DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 6 de marzo de 2024 Páx. 17317

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se establece o derradeiro procedemento excepcional para presentar solicitudes de recoñecemento dos graos iniciais de carreira profesional con carácter retroactivo.

Con data do 28 de outubro de 2022, na mesa sectorial, os/as representantes da Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT asinaron un acordo sobre as futuras convocatorias de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro).

Ese acordo, conxuntamente co asinado coa data do 6 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo), contén actualmente as bases aplicables á carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo.

O Acordo do 28 de outubro de 2022, no seu punto III relativo ao grao inicial, ademais de ampliar o ámbito do persoal que pode solicitar o dito grao, dispuxo que as solicitudes de grao inicial presentadas ata o último día do prazo que establecera a Dirección Xeral de Recursos Humanos terían efectos desde o 7 de agosto de 2018, sempre que nesa data xa se cumpriran os requisitos para o acceso. Noutro caso, os efectos serían desde o primeiro día, posterior a esa data, en que se cumprisen os ditos requisitos.

En execución dese punto do acordo, a resolución deste centro directivo do 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro) publicou os novos requisitos para acceder ao grao inicial e dispuxo que as solicitudes de grao inicial presentadas ata o día 31 de xaneiro de 2023 terían efectos retroactivos desde o 7 de agosto de 2018, nos termos previstos naquel acordo do 28 de outubro.

Posteriormente, na súa reunión do 23 de decembro de 2022, a Comisión de Seguimento da Carreira Profesional acordou que a mellora relativa ao grao inicial que estableceu o Acordo do 28 de outubro de 2022 (efectos retroactivos) debía aplicarse non unicamente á categoría/especialidade que figurase na solicitude do/da profesional entre o 5 de decembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023 (por prestar servizos nela), senón ás diversas categorías/especialidades en que, de ser o caso, tivese prestado servizos algún día desde o 7 de agosto de 2018. Nese acordo precisouse que, por razóns de carácter técnico, sería tras o 31 de xaneiro de 2023 cando se abriría un prazo especial para presentar as solicitudes de grao inicial nesas outras categorías/especialidades.

A resolución deste centro directivo do 17 de marzo de 2023 estableceu ese prazo especial para presentar solicitudes de grao inicial entre o 29 de marzo e o 30 de abril de 2023.

A pesar de que esa resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 28 de marzo de 2023, un amplo colectivo de persoas destinatarias e posibles beneficiarias daquela resolución deixaron transcorrer o dito prazo sen presentar na forma debida as correspondentes solicitudes. Sendo así, non se acolleron á posibilidade de solicitar determinados graos iniciais e retrotraer os seus efectos ata varios anos atrás (mesmo ao ano 2018), coa ineludible consecuencia de que o seu futuro progreso na carreira se adiaría varios anos respecto do que acontecería no caso de ter presentado as correspondentes solicitudes de grao inicial no prazo establecido na resolución.

Considerando esta última circunstancia -o feito de non ter presentado unha solicitude no prazo establecido atrasaría en varios anos a posibilidade de acceder aos graos seguintes-, a Comisión de Seguimento da Carreira Profesional, na súa reunión do 26 de xaneiro de 2024, con presenza das persoas representantes da Administración e das organizacións CIG, CSIF, UGT e SATSE, acordou abrir un novo e derradeiro prazo adicional para presentar solicitudes de grao inicial con efectos retroactivos, en termos semellantes aos que estableceu a resolución deste centro directivo do 17 de marzo de 2023, anteriormente citada.

En atención ao que antecede, en virtude do disposto no artigo 7.e) da Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde,

RESOLVO:

Primeiro. Novo e derradeiro procedemento e prazo adicional e excepcional para presentar solicitudes do grao inicial con efectos retroactivos

Establécese un novo e derradeiro procedemento e prazo adicional e excepcional, que se iniciará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de abril de 2024, para que os/as profesionais que reúnan os requisitos que establece o punto 5 do acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo de 2018) e estean en servizo activo ou teñan reserva de praza calquera día dentro dese prazo, poidan solicitar o recoñecemento de graos iniciais con carácter retroactivo.

Segundo. Situacións asimiladas ao servizo activo (ou reserva de praza)

Para os efectos de acceder a este procedemento extraordinario enténdese asimilado ao persoal en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) aquel outro persoal que estea a percibir prestacións por risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural, nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción e acollemento familiar ou incapacidade temporal derivada do embarazo -con independencia de que neses períodos exista ou non un nomeamento temporal subxacente-, sempre que nalgún momento dentro dos tres meses anteriores ao inicio da prestación estivese na dita situación de servizo activo (ou con reserva de praza) no Servizo Galego de Saúde ou en entidades adscritas. Nesas mesmas condicións enténdese asimilado ao persoal en situación de servizo activo (ou reserva de praza) quen estea a prestar servizos como persoal residente en formación do Servizo Galego de Saúde (aínda que non se estea en situación de servizos especiais).

Terceiro. Categoría/especialidade en que se pode solicitar o grao inicial con efectos retroactivos

O grao inicial con efectos retroactivos poderá solicitarse na categoría/especialidade en que a persoa interesada estea en activo (ou con reserva de praza) no prazo de presentación de solicitudes, así como en calquera outra categoría/especialidade distinta en que traballara con anterioridade.

Cuarto. Efectos retroactivos

As solicitudes que se presenten no prazo que establece esta resolución –desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de abril de 2024– terán efectos retroactivos a 7 de agosto de 2018, sempre que nesa data xa se cumprira o requisito básico para acceder ao grao inicial dunha categoría/especialidade (prestar servizos nela como persoal temporal ou fixo, ou en promoción interna). Noutro caso, os efectos serán desde o primeiro día, posterior a esa data, no que se cumpra o dito requisito.

As persoas cun grao inicial recoñecido na data de publicarse esta resolución, e que pretendan acollerse á mellora de efectos prevista na liña anterior, deberán presentar ata o 30 de abril de 2024 unha nova solicitude para os efectos de que se dite unha resolución, en substitución da que xa posúen, coa nova data máis favorable de efectos do grao inicial.

Quinto. Regulación do grao inicial

Esta resolución executa acordos da Comisión de Seguimento da Carreira Profesional e é complementaria das ditadas por este centro directivo o 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro) e o 17 de marzo de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 61, do 28 de marzo). Polo tanto, para os demais aspectos da regulación do grao inicial, terase en conta o que establecen esas resolucións.

Sexto. Información complementaria

Polo seu interese para as persoas destinatarias desta resolución, procede engadir a seguinte información:

1. Como resulta do Acordo do 6 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo), a solicitude e obtención do grao inicial dunha categoría/especialidade e a permanencia nel durante varios anos –cinco anos con carácter xeral– é un requisito ineludible para acceder ao grao I. En consecuencia, o feito de non solicitar o grao inicial no momento oportuno pode impedir ou adiar varios anos o progreso na carreira profesional.

2. A Comisión de Seguimento da Carreira Profesional adoptou varios acordos para atender dun modo favorable a situación dos e das profesionais cuxa traxectoria profesional se desenvolveu ou está a desenvolverse en varias categorías/especialidades. Estes acordos foron publicados no Diario Oficial de Galicia núm. 155, do 17 de agosto de 2023. Con todo, a aplicación práctica deste acordos poderá verse dificultada no caso das persoas que non solicitaron, ou non soliciten agora neste procedemento extraordinario, os graos iniciais das diversas categorías/especialidades.

3. Resulta oportuno que as persoas interesadas consulten na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) os seus servizos prestados, as solicitudes de grao inicial que xa presentaron con anterioridade, as conseguintes resolucións de recoñecemento de grao inicial e a súa data de efectos (de ser o caso, nas diversas categorías ou especialidades en que prestaron servizos). E no suposto de que esas solicitudes e resolucións non se correspondan cos servizos prestados, e poidan e pretendan, polo tanto, beneficiarse deste procedemento extraordinario acadando o recoñecemento dos graos iniciais con carácter retroactivo, ou mellorando a retroactividade dos graos iniciais que xa teñan recoñecidos, deberán presentar as correspondentes solicitudes no prazo extraordinario establecido (ata o 30 de abril de 2024).

4. Respecto de calquera solicitude do grao inicial que se presente con posterioridade a esa data do 30 de abril, recuperará a súa plena vixencia o que establece o punto 7 (procedemento) do Acordo do 6 de xullo de 2018, e a resolución de recoñecemento do grao terá efectos desde o día de presentación da solicitude.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante esta dirección xeral no prazo dun mes contado a partir da mesma data, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos