Mediante a Resolución do 6 de febreiro de 2024 (DOG núm. 29, do 9 de febreiro) convocouse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de inspectoras e inspectores de consumo, e do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
A base VI da convocatoria establece que «rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo».
Así mesmo, a base VII da convocatoria do concurso determina que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso.
Do mesmo modo, establece que se poderá xustificar a posesión de méritos e requisitos ata o último día do prazo de solicitudes de elección de postos de traballo.
Doutra banda, mediante Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, o uso e o acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro). Esta resolución ten por obxecto a regulación do contido, do uso, do acceso e efectos dos datos almacenados de forma electrónica no expediente persoal electrónico, ao cal se accede a través da plataforma da Canle de emprego público de Galicia (Fides).
Na instrución cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023 establécese que os datos do expediente electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de provisión de postos de traballo, polo que as persoas que participan no concurso de traslados convocado deberán achegar a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na citada resolución a través da Canle de emprego público de Galicia (Fides).
En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas concursantes poidan solicitar os postos e acreditar os méritos e requisitos, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Obxecto e prazos
Publicar o prazo para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e publicar o procedemento que se deberá seguir para xustificar a posesión dos méritos e requisitos específicos para o acceso aos postos.
O prazo habilitado para presentar a solicitude de elección de postos de traballo e xustificar a posesión de méritos e requisitos será de 15 días hábiles a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente desde o 7 de marzo ao 27 de marzo de 2024.
Segundo. Solicitudes de elección de postos
Durante o prazo indicado no punto primeiro, as persoas concursantes poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I da resolución de convocatoria, aos cales se engadirán as potenciais resultas como consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública, no enderezo
https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/
A solicitude de postos de traballo deberá presentarse electronicamente, segundo o establecido na base IV de tramitación electrónica.
Entenderase que renuncian a participar no concurso todas aquelas persoas que formulasen unha solicitude de participación pero non presenten unha solicitude de elección de postos de traballo.
Terceiro. Procedemento de acreditación de méritos e requisitos
1. A base VII da convocatoria do concurso establece que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, isto é, o 23 de febreiro de 2024 de acordo coa Resolución do 6 de febreiro de 2024.
2. Os méritos e os requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, o uso e o acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.
Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.
3. As persoas concursantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos valorables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da Canle de emprego público de Galicia (Fides), no enderezo https://fides.xunta.gal
Ao acceder á Canle do emprego público de Galicia (Fides) comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:
a) No suposto de que a persoa concursante estea conforme cos datos consultados, non precisará realizar ningunha actuación.
b) No suposto de que a persoa concursante non estea conforme cos datos consultados, por non constaren ou estaren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa, ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023.
c) A persoa concursante que non teña recollido no seu expediente electrónico persoal algún período da súa experiencia profesional interna na Xunta de Galicia ou que atope erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado», poderá presentar alegacións a través do formulario de reclamacións, que está á súa disposición no portal web corporativo da Dirección Xeral da Función Pública, na páxina
https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados, que deberá cubrirse e presentarse electronicamente.
d) Os méritos que na data de publicación desta resolución se atopen incorporados no expediente electrónico no estado «acreditación documental incompleta» deberán ser acreditados para poder ser tidos en conta.
4. Para acreditar os méritos, as persoas concursantes presentarán a documentación que xustifique a totalidade do mérito rexistrado, da maneira establecido nos puntos 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023. Isto é, se posúen documentos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas incorporaranas directamente no seu expediente electrónico persoal a través do enderezo https://fides.xunta.gal; cando os documentos orixinais figuren en formato papel, presentarán a documentación e o informe xerado en Fides, na pestana de actualización de méritos, de maneira presencial en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
5. O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta» rematará segundo o indicado no punto primeiro desta resolución.
6. Os méritos e requisitos reflectidos no expediente electrónico persoal no estado de validados serán os que teña en conta a Comisión de Valoración do concurso e sempre referidos á data que se establece no punto terceiro desta resolución.
7. Non se terán en conta neste proceso outros méritos presentados polas persoas concursantes distintos dos que figuren no seu expediente persoal electrónico ou dos que se solicitase a súa actualización no expediente ou aqueles que se acreditasen documentalmente con posterioridade ao remate do prazo establecido no punto primeiro desta resolución.
Por se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, despois de rematado o prazo de acreditación de méritos e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non se recibise no indicado termo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións ás puntuacións provisionais.
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública