DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 4 de marzo de 2024 Páx. 16789

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

Mediante a Resolución do 14 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023), convocouse concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

A dita resolución foi modificada pola Resolución do 11 de decembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 239, do 19 de decembro), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, incrementando o número de postos que se van convocar e reabrindo o prazo para a presentación de solicitudes de participación.

A base 6.1 da resolución de convocatoria do proceso establece que, rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión, así como os/as aspirantes exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio acreditativo do coñecemento de lingua galega.

De conformidade coa antedita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia.

Segundo. As listas coa relación de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Nas ditas listas figuran as persoas aspirantes xa declaradas, con carácter provisional, admitidas, así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega pola Resolución do 16 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 120, do 23 de xuño), así como aquelas persoas aspirantes que presentaron solicitude de participación no proceso logo da publicación da Resolución do 11 de decembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 239, do 19 de decembro), aspirantes que neste momento resultan provisionalmente admitidos/as e excluídos/as, e declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega.

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. Nas listas coa relación de admitidos/as e excluídos/as figuran como excluídos/as aqueles aspirantes que, figurando admitidos tras a publicación da Resolución do 16 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 124, do 30 de xuño), obtiveron a condición de persoal estatutario fixo na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

Cuarto. As persoas aspirantes excluídas e as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión e/ou a declaración de non exento/a da realización de tal exercicio, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixiu a instancia de participación, que se deberá presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Quinto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola que se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as, e de exentos/as e non exentos/as do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos