DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2024 Páx. 23065

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2024, conxunta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, pola que se acorda a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar de importe inferior a tres euros.

O artigo 2 da Orde do 22 de decembro de 2005, que desenvolve o artigo 23.5 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en canto á anulación e baixa en contabilidade de determinadas débedas, prevé a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar inferior a tres euros.

En virtude do exposto, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia teñen a ben establecer o seguinte:

Disposición única. Anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo das cales resulte unha débeda pendente de recadar por importe inferior a tres euros

Primeiro. Anularanse e daranse de baixa en contabilidade todas aquelas liquidacións practicadas pola Axencia Tributaria de Galicia das cales resulte unha débeda pendente en período executivo por importe inferior a tres euros. Para tal efecto, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante Amtega) desenvolverá a aplicación informática que permita a baixa en conta das referidas liquidacións.

Segundo. Anularanse e daranse de baixa en contabilidade todas aquelas liquidacións practicadas polos órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia, entidades públicas instrumentais e demais entes públicos, cuxa competencia de recadación en período executivo asumisen os órganos de recadación da Axencia Tributaria de Galicia e das cales resulte unha débeda pendente de recadar en período executivo inferior a tres euros. A Amtega executará a aplicación informática que permite a baixa en conta das referidas liquidacións.

Como resultado do proceso anterior, as delegacións da Axencia Tributaria de Galicia obterán da Amtega e remitirán ao respectivo órgano que practicou a xestión unha relación das liquidacións que fosen anuladas de acordo cos criterios establecidos.

Disposición transitoria

As actuacións previstas nesta resolución efectuaranse en relación coas liquidacións das cales resulte unha débeda pendente de recadar en período executivo inferior a tres euros en 31 de decembro de 2023.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2023

Arturo López Iglesias

Mª Victoria González Vázquez

Interventor xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

Directora da Axencia Tributaria de Galicia