DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 7 de marzo de 2024 Páx. 17537

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 28 de outubro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422L e IN422M).

O 9 de novembro de 2021, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou a Resolución do 28 de outubro de 2021 (DOG núm. 215, do 9 de novembro) pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondente ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, aprobado polo Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución de diversos programas de incentivos vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento, con fontes de enerxía renovable, así como á implantación de sistemas térmicos renovables no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación y resiliencia.

A citada Resolución do 28 de outubro de 2021 foi modificada pola Resolución do 9 de febreiro de 2022 (DOG núm. 33, do 17 de febreiro de 2022), pola Resolución do 21 de xullo de 2022 (DOG núm. 145, do 1 de agosto) e pola Resolución do 28 de decembro de 2023 (DOG núm. 246, do 29 de decembro).

O 28 de decembro de 2023 publícase no Boletín Oficial del Estado (BOE) o Real decreto 1178/2023, do 27 de decembro, polo que se modifica a normativa reguladora e se adaptan ao marco europeo de axudas de Estado determinados programas de axudas de rehabilitación enerxética e enerxías renovables do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, entre eles, o Real decreto 477/2021, do 29 de xuño.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 28 do Estatuto de autonomía, conforme as facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 28 de outubro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422L e IN422M), nos seguintes termos:

Un. O punto ii da letra f) do número 1 do artigo 8 queda redactado como segue:

«ii. Para proxectos de biomasa achegarase tamén a seguinte documentación adicional obrigatoria:

– Memoria asinada por un técnico competente independente que xustifique que para o dito combustible a redución de GEI é igual ou superior ao 80 %, no caso de que algún dos combustibles que se empregue non apareza no anexo VI da Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro.

Esta memoria técnica incluirá a información relacionada no anexo AII.A3 das bases reguladoras, e incluirá para instalacións de máis de 100 kW:

• Opcionalmente, un plan estratéxico en que indique a orixe e o lugar de fabricación (nacional, europeo ou internacional) dos compoñentes da instalación e o seu impacto ambiental, incluídos o almacenamento, os criterios de calidade ou durabilidade utilizados para seleccionar os distintos compoñentes, a interoperabilidade da instalación ou o seu potencial para ofrecer servizos ao sistema, así como o efecto tractor sobre pemes e autónomos que se espera que teña o proxecto. Poderá incluír, ademais, estimacións do seu impacto sobre o emprego local e sobre a cadea de valor industrial local, rexional e nacional.

• A xustificación do cumprimento polo proxecto do principio de non causar dano significativo (principio Do not significant harm-DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088. O solicitante poderá presentar unha declaración responsable deste cumprimento.

• A acreditación do cumprimento de valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición xerados pola obra civil, se procede.

– Acreditación por parte do fabricante do equipamento do cumprimento dos requisitos de eficiencia enerxética estacional e emisións para o combustible que se vaia utilizar, que non poderán ser menos exixentes que os definidos no Regulamento de ecodeseño en vigor (segundo corresponda, Regulamento (UE) nº 2015/1185 da Comisión ou Regulamento (UE) nº 2015/1189 da Comisión), no caso de aparellos de calefacción local ou caldeiras de menos de 1 MW».

Dous. O artigo 18. «Prazo de execución e xustificación das actuacións» queda redactado como segue:

«Segundo o artigo 16.8 das bases da convocatoria, o prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 18 meses, contados desde a data de notificación da resolución de concesión. Este prazo poderase ampliar de conformidade co previsto no artigo 70 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A solicitude de ampliación para a execución e xustificación do proxecto deberase presentar cunha antelación mínima de 30 días naturais ao do vencemento do prazo».

Tres. A letra n) do número 3 do artigo 20 queda redactado como segue:

«n) Declaración que confirme que non houbo modificación con respecto ao declarado na fase de solicitude sobre o principio de «non causar dano significativo» e, de ser o caso, sobre a valorización de residuos».

Catro. Os anexos III e VII quedan redactados como se recollen nos anexos desta resolución.

Segundo. As modificacións introducidas por esta resolución serán de aplicación a todas as solicitudes presentadas ata o 31 de decembro de 2023.

Terceiro. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file