DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2024 Páx. 18073

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para laboratorios, incubadoras e residencias de creación ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215E).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galega como elementos singularizadores. A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, ao tempo, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as entidades culturais dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais.

Tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, na súa exposición de motivos, «a actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía. Como manifestación artística e expresión creativa, é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto coa súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso considerando que a cultura audiovisual, da que sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, se encontra presente en todos os ámbitos da sociedade actual».

A Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando un marco de actuación cultural baseado en tres premisas substanciais:

1. O apoio á creación de contidos audiovisuais de calidade e con vocación de difusión internacional.

2. A consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega.

3. A busca da excelencia nos produtos culturais galegos, coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos.

Con esta convocatoria de axudas preténdese incidir positivamente no grao de evolución dos proxectos audiovisuais a través do apoio a laboratorios, incubadoras e residencias que teñan como obxectivo realizar accións formativas e de asesoramento nas fases previas á produción daqueles.

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para laboratorios, incubadoras e residencias de creación ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento CT215E).

2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade nos orzamentos 2024 do ente.

3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante os tres anos previos á data de concesión (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións as persoas xurídicas privadas con actividade habitual en Galicia, promotoras de laboratorios, incubadoras ou residencias orientadas ao asesoramento e impulso de proxectos audiovisuais e cuxos estatutos recollan, no seu obxecto social, aspectos directamente vinculados ao ámbito audiovisual e cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras.

Artigo 3. Financiamento

O importe global máximo para o financiamento desta convocatoria será de 200.000 euros, dos cales 150.000 euros irán con cargo á aplicación 10.A1.432B.781.0 e 50.000 euros á 10.A1.432B.770.0, do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2024, código de proxecto 2015-00003.

Artigo 4. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras, cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 2 e 4 e ser cualificados conforme os criterios establecidos no artigo 16 das bases reguladoras da subvención. Aquelas solicitudes que sexan presentadas sen consignar os documentos que se consideran obrigatorios nas bases reguladoras non serán admitidas a trámite.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://www.industriasculturais.xunta.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 7. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de vinte (20) días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

Artigo 9. Rexistro Público de Subvencións

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións para laboratorios, incubadoras e residencias
de creación ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais,
e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215E)

Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para laboratorios, incubadoras e residencias de creación ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais, e convocalas para o ano 2024 (código de procedemento CT215E).

2. Con esta convocatoria de axudas a Axencia Galega das Industrias Culturais quere promover a evolución positiva do sector audiovisual galego a través do apoio á organización e xestión de laboratorios, incubadoras ou residencias que realicen funcións de asesoramento e formación a profesionais e contribúan ao impulso de proxectos audiovisuais.

3. Estas subvencións serán tramitadas, e concedidas, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

4. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante os tres exercicios anteriores (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

5. Estas axudas son incompatibles con outras liñas de subvencións da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o mesmo proxecto.

6. Porén, estas subvencións son compatibles con outras axudas, para o mesmo proxecto, do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas.

7. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes, así como calquera outro ingreso ou recurso.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán acadar a condición de entidades beneficiarias as persoas xurídicas privadas con actividade habitual en Galicia, promotoras e xestoras de laboratorios, incubadoras ou residencias orientadas ao asesoramento e impulso de proxectos audiovisuais.

Deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

1.1. Ter no obxecto social dos seus estatutos actividades directamente vinculadas ao ámbito audiovisual.

1.2. Ter organizado, cando menos, unha edición da iniciativa nos dous anos anteriores ao desta convocatoria.

1.3. Que na edición xa realizada participasen, como mínimo, dous proxectos de creación ou produción galega.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades que non cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da mencionada lei. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade nas axudas

1. O importe global máximo para o financiamento desta convocatoria será de 200.000 euros, dos cales 150.000 euros irán con cargo á aplicación 10.A1.432B.781.0 e 50.000 euros á 10.A1.432B.770.0, do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2024, código de proxecto 2015-00003.

2. Esta convocatoria ten carácter bianual. A asignación dos créditos terá a seguinte distribución:

Axudas a laboratorios, incubadoras e residencias

2024

2025

Total

Aplicación 10.A1.432B.781.0

75.000 euros

75.000 euros

150.000 euros

Aplicación 10.A1.432B.770.0

25.000 euros

25.000 euros

50.000 euros

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria.

4. No caso de que os créditos sexan ampliados, publicarase esta circunstancia nos mesmos medios que esa convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. A alteración da distribución do orzamento establecido nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

6. No caso de existiren solicitudes que non acadan o dereito á subvención por se ter esgotado o orzamento dispoñible, pasarán a formar parte dunha lista de espera coas entidades solicitantes que poderían ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos, ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.

7. A contía e a intensidade máxima de axuda para cada solicitude obxecto desta convocatoria quedan como segue:

Proxecto

Contía máxima

Intensidade máxima

Laboratorio/incubadora/residencia

50.000 €

80 %

A adxudicación non excederá a porcentaxe máxima establecida en relación co importe subvencionable achegado pola entidade solicitante.

8. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poida superar o 100 % do custo do evento.

Artigo 4. Proxectos subvencionables. Modalidades e requisitos

1. Considéranse proxectos subvencionables ao abeiro desta convocatoria aqueles programas formativos, foros, plataformas de promoción de contidos ou residencias que se realicen en Galicia orientados á creación ou desenvolvemento de obras audiovisuais para profesionais e empresas deste ámbito.

2. Para os efectos destas bases, entenderase por laboratorios, incubadoras e residencias aqueles programas e actividades dirixidos á formación, asesoramento ou establecemento de redes de negocio co obxectivo de mellorar e impulsar os procesos de creación e desenvolvemento dos proxectos audiovisuais.

3. Os laboratorios, incubadoras e residencias deberán cumprir cos requisitos seguintes:

Non se poderán admitir obras audiovisuais que participen noutros laboratorios, incubadoras e residencias de natureza similar que se realicen en Galicia e sexan obxecto da mesma convocatoria.

Os mentores ou profesores que realicen as súas actividades dentro do programa do laboratorio, incubadora ou residencia en Galicia farano de xeito exclusivo, polo que non poden ser docentes ao mesmo tempo noutro programa que se realice en Galicia e sexa obxecto da mesma convocatoria.

Artigo 5. Concepto de gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á realización do proxecto e se realicen dentro do período subvencionable, no prazo comprendido entre a data de publicación desta convocatoria e o 15 de agosto de 2025, e se poidan encadrar nos seguintes conceptos:

– Gastos de persoal contratado especificamente para a actividade.

Inclúense os servizos prestados por profesionais para a dirección e coordinación da actividade, así como tarefas auxiliares relacionadas coa atención aos participantes. Tamén se inclúen os servizos de profesionais que exerzan como moderadores, dinamizadores, conferenciantes, relatores, titores, mentores ou profesores dentro do programa, así como os gastos de contratación específica de axentes de prensa e de comunicación.

– Contratación de servizos de intérpretes e empresas de tradución simultánea, necesarios para o desenvolvemento do programa.

– Alugueiros de locais ou salas (excluído o alugueiro da sede social da persoa beneficiaria).

– Servizos técnicos e de alugueiro de equipos para a realización de actividades presenciais.

– Gastos de xestión e alugueiro de espazos en plataformas virtuais para actividades en liña e para o aloxamento virtual de contidos relacionados coa actividade que se vai desenvolver. Inclúense os gastos relacionados con aplicacións para móbil, aplicacións 3D/4D e similares.

– Gastos en materiais de comunicación, prensa, publicidade e sinalética, incluíndo os deseños e os soportes.

– Gastos de desprazamento e aloxamento, en concreto os gastos de custo dos profesionais que exerzan como moderadores, dinamizadores, conferenciantes, relatores, titores, mentores ou profesores dentro do programa, relativos ao desprazamento en medios de transporte colectivo con destino a España e/ou orixe e destino dentro de España, en clase turista, económica ou similar. No caso dos gastos de aloxamento e manutención, o límite diario corresponderase co indicado para o grupo 4 na Resolución do 24 de novembro de 2023 da Xunta de Galicia, publicado no DOG nº 229, do 1 de decembro, de conformidade coa disposición derradeira cuarta do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo: 90,94 euros por persoa e día.

2. Terán a consideración de gastos subvencionables con limitación os seguintes:

– Os gastos de xestión e administración relacionados directamente co proxecto, que non poderán superar o 10 % do importe do proxecto presentado.

– Os gastos ordinarios da entidade (alugueiro da sede social da entidade, material de oficina, teléfono, enerxía eléctrica, comunicacións postais, mensaxaría, gastos de xestoría, etc.) que non poderán superar o 5 % do importe do proxecto presentado.

3. En ningún caso serán subvencionables:

a) Os gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade promotora do programa que superen o 5 % do proxecto presentado.

b) Os gastos de soldos, salarios ou calquera outro tipo de retribución ou remuneración, seguros sociais ou retencións de impostos das persoas pertencentes á entidade promotora do laboratorio, incubadora ou residencia que non estean contratadas especificamente para as actividades de dirección e/ou organización, que superen o 10 % do importe do proxecto presentado.

c) O investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

d) Gastos relativos a premios.

e) Degustacións gastronómicas e actividades complementarias de lecer.

f) Gastos financeiros, de amortización ou por tributos.

g) Os impostos indirectos, tales como IVE ou outros similares, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

h) Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

5. En aplicación do artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, cando o importe dun dos gastos subvencionables iguale ou supere a contía de 15.000 euros no suposto de contratación de servizos ou subministracións, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a execución de obra ou prestación do servizo ou subministración, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 6. Subcontratación

1. De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con outra entidade da mesma natureza e que realice a mesma actividade a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social da entidade coa cal se pretenda contratar a actividade.

2. Non se admitirá a subcontratación de actividades e servizos con entidades co mesmo obxecto social que a persoa beneficiaria.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Achegaranse as seguintes declaracións responsables que se recollen no anexo II:

3.1. Declaración de ter no obxecto social dos seus estatutos actividades directamente vinculadas ao ámbito audiovisual.

3.2. Declaración de ter organizado, cando menos, unha edición da iniciativa nos dous anos anteriores ao desta convocatoria.

3.3. Declaración de que na edición anterior da inciativa participaron, cando menos, dous proxectos de creación ou produción galega.

3.4. Declaración de que non se admitirán obras audiovisuais que participen noutros laboratorios, incubadoras e residencias de natureza similar que se realicen en Galicia e sexan obxecto da mesma convocatoria.

3.5. Declaración de que os mentores ou profesores que realicen as súas actividades dentro do programa do laboratorio, incubadora ou residencia en Galicia o farán de xeito exclusivo e non serán docentes ao mesmo tempo noutro programa que se realice en Galicia e sexa obxecto da mesma convocatoria.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes (persoas xurídicas) deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación xeral:

a) Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade xurídica que solicita a subvención.

b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou no que corresponda.

c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Toda a documentación anterior terá a consideración de obrigatoria, segundo a modalidade de axuda correspondente, para os efectos de admisión de solicitudes.

2. As persoas solicitantes deberán presentar, seguindo a mesma orde de numeración e nomenclatura, a seguinte documentación específica:

a) Ficha da actividade executada na edición inmediatamente anterior á desta convocatoria, segundo os parámetros que se detallan no anexo III.

b) Memoria do proxecto, indicando de maneira clara os obxectivos do laboratorio ou incubadora e as actuacións previstas para levalos a cabo. O documento non poderá superar as 10 páxinas nin as 3.500 palabras e deberá responder estritamente aos criterios de valoración que se establecen no artigo 16, número 1.

c) Memoria que recolla o curriculum vitae (CV) do equipo principal de organización e coordinación do proxecto, e os CV e traxectoria de titores e doutros posibles participantes. O documento non poderá superar as cinco páxinas nin as 2.000 palabras.

d) Memoria económico-financeira segundo o anexo IV, co orzamento completo e detallado dos gastos subvencionables sinalados no artigo 5 destas bases e a previsión doutros ingresos públicos e privados. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE.

Os documentos presentados en branco non se considerarán defectos emendables, senón que continuarán coa súa tramitación para efectos da instrución do expediente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual, de ser o caso.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificación das resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galica poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir datos e información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, a persoas profesionais expertas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e do seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

3. De conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario para a reformulación da súa solicitude presentando un novo anexo IV (memoria económico-financeira) e unha nova memoria do proxecto segundo o establecido no artigo 11 desta convocatoria.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes respectará o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos na convocatoria.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha Comisión de Valoración nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic, que será a encargada de valorar as solicitudes presentadas de conformidade cos criterios fixados nestas bases.

2. A condición de persoa membro da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituída en ningún caso. As persoas que formen parte da Comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria, e absteranse se se dá algunha das circunstancias do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. A Comisión de Valoración, de carácter paritario de homes e mulleres, terá a consideración de órgano colexiado e estará constituída por dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, en que unha delas desempeñará as funcións da Secretaría, con voz e sen voto, e dúas persoas en calidade de profesionais expertas do ámbito audiovisual, das cales unha exercerá a Presidencia.

4. A Comisión de Valoración, previamente á cualificación das propostas, levantará a acta concretando os criterios técnicos definidos nestas bases para aplicalos de xeito uniforme a todas as solicitudes. Tras a súa avaliación, deixará constancia documental nun informe motivado onde se relacionarán os proxectos examinados por orde de prelación, coa puntuación de cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, sinalando os proxectos que obteñan maior puntuación.

Artigo 16 Criterios de valoración

1. Os criterios de avaliación establécense atendendo aos tipos de axuda desta convocatoria, segundo se especifica a continuación:

Proxectos de laboratorios, incubadoras e residencias

Máximo 75 puntos

Valoracións técnicas

Máximo 35 puntos

a) Orixinalidade da proposta

Valorarase se o proxecto introduce elementos innovadores e orixinais que o diferencian doutros programas existentes en Galicia en canto ás prácticas formativas, informativas e didácticas, ou se representa unha evolución significativa dunha práctica existente. Terase en conta tamén se amplía a oferta en canto ao tipo de contidos participantes, así como en canto aos perfís dos profesionais obxecto das actividades do programa.

Ata 4 puntos que se outorgarán con motivación e segundo o cumprimento dos aspectos que se detallan.

b) Calidade do contido e as actividades

Cada solicitante debe demostrar que a súa iniciativa responde a unha metodoloxía de traballo, formación e procedemento de selección rigorosos e ambiciosos, especialmente orientados ao fomento da innovación nas narrativas, da adquisición de habilidades emprendedoras da coprodución, da concienciación sobre a importancia de traballar no márketing, promoción e creación de audiencia desde as fases previas da produción e da vertebración de redes dentro do sector audiovisual. A puntuación outorgase segundo os seguintes criterios:

b.1. Adecuación do contido en canto a materias e competencias impartidas, resultados esperados da aprendizaxe, actividades de titoría, metodoloxía e enfoque pedagóxico (ata 3 puntos).

b.2. Adecuación en canto a dimensión do proxecto segundo o ámbito de acción (internacional/europea/rexional), o grupo destinatario (tamaño, tipo de profesionais) e nivel de capacitación e experiencia profesional (ata 3 puntos).

b.3. Adecuación do formato en canto a estruturación segundo os seguintes parámetros: duración, deseño dos obradoiros e sesións de consultoría, procedemento de selección, traballo en rede con outras iniciativas (ata 3 puntos).

Ata 9 puntos que se outorgarán con motivación e segundo o cumprimento dos aspectos que se describen.

c) Equipo de coordinación, formadores e expertos

A puntuación outorgarase segundo os seguintes criterios:

c.1. Traxectoria do equipo de coordinación (ata 5 puntos).

c.2. Traxectoria dos titores e expertos propostos, e adecuación aos obxectivos marcados (ata 5 puntos).

Ata 10 puntos que se outorgarán con motivación e segundo o cumprimento dos aspectos que se describen.

d) Estratexia, promoción da diversidade e dixitalización

d.1. Impulso da cooperación entre creadores e axentes do sector audiovisual de diferentes territorios ou países (ata 3 puntos).

d.2. Promoción da circulación nacional e internacional de proxectos deseñados para seren producidos en versión orixinal galega (ata 3 puntos).

d.3. Estratexia específica dirixida a fomentar unha representatividade equilibrada de xénero na oferta audiovisual (ata 3 puntos).

d.4. Estratexia específica dirixida a fomentar unha representatividade xeracional equilibrada, con especial atención á incorporación de mozos menores de 30 anos (ata 3 puntos).

Ata 12 puntos que se outorgarán con motivación e segundo o cumprimento dos aspectos que se describen.

Valoracións automáticas

Máximo 40 puntos

a) Proxectos de produción e/ou creación galega que participaron na edición inmediatamente anterior á desta convocatoria.

2 puntos por proxecto de produción e/ou creación galega que participase.

Máximo 10 puntos

b) Porcentaxe de reserva de participación para proxectos de creación e/ou produción galega na edición obxecto desta convocatoria.

Máis do 50 % dos proxectos: 5 puntos.

Máis do 75 % dos proxectos: 7 puntos.

100 % dos proxectos: 10 puntos.

Máximo 10 puntos

c) Porcentaxe de reserva de participación, para proxectos cuxa autoría (guión ou dirección) estea a cargo dunha muller, superior ao 40 % sobre o total dos presentados.

5 puntos

d) Importe solicitado en relación co orzamento total do proxecto presentado.

Ata o 40 %: 10 puntos.

Máis do 40 % ata o 50 %: 8 puntos.

Máis do 50 % ata o 60 %: 6 puntos.

Máis do 60 % ata o 70 %: 4 puntos.

Máis do 70 % ata o 80 %: 2 puntos.

Máximo 10 puntos

e) Acreditación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade

5 puntos

2. Non obstante, a puntuación mínima total que teñen que acadar os proxectos para seren subvencionables é de 35 puntos.

Artigo 17. Audiencia

1. O órgano instrutor, á vista do informe da Comisión de Valoración, elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que lles deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.

Artigo 18. Resolución da convocatoria

1. Transcorrido o prazo das alegacións, se é o caso, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da Comisión Avaliadora, ditará a proposta de resolución definitiva, que elevará á Presidencia do Consello Reitor, en que indique o número de solicitudes propostas para acadar subvención e o importe económico correspondente a cada unha delas.

2. O importe económico determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, do orzamento do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. Esta proposta de resolución definitiva será elevada á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

3. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco (5) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda e da súa distribución por anualidades, e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos.

4. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. Na resolución ás persoas beneficiarias serán informadas por escrito sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

Artigo 19. Aceptación e renuncia da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. A persoa beneficiaria poderá remitir á Agadic o orzamento adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades, a recibida e a solicitada). A dita documentación deberase remitir no prazo máximo de dez (10) días, contados desde a notificación da resolución de concesión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado.

b) Seleccionar os participantes dos seus programas a través dun medio que garanta a súa publicidade de xeito xeral.

c) Notificarlle á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

d) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

f) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, tanto nos actos públicos como no material de difusión que se elabore, e comprometerse a facer mención expresa da colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento e realización. A entidade comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice ao abeiro da axuda a imaxe corporativa da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa (https://industriasculturais.xunta.gal/es/identidad-corporativa).

g) Participar, polo menos, nalgunha actividade lectiva, promocional ou informativa de cara a promover a evolución da obra, proposta pola Axencia Galega das Industrias Culturais, de ser o caso.

h) Comunicar por escrito con antelación suficiente a programación e os demais actos co fin de que, se se considera oportuno, poida estar representada a Axencia Galega das Industrias Culturais a través das persoas que se designen para este efecto.

i) No material empregado, como catálogos, publicacións, vídeos e demais material relacionado con actividades dos laboratorios e incubadoras subvencionados, nos actos públicos, as persoas beneficiarias comprométense a facer mención expresa da colaboración da Agadic no desenvolvemento da súa actividade.

j) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deben obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. O feito de que xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin danen dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da persoa beneficiaria, que expresará os motivos dos cambios que se propoñen e xustificará a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á da entrada no Rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificárselle ao interesado.

6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución do importe da subvención concedido para cada anualidade.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

2. Os prazos para a xustificación da subvención serán os seguintes:

Anualidade correspondente ao exercicio 2024: o período de xustificación rematará o 15 de novembro de 2024.

Anualidade correspondente ao exercicio 2025: o período de xustificación rematará o 15 de agosto de 2025.

3. As persoas beneficiarias deberán xustificar o importe da subvención concedida para cada anualidade no prazo establecido, cos gastos efectuados e pagados que se imputen á anualidade que se vai xustificar, segundo a resolución de concesión ou, de ser o caso, as súas modificacións. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención. Se as persoas beneficiarias non xustifican completamente o importe dunha anualidade e non solicitaron a reasignación dos créditos, minorarase o importe desta na proporción que corresponda.

4. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

5. Cando ao beneficiario se lle outorgue a subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento establecidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e, no suposto que non poidan presentalas, acreditaranse os cumprimentos dos prazos legais de pagamento coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

6. A falta de presentación da xustificación nos prazos establecidos ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. As persoas beneficiarias deberán comunicar á Agadic, inmediatamente despois de producirse, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outros entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, para a mesma finalidade, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data de concesión.

Artigo 23. Conta xustificativa

1. A persoa beneficiaria da subvención deberá acreditar o custo final do proxecto mediante unha memoria económica xustificativa que incluirá a declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos producidos. Deberase acreditar, así mesmo, na conta xustificativa o cumprimento de todas as obrigas do artigo 21. En concreto, a memoria xustificativa deberá conter:

1.1. Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos da actividade, por anualidades, que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a data de pagamento, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE. Deberán indicarse as desviacións producidas sobre o orzamento presentado.

1.2. Copia das facturas ou documentos (de acordo co establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE núm. 289, do 1 de decembro), de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e copia dos documentos xustificativos do seu pagamento, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo. En concreto, entregarase, como mínimo, a seguinte documentación:

a) A remuneración de persoal por algunha das actividades e gastos subvencionables xustificarase mediante o correspondente contrato e factura, cando exista unha relación mercantil, e mediante o contrato e a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social, cando a relación sexa laboral.

b) Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, de ser o caso, os xustificantes do pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

c) Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, de ser o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, subministracións e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de efectuar a declaración das facturas ante a Facenda pública nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

d) Billetes, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xustificativos dos gastos de viaxes e desprazamentos.

e) Relación dos gastos facturados mediante subcontratación, identificación dos contratistas, situación de vinculación ou non con outras entidades xurídicas da mesma natureza e declaracións responsables de cada unha delas respecto de non incorrer en ningunha das causas de prohibición para subcontratar que establece o artigo 27 da Lei de subvencións de Galicia.

1.3. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

1.4. Os tres orzamentos que, en aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor deba ter solicitado a persoa beneficiaria.

1.5. De ser o caso, a carta de pagamento do reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

1.6. Anexo IV. Memoria económico-financeira.

1.7. Anexo V. Declaración de axudas.

2. A conta xustificativa correspondente a cada anualidade deberá incluír a declaración das actividades realizadas nese período e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos producidos. A dita conta xustificativa deberase achegar xunto cunha memoria xustificativa parcial de gasto.

Artigo 24. Pagamento da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos anexos establecidos para o efecto.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas nesta resolución. Todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o cal se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Pagamentos anticipados.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta poderá autorizar unha porcentaxe maior á determinada no decreto. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada e non poderá exceder o importe de subvención da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. As entidades beneficiarias que reciban pagamentos anticipados están exentas de constituír garantías segundo o disposto no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

Artigo 25. Perda de dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 26. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos mentres dure a axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos subministrados pola persoa beneficiaria, que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a terían impedido.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 30 desta resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 27. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

2. A non execución do proxecto dará lugar ao reintegro da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de efectuar ou efectuado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

A aplicación da devolución ou minoración da subvención realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (deberes de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención.

Artigo 28. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecen os motivos que se indican no artigo 29 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente contado desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase, de oficio, por acordo do órgano concedente destas, e comunicaráselle á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e no 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 29. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizarlles en calquera momento ás persoas beneficiarias as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 30. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto: https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia

No formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 31. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución, pola cal se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para laboratorios, incubadoras e residencias de creación e desenvolvemento de proxectos audiovisuais, e se convocan para o ano 2024, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, na Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, e no Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, modificado polo Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, no Regulamento 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e na demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 32. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 33. Recursos administrativos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file