DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2024 Páx. 22312

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se ordena a publicación da resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se aproba definitivamente o estudo de viabilidade do aparcadoiro do Hospital Gran Montecelo.

En cumprimento do disposto no artigo 247.7 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP), faise pública a aprobación definitiva do estudo de viabilidade, mediante resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, dando traslado da súa descrición literal:

«Resolución do 21 de febreiro de 2024, da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se aproba definitivamente o estudo de viabilidade de concesión do aparcadoiro do Hospital Gran Montecelo.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución do 3 de xuño de 2021, a Consellería de Sanidade encoméndalle á Axencia Galega de Infraestruturas o estudo de alternativas e avaliación da viabilidade do aparcadoiro para servizo do Hospital Gran Montecelo.

Segundo. Con data do 27 de xullo de 2023, o director da Axencia Galega de Infraestruturas aproba provisionalmente o estudo de viabilidade para os efectos de sometelo a información pública polo prazo dun mes segundo o disposto no número 3 do artigo 247 da LCSP.

Terceiro. Así, de acordo co establecido no artigo 247.3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, o estudo de viabilidade someteuse ao trámite de información pública durante un período dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG núm. 205, do 27 de outubro de 2023, para a formulación de cantas observacións se consideren oportunas.

O proxecto de construción expúxose ao público:

• No Concello de Pontevedra.

• No Servizo de Patrimonio da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

• Na Dirección de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Durante o período de tempo correspondente ao trámite de información pública do estudo de viabilidade do contrato de concesión do aparcadoiro do hospital Gran Montecelo (Pontevedra), efectuado entre as datas 28.10.2023 e 27.11.2023, presentáronse catro alegacións:

• Concello de Pontevedra.

• José Rey Poceiro.

• Gestión y Servicios Montecelo, S.A.

• Multiservicios Montecelo, S.A.

Como consecuencia da análise dos informes, observacións e alegacións presentados durante a dita fase de información pública do estudo de viabilidade do contrato de concesión, para os efectos do artigo 247.3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, considérase que procede continuar coa tramitación do procedemento, sen modificacións no documento sometido a información pública.

RESOLVO:

Aprobar definitivamente o estudo de viabilidade de concesión do aparcadoiro do Hospital Gran Montecelo».

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

María Jesús Piñeiro Bello
Directora xeral de Recursos Económicos