DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2024 Páx. 15722

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de facultativos, especialidade de traballo social, convocado mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro) pola que se dá publicidade de diversos acordos.

Na sesión que tivo lugar o 19 de febreiro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 28 de novembro de 2023 (DOG núm. 230, do 4 de decembro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso- oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de facultativos, especialidade de traballo social, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro),

ACORDOU:

Primeiro. Anular as preguntas número 3, 44, 49 e 92, ao abeiro do previsto na base III.1.1.1 da convocatoria. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas de reserva 141, correspondente á parte xeral común, e 144, 145 e 146, correspondentes á parte específica do programa.

Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1.1 da convocatoria, superan o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de vinte (20) persoas, determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Subsidiariamente, de se dar o caso de non completar o número de vinte (20) persoas aprobadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 15 puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Asignaráselles unha valoración de 15 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente a nota de corte. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos proporcional ao numero de respostas acertadas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores consideraranse igualmente aprobadas.

Terceiro. Realizada a corrección de acordo coas normas e criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 15 puntos un total de vinte (20) persoas aspirantes, ao se fixar en 85,25 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de facultativos, especialidade de traballo social, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, así como as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron os mínimos establecidos na base III.1.1.1 da convocatoria pero que non superaron o exercicio, ás cales se lles asignou unha puntuación de 0 a 15 puntos. Así mesmo, publícase a relación das persoas aspirantes presentadas que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1.1 da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade co disposto na base V.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2024

Laura Fuentes López
Presidenta do tribunal