DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 1 de marzo de 2024 Páx. 16481

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia (código de procedemento IN501A).

A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de medio rural, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

Nos termos recollidos no artigo 2 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, desde XERA preténdese incentivar o avance da formación e cualificación do persoal empregado no sector forestal, favorecendo a capacitación profesional e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas do sector, así como á información/formación sobre a xestión sustentable dos recursos.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, está consignado crédito por importe de 400.000,00 € para a indicada anualidade e 400.000,00 € para o ano 2025, con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.A4.741A.481.0 e 14.A4.741A.444.0, código de proxecto 2018 00005, para atender as axudas da presente resolución.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia Galega da Industria Forestal, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión das axudas para a organización de accións formativas non regradas que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de formación e coa Axenda de impulso da industria forestal-madeira, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2024, para o desenvolvemento de proxectos tractores e proxectos singulares (código de procedemento IN501A).

2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións e entidades do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de bioeconomía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:

a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

c) Colexios profesionais, cando as actividades subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.

d) Centros universitarios.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nas obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.

b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución.

3. As entidades solicitantes poderán concorrer ás axudas de maneira individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo.

3.1. No caso de proxectos individuais, unicamente poderá presentarse unha solicitude por entidade (ben sexa proxecto tractor ou singular). No caso de presentar máis dunha solicitude individual, terase en conta a presentada en último lugar e non se admitirán as restantes presentadas.

3.2. No caso de proxectos conxuntos, non hai límite de presentación de solicitudes por entidade.

Neste caso, todas estas entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, as entidades solicitantes deben compartir polo menos o 80 % das actividades propostas, e deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de entidades beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación, e que será o interlocutor único ante a Administración.

Artigo 3. Actuacións obxecto de apoio

Ao abeiro destas bases reguladoras prevense dúas categorías de apoio:

1. Proxectos tractores cun investimento total subvencionable dun mínimo de 15.000,00 € e un máximo de 60.000,00 €.

2. Proxectos singulares cun investimento total subvencionable dun máximo de 14.999,00 €.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, tanto no caso de proxectos tractores como singulares, serán subvencionables os proxectos que integren actividades de carácter formativo non regrado que promovan a industria forestal-madeira de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.

2. Os proxectos incluirán a organización de actividades formativas non regradas, tales como másteres, cursos, xornadas específicas ou pílulas formativas relacionados coa industria forestal-madeira.

En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

a) Formación específica non regrada:

1º. Habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros, na xestión de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina e castaña, en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.

2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.

3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabamento, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.

4º. Incorporación do ecodeseño como ferramenta de diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e o moble.

5º. Coñecemento sobre materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións, a circularidade dos produtos madeireiros e forestais non madeireiros, así como un uso en serie.

6º. Competencias profesionais en materia de construción en madeira, incluíndo o uso de bases de datos de construción sustentable.

7º. Competencias profesionais para a elaboración de declaracións ambientais de produto (DAP) ou análises de ciclo de vida (ACV).

8º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.

b) Formación non regrada de carácter transversal:

1º. Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a aprendizaxe permanente (lifelong learning) neste ámbito. Queda excluída a formación centrada especificamente nos postos de traballo ou funcións de cada traballador, así como a adaptación desta á aparición de novos riscos.

2º. Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal-madeira.

3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing, incluíndo formación en clave de xénero, así como de detección e aplicación de protocolos en materia de acoso na contorna laboral.

4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e o destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Normas xerais:

a) Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

b) Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2024 e a data de xustificación establecida no artigo 25 destas bases reguladoras. Para os efectos desta resolución, considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior á data de xustificación por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables.

c) Os gastos subvencionables teñen como límite máximo os importes unitarios establecidos no anexo XI.

d) Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente e estean directamente relacionados coa actividade subvencionada. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

e) As actividades realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) As facturas presentadas na xustificación final deben desagregar cada un dos conceptos obxecto de subvención e indicar indubidablemente a actividade á cal se corresponden.

2. Normas específicas para diferentes tipos de gasto.

a) No caso de actividades formativas non regradas, serán subvencionables os gastos correspondentes ás actividades en que se acredite a asistencia mínima de 10 persoas, sempre que polo menos o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.

Serán subvencionables os custos directos asociados á realización da actividade. Exclusivamente consideraranse custos directos os seguintes:

1º. Recursos humanos:

i) Gastos de persoal en materia de dirección/coordinación e xestión/administración: o gasto subvencionable calcularase atendendo á duración efectiva da actividade formativa.

ii) Custos de contratación de relatores, excluídos os gastos por desprazamento, aloxamento e mantemento.

2º. Gastos de desprazamento, aloxamento e mantemento. O aloxamento non será subvencionable no caso de persoal propio.

3º. Gastos correspondentes á elaboración de documentación e materiais didácticos, así como á edición de presentacións ou publicacións.

4º. Os gastos de alugueiro de edificios, locais, medios audiovisuais e demais materiais que se precisen para levar a cabo a realización das actividades.

5º. Gastos de publicidade para a organización e difusión das actividades subvencionables.

6º. Gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil ou accidentes, cando as especiais características da actividade así o requiran.

7º. Gastos de materiais naqueles casos en que resulte imprescindible para a realización da actividade. Os devanditos materiais deben estar claramente descritos e xustificados no anexo IV (Memoria de actividades) epígrafe de «medios necesarios». Ao final da formación, a entidade solicitante poñerá os devanditos materiais resultantes ao dispor da Axencia Galega da Industria Forestal, que decidirá o seu destino.

b) Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por cada acción formativa non regrada, e xustificaranse os seus custos conforme os prezos unitarios máximos, dispostos no anexo VII (memoria técnico-económica xustificativa de actividades). Nas facturas de xustificación final deben estar indubidablemente especificados os conceptos de gasto, o tipo impositivo ou exención e os réximes especiais, de ser o caso.

c) Non serán subvencionables os custos indirectos, tales como auga, luz, electricidade, etc.

d) Non serán subvencionables o desenvolvemento nin o mantemento de páxinas web nin de redes sociais.

e) Non será subvencionable a adquisición de maquinaria.

f) Non serán subvencionables os gastos realizados en concepto de arrendamento financeiro (leasing), renting ou sistemas similares.

g) Non serán subvencionables os gastos correspondentes ao mantemento das persoas asistentes ás actividades tales como servizos de comida, excepto os custos correspondentes á pausa-café.

h) Non serán subvencionables nin a publicidade corporativa nin aquelas accións dirixidas a captar máis persoas afiliadas.

3. No caso de que se obteñan ingresos pola realización das actividades, o gasto subvencionable calcularase minorando o custo real da actividade polos ingresos netos efectivamente percibidos por esta. Entenderase por ingresos netos aqueles ingresos unha vez detraídos os custos indirectos de aplicación.

4. Así mesmo, deberá respectarse o disposto no artigo 9 sobre compatibilidade e concorrencia con outras axudas.

Artigo 6. Criterios de valoración

1. Para a concesión das axudas realizarase unha avaliación e ordenación en orde decrecente de todos os proxectos incluídos nas solicitudes presentadas, e asignaráselles a puntuación que corresponda segundo os seguintes criterios de baremación:

a) 20 puntos pola presentación conxunta de solicitudes. Enténdese por presentación conxunta aquela en que 2 ou máis entidades comparten a organización do 80 % das actividades dun proxecto. O mero feito de presentar un único formulario, con actividades diferenciadas para cada entidade, non se considera presentación conxunta.

b) 20 puntos a proxectos que utilicen o lema «O futuro é de madeira» e o hashtag
«#GaliciaéMadeira» para promover as actividades realizadas ao abeiro da presente convocatoria, co obxecto de maximizar o impacto das iniciativas e da comunicación.

c) 20 puntos a proxectos en que participen como docentes: profesorado de universidades, expertos ou expertas de centros de innovación, ou profesionais de recoñecida traxectoria.

Enténdese por participación de profesorado universitario aquel que, na actualidade, imparta na universidade a mesma materia obxecto da actividade, ou a impartise anteriormente por un período superior a 3 anos.

No caso dos centros de innovación, enténdese por expertos ou expertas aqueles que na actualidade traballen ou investiguen sobre a mesma materia obxecto da actividade, ou que conten con experiencia anterior por un período superior a 3 anos.

Enténdese por profesionais recoñecidos aqueles cunha traxectoria superior a 3 anos na industria forestal-madeira, en postos directamente vinculados á mesma materia obxecto da actividade.

d) 5 puntos a proxectos en que participe polo menos unha muller como docente ou nun rol principal diferente ao de presentadora da actividade. Queda excluído o persoal propio.

e) 5 puntos a proxectos en concordancia coa Axenda de impulso da industria forestal-madeira e en concordancia coa Estratexia de formación da industria forestal-madeira, descrita no artigo 4.

f) 20 puntos a proxectos dirixidos ao impulso na construción en madeira.

g) 10 puntos a proxectos que empreguen a lingua galega nas actividades e/ou nos materiais utilizados nas actividades propostas, tales como trípticos, material didáctico, etc.

h) 5 puntos a proxectos cunha actividade en que se traduzan a outro idioma (diferente do galego ou o castelán) os materiais de formación, como vídeos, folletos ou publicacións.

i) 5 puntos a proxectos que conten con varias edicións nunha mesma actividade.

A puntuación total para cada proxecto será a suma das puntuacións obtidas nas alíneas a), b), c), d), e), f), g), h) e i).

2. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación de todas as solicitudes que cumpran coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada para as actividades para as que se solicita a subvención, e ordenada e valorada de acordo con ela.

3. O órgano competente para resolver asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes correspondentes ás actividades que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

En caso de empate, resolverase segundo os seguintes criterios:

1º. Proxectos presentados conxuntamente con outras entidades.

2º. Proxectos que teñan máis puntos no criterio correspondente á alínea c), relativa á excelencia do profesorado.

3º. Solicitudes de axuda de maior a menor importe.

Artigo 7. Organización e requisitos das actividades

1. As actividades de carácter formativo non regradas deben estar orientadas a profesionais da industria forestal-madeira (incluídas persoas prescritoras e instaladoras en madeira), así como a estudantes de formación profesional e estudantes universitarios vencellados ao ámbito forestal-madeira ou recentemente titulados nos ditos estudos.

2. Control da asistencia:

a.1) Actividades formativas non regradas organizadas en formato presencial: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora de entrada e saída, así como pola persoa representante da entidade, conforme o anexo VIII (asistentes por edición), sen prexuízo do disposto no artigo 26.1.f) para o caso de actividades xa realizadas na data de presentación da solicitude.

a.2) Actividades formativas non regradas organizadas en formato en liña ou híbrido, que utilicen outras plataformas de videoconferencia: o alumnado non terá que asinar o control de asistencia, aínda que o devandito documento o redactará e asinará igualmente a persoa representante da entidade solicitante, conforme o anexo VIII. Ademais, será obrigatorio achegar capturas de pantalla en que se identifiquen claramente as persoas participantes.

En ambos os casos, este anexo VIII entregarase preferentemente en formato de folla de cálculo e será imprescindible atender aos requirimentos do artigo 26.1.g) relativos aos informes fotográficos acreditativos do cumprimento das medidas de publicidade e difusión.

Artigo 8. Financiamento

1. As axudas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.A4.741A.481.0 e 14.A4.741A.444.0 no código de proxecto 2018 00005. O orzamento destinado a esta convocatoria será de 800.000,00 €, 400.000,00 € no exercicio contable 2024 e 400.000,00 € para o exercicio contable 2025.

Categoría

Código de proxecto

Aplicación

orzamentaria

Orzamento

2024

Orzamento

2025

Orzamento total

Proxectos tractores

2018 00005

14.A4.741A.481.0

245.000,00 €

245.000,00 €

490.000,00 €

14.A4.741A.444.0

80.000,00 €

80.000,00 €

160.000,00 €

Proxectos singulares

14.A4.741A.481.0

75.000,00 €

75.000,00 €

150.000,00 €

2. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá aumentar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, despois da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

4. A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas e entre proxectos tractores e singulares na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse segundo a evolución da concesión de axudas á vista das solicitudes recibidas, sempre sen incrementar o crédito total.

Artigo 9. Intensidade e compatibilidade das axudas

1. A intensidade máxima da axuda será do 100 % do investimento total subvencionable, ata un máximo de 60.000,00 € por solicitude e 100.000,00 € por persoa beneficiaria no caso de ter presentado varias solicitudes.

2. As subvencións reguladas por esta resolución serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

3. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao amparo desta resolución non poderá ser tal que, illadamente ou en concorrencia con outros ingresos obtidos para a mesma finalidade, coas axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria, en que se incluirán todos os custos directamente derivados dela.

4. O importe máximo das axudas deberá respectar os límites que se establecen nesta resolución.

Artigo 10. Solicitude e prazo de presentación

1. Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Axencia Galega da Industria Forestal, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I (solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 11 desta resolución. As solicitudes presentaranse co contido mínimo exixido no citado artigo para os efectos de considerarse solicitude completa.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable da entidade solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

g) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no proxecto para o cal se solicita a axuda.

h) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

i) Declaración responsable de que a entidade solicitante está legalmente constituída e rexistrada nos rexistros competentes e esta ao día nas obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser de aplicación.

j) Declaración responsable de que a entidade solicitante ten domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución e realizará as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

k) Declaración responsable de que, no caso de actividades en que participen como docentes profesorado de universidades, expertos ou expertas de centros de innovación, ou profesionais de recoñecida traxectoria, se cumprirá coa experiencia e antigüidade do docente na materia que se imparta establecida na presente convocatoria.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán presentar obrigatoriamente coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por un representante legal.

b) Anexo II (pluralidade de solicitantes) para presentar cada solicitante a maiores do que figura no anexo I, só no caso de solicitudes conxuntas. O devandito anexo II integra, ademais, a autorización á entidade sinalada como representante para presentar a solicitude en nome do resto.

c) Documento en que se acorde a colaboración entre as entidades solicitantes, a designación da que as representa, as tarefas e os compromisos económicos e/ou materiais asumidos por cada unha delas para a execución das actividades, e o importe da subvención solicitado por cada unha, no caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades.

d) Proxecto en que se recollan as actividades formativas non regradas, que será asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade ou da agrupación de entidades. Para cada acción ou actividade incluída no índice do proxecto deberá entregarse a seguinte documentación, xunto coa documentación complementaria necesaria, e seguindo a estrutura que se indica a seguir:

1º. Memoria explicativa do proxecto segundo o anexo III (unha soa memoria por solicitude).

2º. Actividades que se desenvolverán e orzamentos detallados cos gastos e ingresos, conforme o anexo IV (deberase cubrir un anexo por cada actividade).

No caso de entidades beneficiarias que teñan a condición de poder adxudicador suxeito á normativa de contratación pública, deberán respectar a Lei 9/2017, de contratos do sector público, nos termos que procedan.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario presentar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo dos documentos e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A documentación poderase achegar en formato .pdf e para a súa presentación será obrigatorio seguir a estrutura especificada a continuación, nomeando cada arquivo segundo a seguinte nomenclatura:

a) No caso da documentación referida ao punto 1.a) deste artigo:

0_representación_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

b) No caso do anexo I (solicitude):

1_solicitude_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

c) No caso do anexo II (pluralidade de solicitantes):

2_pluralidade_acronimodaentidade1.pdf.

2_pluralidade_acronimodaentidade2.pdf. e sucesivos.

2_representación_acronimodaentidade1.pdf.

d) No caso do acordo referido no punto 1.c) deste artigo:

2_acordo_acronimodaentidadesolicitante_acronimodaentidade1_acronimodaentidade

2_acronimodaentidade 3.pdf.

e) No caso do anexo III (memoria do proxecto):

3_memoria_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

f) No caso do anexo IV (memoria de actividades), presentarase un arquivo por cada actividade, segundo a seguinte nomenclatura:

4_actividade1_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

4_actividade2_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

4_actividade3_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

7. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Imposto de actividades económicas (IAE).

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Consellería de Facenda.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I ou II, segundo corresponda), e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, despois de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

1. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 15. Órganos competentes

1. A dirección da Axencia Galega da Industria Forestal convocará e resolverá as subvencións solicitadas ao abeiro das presentes bases reguladoras, e será o órgano encargado da aplicación do réxime sancionador.

2. A Área de Innovación da Axencia Galega da Industria Forestal será a encargada da instrución e xestión económico-orzamentaria desta convocatoria e do seguimento da súa execución.

Artigo 16. Instrución do procedemento

1. Na fase de instrución realizaranse de oficio cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requiriráselles aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, os corrixan, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ademais, neste requirimento indicarase que, de non faceren o que nel se indica, se considerará que desisten da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Expresarase tamén, de forma motivada, a relación de proxectos ou actividades para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reuniren os requisitos contidos nestas bases ou na normativa de aplicación, indicando a causa daquela.

Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as súas causas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Valoración regulada no artigo seguinte para a súa avaliación e valoración en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e valoración previstos nestas bases.

5. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2017.

Artigo 17. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes conforme o procedemento e os criterios establecidos nestas bases reguladoras.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal ou persoa que a substitúa.

b) Dous vogais nomeados pola Axencia Galega da Industria Forestal de entre os seus membros.

c) Secretaría: persoal funcionario da Axencia que actuará con voz, pero sen voto.

3. Os membros da Comisión serán nomeados polo director da Axencia.

4. A Comisión de Valoración elaborará unha relación ordenada de todos os proxectos solicitados que cumpran coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras, con indicación da puntuación outorgada a cada un deles.

De ser o caso, a Comisión elaborará unha lista de espera coa relación de proxectos aprobados para os cales non se propón a concesión da subvención por esgotamento do orzamento dispoñible. A Xerencia poderá activar a lista de espera no caso de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no seu dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

5. A Comisión de Valoración emitirá un informe final en que figurarán, de forma individualizada e motivada, os proxectos para os que se propón a concesión das axudas, con identificación da persoa beneficiaria e a puntuación obtida no proceso de baremación.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. Unha vez concluída a instrución, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Valoración ao director da Axencia Galega da Industria Forestal para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de maneira individualizada as solicitudes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Sinalarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas ou, se é o caso, a causa de denegación.

No expediente de concesión de subvencións tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. Á vista da proposta e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, e logo da fiscalización preceptiva do expediente, o director da Axencia Galega da Industria Forestal ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Notificada a resolución de concesión da axuda, as entidades beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días hábiles para comunicar a renuncia á subvención, segundo o anexo V (modelo de renuncia). Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa en contrario, entenderase tacitamente aceptada.

No caso de que algunha das entidades beneficiarias renuncie á subvención, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes a aquel por orde da súa puntuación, coa condición de que coa renuncia por parte dalgunha das entidades beneficiarias se libere crédito suficiente para atender polo menos unha das solicitudes aprobadas e denegadas por insuficiencia de crédito.

Presentar a renuncia ás axudas fóra do devandito prazo ou non presentar a renuncia nos casos de inexecución total do proxecto subvencionado supoñerá que a entidade non poderá solicitar axudas para os investimentos recollidos nesta resolución nin na seguinte convocatoria.

5. Contra as resolucións ditadas ao amparo desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo, ante o presidente da Axencia Galega da Industria Forestal, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisa introducir modificacións ao proxecto, solicitará autorización da Axencia Galega da Industria Forestal, xustificando as razóns do cambio e achegando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións das actividades previstas no proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supoñer discriminación a terceiros e non supoña a modificación da puntuación conseguida pola aplicación dos criterios de selección.

2. A solicitude de modificación debe formulala a persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria, na forma sinalada no artigo 10, expresando os motivos e os cambios que se propoñen.

3. A modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal, logo de instrución do correspondente expediente de modificación e proposta motivada da Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle á persoa interesada.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Pagamentos anticipados

A entidade beneficiaria da subvención, no momento de presentación da solicitude, poderá solicitar un pagamento anticipado de acordo coas seguintes condicións:

1. Cando o importe da subvención concedida non supere os 18.000,00 €, poderase solicitar un pagamento anticipado do 80 % da subvención concedida.

2. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000,00 €, poderase solicitar un pagamento anticipado de 14.400,00 € ao cal se poderá engadir un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000,00 €.

Os pagamentos anticipados estarán exentos da constitución de garantías, conforme dispón o artigo 65, letra f), do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 53 da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

3. O pagamento anticipado non pode superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Artigo 22. Execución das actividades

1. As actuacións subvencionadas deben executarse nas condicións descritas no proxecto a que se refire o artigo 11, sen prexuízo do sinalado no artigo 19.

2. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva das entidades solicitantes. Con todo, a Axencia debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como comprobar calquera aspecto relacionado con elas.

3. Con carácter previo á realización de actividades formativas para as que se concedeu a subvención (excluíndo aquelas que xa fosen realizadas con anterioridade á notificación da resolución de concesión), a entidade beneficiaria deberá poñer en coñecemento da Axencia Galega da Industria Forestal os datos que se indican no anexo VI (comunicación previa) cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao seu inicio. A Axencia poderá comparecer nas devanditas actividades para velar polo cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución.

4. De todo o material e documentación obxecto de financiamento pola Axencia Galega da Industria Forestal, esta poderá facer uso coa finalidade de formación, divulgación, fomento e promoción. Do mesmo xeito, a Axencia poderá publicar e publicitar a programación e convocatoria das actividades.

5. No relativo ao material gráfico (imaxes e fotografías), así como ás listaxes de asistentes descritos no artigo 26.1.f), será responsabilidade das entidades beneficiarias o cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais, e a información ás persoas interesadas da cesión de datos e material gráfico á Axencia Galega da Industria Forestal.

Como excepción a este punto, as fotografías sinaladas no artigo 26.1.g), que teñen como fin a verificación da realización das actividades e do cumprimento dos mínimos exixidos, non serán empregadas pola Axencia Galega da Industria Forestal salvo petición expresa ás entidades beneficiarias.

Artigo 23. Subcontratación das actuacións

1. A beneficiaria poderá subcontratar, total ou parcialmente, as actividades descritas na presente convocatoria. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

2. En materia de subcontratación observarase o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, as seguintes:

a) Realizar as actividades que fundamentan a concesión da subvención.

b) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Axencia Galega da Industria Forestal, segundo o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As medidas de difusión consistirán en lendas relativas ao financiamento público en carteis, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, así como mencións realizadas en medios de comunicación e nas redes sociais, empregados na convocatoria de actividades formativas, nos programas, nos materiais desenvolvidos ou en calquera outro documento ou comunicación relativa ás actividades subvencionadas nesta resolución de convocatoria. Deberá mencionarse o financiamento segundo os seguintes termos:

1º. Citarase a Axencia facendo referencia ao seu nome co seguinte formato:

Cofinanciado por: Axencia Galega da Industria Forestal.

2º. En redes sociais, empregarase a ferramenta @ para enlazar correctamente co perfil da Axencia:

Linkedin: www.linkedin.com/company/xera-axencia-da-industria-forestal

Facebook: www.facebook.com/xeraindustriaforestal

Instagram: www.instagram.com/xera.xunta/

Así mesmo, nas redes sociais empregaranse os hashtag: #GaliciaéMadeira, #industria

forestalmadeira e #XERAsavia.

3º. Ademais, no caso de actividades que aborden o papel da muller na industria forestal e aquelas en que participe unha muller nun rol principal, tanto nas redes sociais como en todo material de formación será obrigatorio utilizar o hashtag: #ElasXeranSector.

No caso das redes sociais, ademais empregarase a ferramenta @ para enlazar correctamente co perfil do programa:

Linkedin: www.linkedin.com/company/elasxeransector/

Instagram: www.instagram.com/elasxeransector/

4º. En relación cos logotipos, empregarase unicamente o da Xunta de Galicia e, en ningún caso, o da Axencia Galega da Industria Forestal.

No caso de que, ademais do logotipo do solicitante e do da Xunta de Galicia, fose preciso incorporar outros, consultarase previamente a esta axencia a disposición que se deberá empregar.

O logotipo da Xunta de Galicia e o manual de identidade corporativa coas instrucións para a súa aplicación poden descargarse en:

https://xera.xunta.gal/a-axencia/identidade-corporativa/xunta-de-galicia

Para aquelas actividades para as que se solicita subvención e que foron realizadas entre o 1 de xaneiro e a data de notificación da resolución de concesión cumprirase, así mesmo, con este deber nas publicacións posteriores que se fagan relativas ás devanditas actividades.

As presentes medidas de difusión e publicidade do financiamento público deberán manterse e incluírse en calquera adaptación dos documentos ou materiais desenvolvidos que se realice a posteriori da xustificación.

c) Incluír, en todo material ou documentación elaborada co apoio desta convocatoria, o seguinte texto: «O apoio da Axencia Galega da Industria Forestal para a elaboración desta publicación non implica a aceptación dos seus contidos, que serán responsabilidade exclusiva dos seus autores. Por tanto, a Axencia Galega da Industria Forestal non é responsable do uso que se poida facer da información aquí difundida».

No caso de documentación impresa, este requisito será de aplicación para as publicacións posteriores a esta resolución.

No caso de documentación dixital, este requisito será de aplicación para as publicacións posteriores a esta resolución e, sempre que sexa posible, editaranse as publicacións anteriores para incorporar o devandito texto.

d) Comunicar previamente a realización de actividades formativas para as que se concedeu a subvención (excluíndo aquelas que xa fosen realizadas con anterioridade á notificación da resolución de concesión), cos prazos establecidos no artigo 22.3.

e) Velar polo cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais, e informar as persoas interesadas da cesión de datos persoais e material gráfico á Axencia Galega da Industria Forestal.

f) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e a realizar a proposta de pagamento da subvención.

h) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionables, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 9 desta resolución. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Salvo que non proceda polo tipo de entidade, as entidades beneficiarias teñen o deber de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

k) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

l) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o que presentarán canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

m) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como atoparse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda do dereito á axuda.

Artigo 25. Xustificación e pagamento

1. O prazo de xustificación será, para a anualidade 2024, ata o 15 de novembro de 2024 incluído, e para a anualidade 2025, ata o 15 de xuño de 2025. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que sexa autorizado polo órgano que ditou a resolución de concesión, terase en conta que as cantidades non xustificadas polas entidades beneficiarias na anualidade 2024 se poderán computar e xustificar na anualidade 2025, coa condición de que non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento, e o solicitasen.

2. Só serán subvencionables os proxectos que se realicen e cuxo gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) se xustifiquen dentro do prazo de execución. Para a primeira anualidade, só se admitiran os gastos (factura e xustificante de pagamento) realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data límite de xustificación da primeira anualidade, establecido na correspondente convocatoria.

Para a segunda anualidade, admitiranse os gastos (factura e pagamento) despois da data límite de xustificación da primeira anualidade e ata a data límite de xustificación da segunda anualidade.

3. Os pagamentos á conta concedidos xunto cos pagamentos anticipados, de ser o caso, non poderán ser superiores ao 80 % dos pagamentos xustificados nin excederán a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Os pagamentos á conta estarán exentos da constitución de garantías, conforme dispón o artigo 65, letra f), do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 53 da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

4. Para cobrar a subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar electronicamente unha solicitude de pagamento en función das actividades xustificadas mediante o modelo normalizado do anexo IX (solicitude de pagamento), acompañada da documentación sinalada no artigo seguinte.

5. As solicitudes de pagamento e a documentación xustificativa da subvención presentaranse no prazo fixado nesta resolución e cumprindo o recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2017, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da axuda, e se for o caso, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, e poderá supoñer a apertura dun expediente sancionador, segundo se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que conforme a lei correspondan.

7. Para os efectos da xustificación, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe da retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade beneficiaria quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao final dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

8. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique mediante documentos bancarios, nos cales deberán quedar claramente identificadas as entidades receptoras e emisoras dos pagamentos, así como o concepto destes. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

9. A Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento e realización da actividade obxecto de subvención e emitirá unha proposta de pagamento, que elevará á Dirección da Axencia, órgano competente para ordenar o pagamento.

10. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e despois da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida como subvención.

11. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria para cada actividade queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada na devandita actividade.

12. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexan debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 26. Documentación xustificativa para o pagamento

1. As entidades beneficiarias deberán presentar, xunto coa solicitude de pagamento (anexo IX), a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión e que constará dos seguintes documentos:

a) Memoria técnico-económica xustificativa das actividades executadas no proxecto, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada, así como a xustificación dos criterios de imputación, asinada pola persoa que exerza a representación da entidade beneficiaria, segundo o anexo VII.

b) Certificación da relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados para cada actividade do proxecto, e imputados a ela, conforme o anexo VII, debidamente asinada pola persoa representante.

Neste anexo, detallaranse os gastos imputados a cada actividade desagregados por gastos de persoal propio da entidade e outros gastos.

As entidades beneficiarias xustificarán os gastos mediante facturas e xustificantes emitidos ao seu nome, conforme os puntos seguintes deste artigo.

c) Copia das facturas ou documentos probatorios de valor equivalente. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e, en particular, cos seguintes requisitos:

1º. Deben desagregarse por conceptos e indicar a actividade ou actividades a que se imputan.

2º. A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

3º. Deberán ir identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra b).

d) Copia do xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencias bancarias, extractos bancarios ou documentos obtidos a través da banca electrónica), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario pola que foi paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

e) Documentación xustificativa dos gastos de persoal, que consistirá nun certificado de custo horario do persoal e un certificado de horas dedicadas á actividade subvencionada asinado pola entidade e pola persoa traballadora.

f) Relación de persoas asistentes a cada acción, segundo o modelo que figura no anexo VIII. Este anexo presentarase debidamente asinado por todas as persoas asistentes (salvo no caso de eventos en liña, que será asinado unicamente polo responsable da entidade), coa finalidade de acreditar a asistencia mínima a que se refire o artigo 5.2.a). Tanto nos eventos presenciais como en que se desenvolvan en liña, a relación de persoas asistentes conterá nome, apelidos, os tres últimos díxitos do DNI, idade, categoría da persoa asistente (persoal prescritor, persoal industria forestal-madeira, persoal outras profesións, persoa estudante, público xeral). Este anexo VIII entregarase preferentemente en formato de folla de cálculo.

g) Informe fotográfico acreditativo do cumprimento das medidas de publicidade e difusión recollidas no artigo 24.b) desta resolución e, no caso de tratarse dun formato en liña nunha actividade formativa non regrada, informe fotográfico coas capturas de pantalla coas persoas claramente identificadas.

h) Copia en formato dixital de todos os documentos xerados durante a execución das actividades como, por exemplo, documentos de difusión, materiais entregados, material docente, material audiovisual, reportaxes fotográficas, etc. en que se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citado no artigo 24 destas bases.

i) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actividades incluídas no proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, e declaración de que se manteñen os requisitos para ser persoa beneficiaria, segundo o anexo X. Para as solicitudes conxuntas, achegarase un anexo por cada entidade que forme parte da solicitude.

j) Certificación, emitida polo representante legal, onde se faga constar para cada actividade do proxecto obxecto de subvención que foi de carácter gratuíto ou ben indicar a contía total dos ingresos netos percibidos por cotas de inscrición das persoas participantes, ou doutro tipo, para a realización da devandita actividade.

2. Deberá existir unha clara coherencia entre os gastos xustificados e os obxectivos de cada acción subvencionable.

3. No caso de proxectos presentados conxuntamente, a documentación irá asinada pola persoa representante que designasen as entidades interesadas.

4. A documentación poderase achegar en formato .pdf e para a súa presentación será obrigatorio seguir a estrutura especificada a seguir, nomeando cada arquivo segundo a seguinte nomenclatura:

a) No caso do anexo IX (solicitude de pagamento):

1_solicitudepagamento_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

b) No caso da documentación referida no punto 1.a) deste artigo, correspondente co anexo VII (memoria técnico-económica xustificativa de actividades), presentarase un arquivo por cada actividade:

2_xactividade1_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

c) No caso das facturas, presentarase un arquivo por cada actividade, ordenando cada factura e seguidamente o xustificante referido no punto 1.d) deste artigo, segundo a seguinte nomenclatura:

2_xactividade1_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

d) No caso da documentación referida no punto 1.f) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:

2_xactividade1_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.xls.

2_xactividade2_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.xls.

2_xactividade3_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.xls e sucesivos.

e) No caso da documentación referida no punto 1.g) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:

2_xactividade1_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

f) No caso da documentación referida no punto 1.h) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:

2_xactividade1_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

g) No caso da documentación referida no punto 1.e) deste artigo:

3_persoal_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

h) No caso da documentación referida no punto 1.i) deste artigo, correspondente co anexo X (declaración doutras axudas):

4_axudas_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

i) No caso da documentación referida no punto 1.j) deste artigo:

5_balance_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

6_ingresos/gratuíto_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

Artigo 27. Reintegro e perda do dereito a cobrar a axuda

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 70 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o devandito incumprimento é total.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo primeiro, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Son causas de perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, de reintegro as seguintes:

a) A falsificación, inexactitude ou omisión dos datos achegados pola entidade beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) A obtención de financiamento de distintas orixes ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

f) Calquera das demais causas previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo, de ser o caso, o reintegro das cantidades pagadas será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Réxime sancionador

Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Fiscalización e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Axencia Galega da Industria Forestal levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das actuacións.

2. Para realizar as devanditas funcións poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para a finalidade da convocatoria e, para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na resolución de concesión.

Artigo 30. Definicións

1. Solicitude: conxunto de anexos e documentación complementaria necesarios para tramitar a petición de axuda para a organización de actividades formativas non regradas.

2. Tipo de solicitude:

2.1. Solicitude individual se a presenta unha única entidade (artigo 2.3).

2.2. Solicitude conxunta se a presentan varias entidades agrupadas (artigo 2.3).

3. Categoría da solicitude: establécense dúas clases de solicitude, segundo o importe da axuda solicitada:

3.1. Proxectos tractores: aqueles cun investimento total subvencionable dun mínimo de 15.000,00 € e un máximo de 60.000,00 € (artigo 3).

3.2. Proxectos singulares: aqueles cun investimento total subvencionable dun máximo de 14.999,00 € (artigo 3).

4. Proxecto: conxunto de actuacións propostas e recollidas nunha mesma solicitude.

5. Actividade: cada unha das actuacións propostas, ben sexan másteres, cursos, pílulas formativas, xornadas técnicas, visitas… que no seu conxunto conforman un proxecto.

6. Edición: cada unha das repeticións dunha mesma actividade, ben sexa porque se organiza nunha localidade diferente ou porque se repite noutra data.

7. Modalidade da actividade:

7.1. Modalidade presencial: cando as persoas asistentes se reúnen nun lugar determinado.

7.2. Modalidade en liña: cando a actividade se desenvolve a través dunha rede de telecomunicacións que permite a varias persoas interlocutoras verse, escoitarse e compartir información.

7.3. Modalidade híbrida: cando, simultaneamente, participa un número de persoas asistentes en modo presencial e outro número en modalidade en liña.

7.4. Modalidade en empresa: cando, no caso de actividades de formación, a actuación se desenvolve na sede das empresas cuxo persoal se está formando, segundo os mínimos establecidos no artigo 5.2.a).2º.

Artigo 31. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN501A, poderase obter información adicional na Axencia Galega da Industria Forestal, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega da Industria Forestal: https://xera.xunta.gal, en que atopará esta convocatoria.

b) No teléfono: 881 99 54 76.

c) No enderezo electrónico: savia.xera@xunta.gal

d) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

e) De maneira presencial, na Axencia Galega da Industria Forestal, avenida Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro), 15781 Santiago de Compostela.

Disposición adicional primeira. Outras regulamentacións

No non previsto nesta resolución observarase o disposto no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Axencia Galega da Industria Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024

Jacobo Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XI

Táboa de importes máximos unitarios

IN501A - AXUDAS PARA A ORGANIZACIÓN DE ACTIVIDADES FORMATIVAS NON REGRADAS
QUE IMPULSEN O COÑECEMENTO E A COMPETITIVIDADE DA INDUSTRIA FORESTAL DE GALICIA

Estes importes tense que considerar excluído o IVE.

Formación.

Categoría de custos

Subcategoría de custos

Custo máximo

A.1. Formación

Profesorado universitario, persoas expertas de centros de innovación ou profesionais recoñecidos

150 €/hora

Outro profesorado

100 €/hora

A.2. Outros gastos relacionados coa actividade formativa. Dinamización, solución de consultas, dinamización do foro...

180 € por cada 20 horas

B.1. Aloxamento

Aloxamento de relatores externos

77,78 €/día

B.2. Manutención

Manutención. Persoal propio

22,05 €/medio día

Manutención. Relatores externos

22,05 €/medio día

44,09 €/día completo

B.3. Desprazamento

0,26 €/km

Enténdese por participación de profesorado universitario aquel que, na actualidade, imparta na universidade a mesma materia obxecto da actividade, ou a impartira anteriormente por un período superior a 3 anos.

No caso dos centros de innovación, enténdese por expertos ou expertas aqueles que, na actualidade, traballen ou investiguen sobre a mesma materia obxecto da actividade, ou que conten con experiencia anterior por un período superior a 3 anos.

Enténdese por profesionais recoñecidos aqueles cunha traxectoria superior a 3 anos na industria forestal-madeira, en postos directamente vinculados á mesma materia obxecto da actividade.

Dirección/xestión técnica.

Categoría de custos

Subcategoría de custos

Custo máximo

C.1. Gastos de persoal en materia de dirección/coordinación y
xestión/administración

Actividades 20 horas ou menos

250 €

Actividades 20-50 horas

450 €

Actividades máis de 50 horas

800 €

C.2. Persoal auxiliar á dirección e xestión

100 € por cada 20 horas

Medios e materiais didácticos.

Categoría de custos

Subcategoría de custos

Custo máximo

D.1. Gastos correspondentes á elaboración de documentación e materiais didácticos, así como á edición de presentacións o publicacións

Memoria USB

113,43 €/actividade

Libros

230,37 €/actividade

Outros gastos de material (bolígrafos, carpetas, fotocopias, cadernos, marcadores, etc.)

150 €/actividade menos de 20 horas

270 €/actividade entre 20-50 horas

450 €/actividade máis de 50 horas

Outros gastos.

Categoría de custos

Subcategoría de custos

Coste máximo

E.1. Alugueiro de aulas

13,08 €/hora

E.2. Alugueiro de medios audiovisuais

800 €/actividade

E.3. Alugueiro de coche

59,81 €/día

E.4. Alugueiro de autobús

357,99 €/día

E.5. Gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil ou accidentes, cando as especiais características da actividade o requiran

4 €/hora

E.6. Gastos de pausa-café

3 €/persoa alumna

E.7. Gastos de publicidade para a organización e difusión das actividades subvencionables

Gastos de difusión

30,00 €/actividade

Gastos de promoción

256,30 €/actividade

Non serán subvencionables nin a publicidade corporativa nin aquelas accións dirixidas a captar máis persoas afiliadas.