DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2024 Páx. 19113

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 6 de marzo de 2024 pola que se establecen criterios para a redistribución do crédito entre as actividades previstas inicialmente na Orde de 30 de marzo de 2022, pola que se convocan subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestatarias de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2022, 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF318B, IF318C, IF318D, IF318E e IF318F).

O día 1 de abril de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde 30 de marzo de 2022, pola que se convocan subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2022, 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF318B, IF318C, IF318D, IF318E e IF318F), que desenvolvía as bases reguladoras contidas no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De conformidade co disposto no artigo 16 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, e co artigo 7.1 da Orde do 30 de marzo de 2022, establécense cinco actividades subvencionables:

1. Actividade 1: achatarramento. Código de procedemento IF318B.

2. Actividade 2: adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono. Código de procedemento IF318C.

3. Actividade 3: retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos. Código de procedemento IF318D.

4. Actividade 4: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos. Código de procedemento IF318E.

5. Actividade 5: adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias. Código de procedemento IF318F.

O crédito inicial asignado a Galicia para estas axudas no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, foi 12.818.438 €. Ante a demanda de axudas existente, especialmente no caso do achatarramento, aprobouse unha primeira ampliación do crédito, mediante a Orde do 9 de xaneiro de 2023 (logo de habilitación a través da Resolución do 17 de novembro de 2022, da Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana), por importe de 7.574.288,47 €; posteriormente, solicitouse unha segunda ampliación, concedida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana mediante a Resolución do 17 de agosto de 2023, e publicouse a Orde do 19 de outubro de 2023, asignando á convocatoria 9.074.947,09 € adicionais. Deste xeito, a contía total destinada a Galicia alcanzou un total de 29.467.673,56 €.

Tendo en conta a previsión do artigo 6.2 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, que prevé o destino de ata o 3 % do crédito a custos indirectos imputables ás actuacións subvencionables, o importe destinado ás axudas é de 28.583.643,36 €.

A distribución actual do crédito entre as cinco liñas de axuda que establece a convocatoria, conforme cos criterios de repartición iniciais regulados no artigo 7.4 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, resúmese na seguinte táboa, descontados os importes destinados a custos indirectos:

Actividade

Partida orzamentaria

Crédito inicial 2022 (€)

1ª ampliación crédito (€)

2ª ampliación crédito (€)

Total (€)

Actividade 1

08.02.512A.770.0

5.595.248,19

3.306.176,91

3.961.214,41

12.862.639,51

Actividade 2

08.02.512A.770.0

5.470.909,34

3.232.706,32

3.873.187,42

12.576.803,08

Actividade 3

08.02.512A.770.0

621.694,24

367.352,99

440.134,93

1.429.182,16

Actividade 4

08.02.512A.770.0

621.694,24

367.352,99

440.134,93

1.429.182,16

Actividade 5

08.02.512A.770.0

124.338,85

73.470,60

88.026,99

285.836,44

Conforme co establecido no artigo 7.5 do Real decreto 983/2021, a partir da data en que resten tres meses para a finalización da vixencia das convocatorias, é posible realizar unha redistribución do orzamento entre as diferentes liñas de actividade, se algunha das partidas non se esgotou, e outra partida tivese lista de reserva ou agarda, quedando sen efecto as porcentaxes de repartición establecidos inicialmente. A mesma previsión establécese no artigo 4.2 da Orde do 30 de marzo de 2022.

Tendo en conta que o 30 de abril de 2024 finaliza o prazo de presentación de solicitudes para todas as liñas de actividade, agás no caso da actividade 4, de implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, que finalizou o 31 de decembro de 2023, é posible realizar a dita redistribución a partir do 31 de xaneiro de 2024.

Constatado que o crédito atribuído á actividade 1 resulta insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas, e que as actividades 2, 3, 4 e 5 non esgotaron o orzamento asignado, cómpre establecer un mecanismo que facilite a indicada redistribución do crédito entre as indicadas liñas. Para tal efecto, e coa finalidade de dotar da máxima seguridade xurídica a actuación, prevese que mediante a presente orde se acorda a procedencia da dita redistribución atendendo ao importe correspondente ao conxunto de solicitudes formuladas para cada unha delas ata o día anterior ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Ademais, habilitase a persoa titular da dirección xeral con competencia en materia de transporte para realizar ulteriores redistribucións do crédito a favor das actividades que correspondan, tendo en conta o crédito que puidese resultar liberado no suposto de decaemento, por calquera causa, das solicitudes correspondentes a calquera das actividades.

De acordo co exposto, e de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Único. Acordar a redistribución do crédito asignado inicialmente entre as cinco actividades establecidas na Orde do 30 de marzo de 2022, atendendo ao importe correspondente ao conxunto de solicitudes formuladas para cada unha delas ata o día anterior ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, incluído. Tendo en conta que as solicitudes formuladas para a actividade 1 superan o importe total dispoñible, as solicitudes que se poidan presentar con posterioridade á indicada data para calquera das cinco actividades pasarán á lista de espera para os efectos de eventuais e posteriores novas redistribucións do crédito.

Habilítase a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte para concretar o importe finalmente asignado a cada unha das actividades atendendo ao conxunto de solicitudes presentadas consonte co indicado no punto anterior, cuxa resolución será publicada no enderezo web: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/recursos/axudas-subvencions?content=axuda_0012.html

A indicada habilitación abranguerá tamén a realización de ulteriores redistribucións do crédito a favor das actividades que correspondan, tendo en conta o crédito que puidese resultar liberado no suposto do decaemento, por calquera causa, das solicitudes correspondentes a calquera das actividades, incluídos, se fose o caso, os supostos de declaración da perda do dereito ao cobramento da subvención; estas ulteriores redistribucións efectuaranse considerando as datas de entrada das solicitudes que existan, nese momento, nas correspondentes listas de espera, e serán obxecto de publicidade do mesmo xeito indicado no punto anterior.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade