DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 9 de abril de 2024 Páx. 22600

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2024 pola que se anuncia o procedemento de adxudicación, mediante poxa, en réxime de compravenda ou alugueiro, de locais de negocio e prazas de garaxe.

Convócase mediante esta resolución o procedemento de poxa para a venda ou alugueiro dos locais de negocio e prazas de garaxe, propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, situados en varias localidades da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (DOG núm. 6, do 9 de xaneiro de 2008) e no prego de condicións e demais normativa de aplicación.

1. Entidade adxudicadora.

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

2. Obxecto do procedemento.

O obxecto do procedemento é a adxudicación, mediante poxa, en réxime de compravenda ou alugueiro, dos locais de negocio e das prazas de garaxe propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

3. Prezo dos locais de negocio e prazas de garaxe.

O prezo fixado, excluído o IVE, que como mínimo terán que propoñer os interesados na compravenda ou alugueiro para cada local de negocio e/ou praza de garaxe é o determinado na relación que figura nos anexos I e II do prego de condicións.

4. Garantías.

Para poderen tomar parte na poxa, os ofertantes deberán acreditar a consignación, á disposición do IGVS, na forma prevista no prego de condicións, dunha garantía provisional por importe do 3 % do valor base de venda do inmoble que soliciten, no caso de que liciten na modalidade de compravenda, e do 3 % do valor base da renda anual do inmoble que soliciten, no caso de que liciten na modalidade de alugueiro.

5. Requisitos específicos dos participantes.

Poderán tomar parte nas poxas públicas todas as persoas físicas ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras, que, tendo plena capacidade de obrar, non incorran en ningunha das prohibicións de contratar previstas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

No caso das prazas de garaxe que formen parte de promocións en que o IGVS teña a condición de propietario na súa totalidade, só se admitirán ofertas para o alugueiro, e terán preferencia para a súa adxudicación, en calquera caso, os adxudicatarios dos inmobles que integren as ditas promocións.

6. Obtención de documentación.

Os pregos polos que se rexe esta poxa, os seus anexos, e demais documentación figurarán na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.es/web/igvs/350) desde o día en que o anuncio de licitación se publique no Diario Oficial de Galicia.

7. Lugar, prazo e forma de presentación das ofertas.

As proposicións deberán axustarse ao modelo que se inclúe no correspondente prego de condicións e remitirse por correo certificado, a través das oficinas de Correos, á Área Provincial do IGVS en que se encontren os inmobles. As ofertas remitidas por unha vía diferente ao lugar indicado non serán admitidas. No mesmo día da presentación da oferta, o licitador deberá remitir un correo electrónico en que indique a data do envío na oficina de Correos e os datos identificativos da persoa ou entidade que remite a documentación. O correo electrónico deberá remitirse ao seguinte enderezo de correo electrónico, segundo a provincia onde se encontre o inmoble:

A Coruña: igvs.coruna@xunta.gal

Lugo: igvs.lugo@xunta.gal

Ourense: igvs.ourense@xunta.gal

Pontevedra: registro.igvs.po@xunta.gal

Sen a concorrencia dos citados requisitos a oferta non será admitida, para o suposto de que fose recibida na correspondente área provincial do IGVS con posterioridade á data do remate do prazo sinalado no anuncio.

As ofertas deberán presentarse antes das 14.00 horas do trixésimo día natural seguinte ao da publicación da resolución da poxa no Diario Oficial de Galicia. De coincidir o referido día en sábado, domingo ou festivo, o prazo para a presentación de proposicións finalizará ás 14.00 horas do primeiro día hábil seguinte.

Transcorridos dez días naturais desde a finalización do prazo indicado sen recibir a oferta, esta non será admitida en ningún caso.

8. Acto da poxa pública.

O acto da poxa será público e a súa realización levarase a cabo no lugar, na data e na hora que se indique no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do IGVS: http://igvs.xunta.es/web/igvs/350

9. Adxudicación e formalización.

Dentro dos cinco días hábiles seguintes ao do final do acto da poxa, a Mesa de valoración de cada área provincial elevará o expediente instruído, a proposta de adxudicación, así como a documentación e observacións que xulgue oportunas, á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, en atención ao actuado, acordará a resolución que proceda en dereito.

10. Gastos do anuncio.

O importe do anuncio será por conta dos adxudicatarios, rateado proporcionalmente.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo