DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 9 de abril de 2024 Páx. 22458

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2024 pola que se concede o Selo de grao de excelencia a titulacións universitarias de grao impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23.

O 10 de outubro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 4 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para a concesión do Selo de grao de excelencia a titulacións universitarias de grao impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23.

Rematado o prazo para a entrega da documentación necesaria para a tramitación do procedemento establecido no artigo 5 da orde de convocatoria, a comisión avaliadora prevista no artigo 8 da citada orde analizou as solicitudes.

Tendo en conta o anteriormente exposto e atendendo á proposta de resolución da Secretaría Xeral de Universidades, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Concederlles o Selo de grao de excelencia da Xunta de Galicia ás titulacións universitarias oficiais de grao, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23, que se relacionan no anexo I da presente resolución.

Segundo. O recoñecemento do Selo de grao de excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, á fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.

Terceiro. As universidades responsables dos títulos comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da puntuación mínima para acadar o Selo de grao de excelencia da Xunta de Galicia ou, de ser o caso, notificar á Secretaría Xeral de Universidades calquera variación nestes, no prazo dun mes desde que se produza o feito que implica tal variación.

Cuarto. Anualmente, a Secretaría Xeral de Universidades poderá realizar cantas comprobacións considere necesarias para garantir o cumprimento e o mantemento dos requisitos que serviron de base para a concesión do Selo de grao de excelencia, para o cal poderá solicitar canta información sexa necesaria.

Quinto. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as universidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades, en funcións

ANEXO I

Titulación

Facultade/escola

Universidade

Grao en Enxeñaría Informática

Facultade de Informática

Universidade da Coruña

Grao en Fisioterapia

Facultade de Fisioterapia

Universidade da Coruña

Grao en Veterinaria

Facultade de Veterinaria

Universidade de Santiago de Compostela