidades. As medidas poderán consistir na adaptación de tempos para a realización da proba, na presentación da proba en formatos adaptados e na posta á disposición do alumnado dos medios materiais e das axudas técnicas que precise, de tal forma que os seus resultados si se computarán para o cálculo dos datos globais.

3. En relación coa adaptación de formatos, proporcionaranse modelos en formato dixital editable axustados aos perfís do alumnado con TEA, TDAH ou dislexia, de acordo cos protocolos publicados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que faciliten que a maior cantidade posible de alumnado con necesidades educativas especiais realice a mesma proba que o resto do alumnado. Estes modelos poderán ser editados polo profesorado de cada centro para conseguir unha mellor adaptación ás necesidades específicas do seu alumnado antes de seren impresos no centro educativo.

4. O alumnado que leve escolarizado no sistema educativo galego menos dun curso escolar completo cunha competencia lingüística en Lingua Galega e/ou Lingua Castelá insuficiente para a comprensión da proba contará co asesoramento lingüístico necesario do seu profesorado, e os seus resultados non se computarán para o cálculo dos datos globais.

5. O alumnado que teña autorizada unha adaptación curricular será avaliado de acordo con esa adaptación, polo que os criterios de avaliación que figuren na súa adaptación curricular serán os referentes para a citada avaliación e os seus resultados non se computarán para o cálculo dos datos globais.

6. A elaboración, a aplicación e a corrección das probas adaptadas a cada alumno ou alumna a que se refire o punto anterior será responsabilidade do titor ou titora e do profesorado especialista nas áreas ou materias relacionadas coas diferentes competencias. Contarán coa colaboración do resto do equipo docente, da persoa responsable da orientación educativa no centro e do profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe.

7. Para aquelas situacións extraordinarias que susciten dúbidas sobre a aplicación da proba de avaliación ao alumno ou alumna, corresponde á comisión de coordinación da avaliación establecida no artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, oídas a persoa titora do alumno ou alumna, a persoa responsable da orientación educativa e o profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe, resolver se se debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado, coas adaptacións de formato dispoñibles, ou se procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada. De ser o caso, esa decisión será comunicada á Inspección Educativa correspondente.

Sétimo. Comisións de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico

1. Constituiranse dúas comisións de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico en cada unha das sete sedes territoriais de Inspección Educativa: a primeira delas será a competente en relación coa avaliación de diagnóstico en cuarto curso de educación primaria e a segunda delas será a competente en relación coa avaliación de diagnóstico en segundo curso de educación secundaria obrigatoria. Cada unha delas estará formada por entre tres e seis funcionarios ou funcionarias de carreira do corpo de inspectores de educación, en función das necesidades das distintas sedes territoriais de Inspección Educativa e, cando menos, dous directores ou directoras de centros docentes públicos que impartan a etapa educativa correspondente ou, de ser o caso, dous mestres ou mestras funcionarios ou dous profesores ou profesoras de educación secundaria funcionarios ou dous catedráticos ou catedráticas de educación secundaria, segundo corresponda. Todos eles serán designados pola persoa titular da xefatura territorial de Educación correspondente, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e dos xefes ou xefas dos servizos territoriais de Inspección Educativa.

2. Corresponde a cada comisión de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico no seu ámbito territorial respectivo e respecto da etapa educativa en que é competente:

a) Facilitar toda a información necesaria aos centros docentes do seu ámbito para a realización da avaliación.

b) Coordinar a aplicación, a corrección e a gravación de datos da avaliación nos centros docentes.

c) Coordinar os procesos de corrección de contraste, rexistro de resultados e cualificación das probas de avaliación.

3. As comisións de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico constituiranse coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase a súa constitución á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

4. As comisións de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico estarán auxiliadas polos inspectores e inspectoras do servizo territorial de Inspección Educativa correspondente e polo persoal docente dos centros do seu ámbito en que se realice esta avaliación.

5. Para os efectos de colaboración coas comisións de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico e, en particular, para a corrección de contraste das probas, constituiranse subcomisións de avaliación asociadas a cada unha das comisións de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico, diferenciadas pola etapa educativa, educación primaria e educación secundaria obrigatoria, e diferenciadas polas competencias obxecto de avaliación.

Estas subcomisións estarán integradas por funcionarios ou funcionarias de carreira dos corpos de inspectores de educación e/ou funcionarios ou funcionarias dos corpos de mestres, especialistas nas distintas áreas que compoñen as probas e/ou funcionarios ou funcionarias dos corpos de profesores de educación secundaria ou catedráticos de educación secundaria, especialistas nas distintas materias relacionadas coas probas, segundo corresponda. Todos eles serán designados pola persoa titular da xefatura territorial de Educación correspondente por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e dos xefes ou xefas dos servizos territoriais de Inspección Educativa.

A percepción de asistencias dos membros das comisións de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico e das subcomisións asociadas aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Oitavo. Comisións de coordinación da avaliación de diagnóstico nos centros educativos

1. De acordo co artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, constituirase unha comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico en cada centro educativo que participe na avaliación. No caso de que o centro educativo imparta as dúas etapas educativas de educación primaria e educación secundaria obrigatoria, a comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico será só unha e atenderá os asuntos relacionados coas dúas avaliacións de diagnóstico, tanto en cuarto curso de educación primaria como en segundo curso de educación secundaria obrigatoria, tal como se desprende do artigo 5.1 da mencionada Orde do 29 de decembro de 2023 onde se establece a composición das citadas comisións de coordinación da avaliación de diagnóstico nos centros educativos.

2. De acordo co mencionado artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2023, esta comisión será a encargada no centro docente de:

a) Informar a comunidade educativa sobre o sentido e a finalidade da avaliación de diagnóstico.

b) Coordinar o proceso desta avaliación no centro.

c) Colaborar coa Administración educativa e cos servizos territoriais de Inspección Educativa naqueles aspectos do proceso para os cales sexa requirida.

E ademais:

d) Planificar e facilitar as condicións e os medios materiais para a correcta realización da avaliación.

e) Planificar todo o proceso da avaliación no centro docente e garantir que se realiza de modo adecuado, conforme as instrucións técnicas que dite a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

f) Seleccionar o persoal docente responsable da aplicación, a corrección e a gravación das probas, de acordo co disposto no punto terceiro desta resolución.

g) Comunicar á comisión de coordinación territorial correspondente o persoal docente seleccionado que auxiliará a comisión mencionada.

h) Adoptar todas as medidas necesarias para a realización da avaliación ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e, para aquelas situacións extraordinarias que susciten dúbidas, resolver se ao alumno ou alumna se lle debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado, coas modificacións de formato oportunas de acordo cos protocolos publicados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou se procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada.

i) Custodiar os materiais da avaliación e garantir a debida confidencialidade.

j) Garantir o rigor e a obxectividade no desenvolvemento de todo o proceso da avaliación.

3. Coa entrada en vigor da presente resolución comunicarase a composición da comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico en cada centro educativo á correspondente comisión de coordinación territorial da avaliación de diagnóstico a través da correspondente Inspección Educativa.

Noveno. Corrección de contraste

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 29 de decembro de 2023, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa requirirá de todos os centros educativos que realicen estas avaliacións unha cantidade reducida de cadernos de todos os grupos e de todas as competencias avaliadas. Os cadernos serán trasladados ás respectivas comisións de coordinación territorial, onde serán distribuídos ás correspondentes subcomisións de avaliación asociadas.

As subcomisións de avaliación serán as encargadas de realizar unha segunda corrección dos cadernos seleccionados, que será comparada coa primeira corrección realizada polo profesorado de cada centro. En caso de que nalgúns centros se observen diferenzas importantes entre as dúas correccións realizadas, requiriráselles a todos eles o resto dos cadernos.

Décimo. Informes

De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, e concluído o proceso de aplicación, corrección e corrección de contraste, os centros educativos terán ao seu dispor, a través da plataforma informática habilitada para dar soporte ás avaliacións de diagnóstico, un informe de resultados en que se fará constar, cando menos, a puntuación acadada polo centro en cada unha das competencias avaliadas. Os resultados expresaranse en seis niveis de desenvolvemento competencial, nomeados do nivel 1 ao 6, tomando como referencia para a súa definición o conxunto dos resultados acadados en cada competencia por todo o alumnado do sistema educativo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os centros educativos, a través do profesorado titor, informarán as familias do alumnado avaliado dos resultados globais acadados polo centro. En ningún caso existirá información desagregada por alumnado individualmente.

O uso dos informes polos centros educativos queda totalmente restrinxido ao indicado no parágrafo anterior e ao que se indica no seguinte punto décimo primeiro, e queda prohibida a difusión pública, e por calquera medio, de calquera dato ou información contida en tales informes.

Décimo primeiro. Análise dos resultados no centro educativo

De acordo co establecido no artigo 11 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez que os centros dispoñan do correspondente informe de centro, este será analizado na Comisión de Coordinación Pedagóxica do centro. O informe e as conclusións acadadas serán trasladados aos diferentes órganos de coordinación didáctica e ao Consello Escolar do centro.

A análise terá que ir orientada tanto a valorar medidas para o alumnado que acaba de realizar as probas (e ao que lle restan, por norma xeral, dous cursos académicos na etapa educativa correspondente) como a valorar medidas orientadas ao alumnado que realizará as probas no próximo curso. En todos os casos, o proceso de concreción de melloras que cómpre adoptar, supervisado pola Inspección Educativa, concluirá coa súa incorporación no plan de mellora do proxecto educativo do centro, de acordo cos artigos 121.2 e 144 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

As actuacións que se propoñan deberán converxer co resto de actuacións xa incluídas no proxecto educativo do centro e, na medida do posible, cos diferentes programas vixentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades orientados á mellora dos resultados académicos e da calidade e equidade do ensino.

Os centros educativos localizados no percentil máis baixo de desempeño nas distintas competencias deberán seguir obrigatoriamente os criterios que estableza a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para a elaboración dos seus plans de mellora, baixo a supervisión da Inspección Educativa, encamiñados a acadar a medio prazo percentís de mellor desempeño, dentro dunha estratexia de mellora dos resultados académicos nas competencias fundamentais.

Décimo segundo. Participación do profesorado

De acordo co establecido no artigo 142 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os equipos directivos e o profesorado dos centros docentes participarán e colaborarán coas administracións educativas nas avaliacións que se realicen nos seus centros.

Tanto ao persoal docente que forme parte das comisións de coordinación da avaliación de diagnóstico nos centros educativos como ao persoal docente seleccionado que auxilie a devandita comisión e que participe activamente na coordinación, aplicación, corrección e/ou gravación dos datos das probas da avaliación de diagnóstico recoñeceránselle 20 horas de formación, de acordo coa Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regulan a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia (DOG núm. 96, do 22 de maio).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024

Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa