DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2024 Páx. 15697

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica o requirimento de emenda da documentación das xustificacións presentadas, para a anualidade de 2023, ao abeiro da Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E).

A consellería con competencias en materia de Política Social e Xuventude convocou, para os anos 2022 e 2023, a través da Orde do 14 de setembro de 2022, as subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (Diario Oficial de Galicia núm. 184, do 27 de setembro).

Mediante a Orde do 2 de decembro de 2022 pola que se modifica a Orde 14 de setembro, acordouse a modificación dos prazos de xustificación das axudas obtidas, establecendo que para as actividades que se desenvolvesen no ano 2022 se xustificaran non máis tarde do 30 de decembro de 2022 e as programadas para o exercicio 2023 se xustificaran dentro deste exercicio e non máis tarde do 1 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 234, do 12 de decembro).

Mediante a Resolución do 15 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, publícase a Resolución do 14 de decembro de 2022 de concesión das subvencións presentadas ao abeiro da dita Orde do 14 de setembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 244, do 26 de decembro).

O artigo 23 da orde de convocatoria establece a data límite para a presentación da xustificación das actividades desenvoltas na anualidade do 2023 para o día 1 de novembro de 2023.

Así mesmo, nos números 2 e 3 do dito artigo 23 da orde determínase a documentación necesaria para a xustificación da axuda concedida.

Unha vez revisadas as xustificacións presentadas ao abeiro da dita orde de convocatoria polo órgano encargado da instrución, identificáronse aquelas que non reúnen a documentación necesaria, ben por non tela presentado, ben por conter erros ou por non ser suficiente para a determinación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto da concesión da subvención.

O artigo 23.5 da dita orde establece que transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no dito prazo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no dito prazo adicional non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Así mesmo, o artigo 20 da orde establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento e que esta publicación producirá os efectos de notificación.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

1. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acto de requirimento da documentación xustificativa da axuda concedida para a anualidade de 2023, ditado polo órgano instrutor do procedemento con data do 9 de febreiro de 2024, no que se relacionan as entidades que deben emendar as xustificacións e/ou completar a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras e que figura como anexo a esta resolución.

2. Facer indicación expresa ás entidades beneficiarias que se relacionan no requirimento recollido no anexo para que, no prazo de dez (10) días, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se establece na orde de convocatoria. De non o facer, de conformidade co artigo 23.5 da orde, co artigo 28.10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que correspondan.

3. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda da documentación das xustificacións, poderán dirixirse á Consellería de Política Social e Xuventude a través dos teléfonos 981 95 79 15 ou 881 99 65 30.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude,
Participación e Voluntariado

ANEXO

Requirimento de emenda da documentación xustificativa das axudas
concedidas-anualidade 2023

Convocatoria: Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E).

Acto administrativo: requirimento de emenda da documentación xustificativa das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 14 de setembro de 2022. Anualidade 2023.

Data do acto: 9 de febreiro de 2024.

Órgano competente: Servizo de Voluntariado e Participación.

Efectos: as entidades beneficiarias que a seguir se relacionan terán un prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do acto no Diario Oficial de Galicia, para emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. De non o facer, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que correspondan de conformidade co artigo 23.5 da orde, co artigo 28.10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño e co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Relación de expedientes:

Nº de exp.

Solicitante

NIF da entidade

Documentación requirida

2022/007

Concello de Ames

P1500200I

– Anexo II (artigo 23.3.b).

– Anexo III, debidamente cuberto e asinado.

– Conta xustificativa incluíndo as persoas voluntarias e o informe de intervención (artigo 23.3.d).

– Documentación xustificativa da existencia dunha contabilidade separada (artigo 23.3.f).

– Acreditación de ter debidamente contratados os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias durante todo o tempo de execución do proxecto (artigo 3.2.e).

– Ligazón ao sitio web con información do apoio obtido (artigo 23.3.e).

– Acreditación do depósito das experiencias voluntarias (artigo 23.3.a).

2022/015

Concello de Mos

P3603300I

– Xustificación da axuda concedida para a anualidade 2023 (artigo 23.3).

2022/020

Fundación Eduardo Pondal

G70262951

– Xustificación da axuda concedida para a anualidade 2023 (artigo 23.2).

2022/021

Asociación Esgaia Inserta

G16918641

– Anexo VIII (artigo 23.2.g).

– Anexo IV: enviar completo e debidamente asinado, xunto coa documentación establecida no artigo 23.2.d).

– Xustificación da axuda concedida: revisar as actividades indicadas acorde ás datas de realización (artigo 1.1).

2022/024

Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia

G15450828

– Anexo II: debidamente cuberto (artigo 23.2.c).

– Anexo IV: revisar os gastos imputados ao proxecto sen ter en conta o IVE (artigo 8).

– Memoria económica: adaptar aos cambios do anexo IV.

2022/025

ONGD Senvalos

G70610282

– Xustificación da axuda concedida para a anualidade 2023 (artigo 23.2).