DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 16 de abril de 2024 Páx. 23963

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Noia (expediente IN407A 2024/22-1).

Expediente: IN407A 2024/22-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: substitución do CT Monte do Rei-15CJ63.

Concello: Noia.

Feitos:

1. O día 25 de xaneiro de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a calidade da subministración eléctrica na zona.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000 e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: substitución do CT Monte do Rei-15CJ63 (Noia), asinado o 22 de decembro de 2023 por Rubén Fervenza Nicolás, enxeñeiro técnico industrial graduado en Enxeñaría Eléctrica, colexiado número 4.684 de Vigo (COITIVigo).

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidera prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselle o preceptivo informe ao Concello de Noia. A día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, o Concello, á solicitude do condicionado solicitado.

4. O proxectista fai a seguinte declaración responsable en relación coas obrigas relacionadas coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental: «O proxecto non se encontra incluído en ningún dos anexos I e II do Real decreto 445/2023 posto que non se trata da construción dunha nova liña eléctrica, senón dunha substitución dun centro de transformación, e a ocupación do centro que se vai instalar é inferior á do existente; polo que non require avaliación ambiental. Año non estar incluído no resto de supostos da Lei 21/2013, do 9 de decembro, o proxecto está exento de tramitación ambiental».

5. O 12 de marzo de 2024 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente se atópanse na rúa Abruñeiras, parroquia de Santa Cristina de Barro, no concello de Noia.

– Instalación dun novo centro de transformación prefabricado compacto, telecontrolado GSM/GPRS/FO, con manobra exterior 2L+1P de 400 kVA/20 kV e relación de transformación de 20.000/400 V na parcela de referencia catastral 8678115NH0387N (mesma localización do CT actual 15CJ63 Monte do Rei). Construción de arqueta de cablaxe sobre a rede existente diante do CT.

Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 21 de marzo de 2024

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña