DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 1 de marzo de 2024 Páx. 16575

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2024 pola que se publica a relación de solicitudes aprobadas e denegadas das axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 para a campaña 2023, cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Mediante a Orde do 15 de marzo de 2023 (DOG núm. 55, do 20 de marzo), a Consellería do Medio Rural regulou a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

O artigo 26 da citada orde dispón que as resolucións poderán ser notificadas de acordo co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De conformidade co establecido no dito artigo, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por outra banda, de conformidade co artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 7/2014, de 16 de xaneiro, polo que se aprobaron os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria (de aquí en diante, Fogga), atribuíuse á Dirección do Fogga a potestade de resolver os procedementos de concesión de axudas que se tramiten no ámbito das súas competencias.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Facer pública na web do Fogga a relación de solicitudes aprobadas e denegadas das axudas relativas as intervencións ambientais e climáticas do plan estratéxico da PAC, ao abeiro da Orde do 15 de marzo de 2023.

As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/beneficiario_de_axudas_pac/campana-2023

Estas axudas están financiadas o 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas as resolucións completas das solicitudes indicadas no punto primeiro mediante a aplicación para teléfonos móbiles «Sga@pp» dispoñible en Google Play ou en App Store, e no «Portal de axudas PAC» a través da seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Fogga no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da citada lei.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria