DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 2024 Páx. 22872

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2024 pola que se convoca o Curso para persoal delegado de protección de datos da Xunta de Galicia.

Ao abeiro do convenio de colaboración subscrito no ano 2024 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante Amtega) para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de Administración electrónica e protección de datos,

RESOLVO:

Convocar, consonte o antedito convenio, o Curso para persoal delegado de protección de datos da Xunta de Galicia, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Curso para persoal delegado de protección de datos
da Xunta de Galicia (CV24060)

Primeira. Obxectivos

Proporcionar formación aos delegados de protección de datos persoais do sector público autonómico e órganos estatutarios da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo de que coñezan en profundidade os principais aspectos da protección de datos persoais no ámbito das administracións públicas.

Segunda. Contidos

Este curso abordará os seguintes contidos:

• Tratamentos de control con datos biométricos. Parte II (control de presenza no ámbito laboral e outros).

• Regulamento de intelixencia artificial (IA). Afectación ao sector público.

• Tratamentos específicos de medios de videovixilancia no sector público.

• Cuestións específicas sobre o exercicio de dereitos no sector público.

• Resolucións de interese das autoridades de control con respecto ao sector público.

Terceira. Número de prazas

Trinta (30).

Cuarta. Persoas destinatarias

Poderá participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal delegado de protección de datos nomeado (en diante, DPD) ou cuxo nomeamento estea previsto a curto prazo, na Administración xeral da Xunta de Galicia, no sector público autonómico e órganos estatutarios. Tamén poderán participar as persoas que formen parte do equipo de apoio aos DPD nos ámbitos anteriormente indicados e outro persoal da Amtega con responsabilidades en materia de protección de datos que se atopen en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Quinta. Desenvolvemento

1. Modalidade: o curso desenvolverase na modalidade de telepresenza, a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

2. Duración: 16 horas lectivas.

3. Datas de desenvolvemento:

• 1ª sesión de telepresenza: martes 30 de abril de 2024, das 9.30 ás 12.30 horas.

• 2ª sesión de telepresenza: martes 21 de maio de 2024, das 16.00 ás 19.00 horas.

• 3ª sesión de telepresenza: martes 24 de setembro de 2024, das 9.30 ás 12.30 horas.

• 4ª sesión de telepresenza: martes 29 de outubro de 2024, das 16.00 ás 19.00 horas.

• 5ª sesión de telepresenza: martes 26 de novembro de 2024, das 9.30 ás 12.30 horas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

• Conexión estable á internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).

Para o uso da ferramenta de telepresenza o alumnado contará cun manual de usuario na ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/index.php/s/ZKijmeiZ5ypS3jd, onde se explica como acceder á plataforma de telepresenza e se describen os compoñentes que o equipamento necesita para un funcionamento básico da plataforma.

4. Proba de avaliación final:

A proba de avaliación final será en liña, a través da aula virtual da EGAP, o martes 3 de decembro de 2024, das 16.00 ás 17.00 horas.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: Curso para persoal delegado de protección de datos da Xunta de Galicia.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día 19 de abril de 2024.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico xestion.egap@xunta.gal ou, desde as 9.00 horas ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 63 35 e 981 54 62 57 e 981 54 62 54.

Sétima. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público, conforme o disposto no artigo 6.1 e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme ao detallado na base novena desta resolución. Así mesmo, os datos do alumnado relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións do curso impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións do persoal docente. Estas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas e a gravación destas poderá ser accesible unicamente para o profesorado e alumnado a que van dirixidas e a persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións e, particularmente, a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non p0oderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Criterios de selección

As persoas solicitantes serán seleccionadas de acordo coa seguinte orde de preferencia:

1º. Persoas nomeadas como delegados/as de protección de datos nas consellerías da Xunta de Galicia, en entidades dependentes, órganos estatutarios ou na Amtega. Inclúese tanto a persoa titular como a suplente.

2º. Persoas que estea previsto seren nomeadas como delegados/as de protección de datos nas consellerías da Xunta de Galicia, en entidades dependentes e órganos estatutarios, xa sexa como titular ou como suplente.

3º. Persoas que formen parte do equipo de apoio ao DPD das consellerías, entidades dependentes, órganos estatutarios ou da Amtega.

4º. Outro persoal da Amtega con responsabilidades en materia de protección de datos persoais.

Dentro de cada grupo, as persoas indicadas na base cuarta desta resolución serán ordenadas de acordo cos criterios selectivos, que son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 10 de maio de 2023 (DOG núm. 96, do 23 de maio), corrección de erros (DOG núm. 130, do 10 de xullo, e DOG núm. 148, do 4 de agosto).

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva e excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para formalizar a renuncia poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase o día seguinte ao do remate do prazo de matrícula e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia sexa por algunha das seguintes causas:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

Por razóns de conciliación familiar.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento das sesións de telepresenza:

a) Son obrigatorios o seguimento desta actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

c) O non seguimento das sesións de telepresenza non pode superar en ningún caso o 20 % das horas lectivas telepresenciais. En todo caso, deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización de cada unha das sesións de telepresenza. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.

d) Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Superación da actividade formativa

Para superar esta actividade é necesario cumprir na súa totalidade unha serie de requisitos:

– Ter feito o seguimento mínimo requirido das sesións de telepresenza.

– Ter feitas e superadas, nos prazos estipulados, todas as actividades e tarefas propostas pola titoría na modalidade de teleformación para ter dereito a facer a proba final de avaliación en liña.

– Superar a proba final de avaliación.

Décimo segunda. Certificado electrónico de aproveitamento

Para a obtención do certificado final de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do titor responsable do curso, que emitirá un informe en que declarará apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función dos resultados de todas as actividades propostas durante o curso.

Superado o curso, será emitido un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula). Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo terceira. Facultades da EGAP e da Amtega

1. A EGAP e a Amtega reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización; nese caso, empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e a Amtega garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.