DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2024 Páx. 18115

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 22 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para laboratorios, incubadoras e residencias de creación ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215E).

BDNS (Identif.): 747937.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acadar a condición de entidades beneficiarias as persoas xurídicas privadas con actividade habitual en Galicia, promotoras e xestoras de laboratorios, incubadoras ou residencias orientadas ao asesoramento e impulso de proxectos audiovisuais.

Deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

1. Ter no obxecto social dos seus estatutos actividades directamente vinculadas ao ámbito audiovisual.

2. Ter organizado, cando menos, unha edición da iniciativa nos dous anos anteriores ao desta convocatoria.

3. Que na edición xa realizada participasen, como mínimo, dous proxectos de creación ou produción galega.

Segundo. Finalidade

Con esta convocatoria de axudas a Axencia Galega das Industrias Culturais quere promover a evolución positiva do sector audiovisual galego a través do apoio á organización e xestión de laboratorios, incubadoras ou residencias que realicen funcións de asesoramento e formación a profesionais e contribúan ao impulso de proxectos audiovisuais.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 22 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para laboratorios, incubadoras e residencias de creación ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215E).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento desta convocatoria será de 200.000 euros, dos cales 150.000 euros irán con cargo á aplicación 10.A1.432B.781.0 e 50.000 euros á 10.A1.432B.770.0, do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2024, código de proxecto 2015-00003, distribuído nas seguintes anualidades:

Aplicación orzamentaria

Ano 2024

Ano 2025

10.A1.432B.781.0

75.000 euros

75.000 euros

10.A1.432B.770.0

25.000 euros

25.000 euros

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais