DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2024 Páx. 15728

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2024, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso de acceso libre no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de arquitectos, convocado pola Resolución de 22 de decembro de 2022, polo que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 15 de febreiro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 13 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro) para cualificar este proceso selectivo para o ingreso por acceso libre no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de arquitectos, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 20 de xaneiro de 2024, anular as preguntas 43, 44 e 63 do cuestionario, pasando a ocupar o seu lugar as preguntas números 163, 164 e 165, respectivamente, e anular a pregunta de reserva 170. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta número 149, sendo correcta a alternativa c). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos.

Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, pola Resolución deste tribunal, do 11 de decembro de 2023, pola que se dá publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de oito (8) persoas aspirantes, sempre e cando acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes en cada unha das partes.

Cada resposta correcta equivale a unha unidade de puntuación e cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Asignarase a valoración de 15 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada en 101 respostas correctas, sempre que se acaden os mínimos fixados para as partes primeira (60 respostas correctas) e segunda (20 respostas correctas) do exercicio, sen que sexa posible compensar os acertos que excedan nunha parte cos que falten na outra. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Feita a corrección na sesión do 15 de febreiro de 2024, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de 8 aspirantes.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de arquitectos, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

Ascensión Labella Lozano
Presidenta do tribunal