DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 14 de maio de 2024 Páx. 29126

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

EXTRACTO da Resolución do 17 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de abril de 2024, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á modificación por soterramento no tramo final da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, e se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal desta LAT, que discorre polos termos municipais do Irixo (Ourense) e Dozón e Lalín (Pontevedra), e promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2007/169-3 AT).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto do acordo indicado no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

a) Contido do acordo e condicións que o acompañan:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á modificación por soterramento en tramo final da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, que discorre polos termos municipais de O Irixo (Ourense) e Dozón e Lalín (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica titulado Modificado por soterramento en tramo final de LAT Irixo-Lalín 132 kV. Chegada a Lalín, asinado polo enxeñeiro industrial Ricardo Lago Alonso (colexiado núm. 2.221 do ICOIIG) con data 20.12.2023 e visado por este colexio con núm. 20234019 e data 21.12.2023.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

4. Aprobar definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, recollida no documento técnico así denominado e asinado o 7.3.2024.

5. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27.3.2008, polo que se declara a incidencia supramunicipal do proxecto sectorial da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, os planeamentos dos concellos do Irixo (Ourense) e Dozón e Lalín (Pontevedra) quedan vinculados ás determinacións contidas na modificación do proxecto sectorial que se aproba.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. En cumprimento do disposto na DIA da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase a contía da fianza en 29.255 €, dos cales 12.538 € corresponden á fase de obras e 16.717 € á fase de desmantelamento e abandono das instalacións, que deberá constituír a promotora para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle podan causar ao ambiente e do seu custo de restauración.

A promotora, con carácter previo ao inicio das obras, deberá depositar a fianza correspondente á fase de obras na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1997, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza correspondente á fase de desmantelamento e abandono.

2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Modificado por soterramento en tramo final de LAT Irixo-Lalín 132 kV. Chegada a Lalín, asinado polo enxeñeiro industrial Ricardo Lago Alonso (colexiado núm. 2.221 do ICOIIG) con data 20.12.2023 e visado por este colexio con núm. 20234019 e data 21.12.2023.

3. A promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN); non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na DIA da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica (formulada o 14.11.2022 polo órgano ambiental; DOG núm. 228, do 30.11.2022), así como as establecidas no correspondente Plan de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

6. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

7. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

8. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

9. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

10. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

11. Como anexo a este acordo recóllese a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio, presentada pola promotora o 28.12.2022.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea o acordo:

1. O 25.6.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD ou promotora) presentou, ante a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (en diante, XT Ourense), a solicitude das autorizacións administrativas previa e de construción, e da declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á modificación por soterramento en tramo final da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, que discorre polos termos municipais do Irixo (Ourense) e Dozón e Lalín (Pontevedra). Posteriormente, a promotora completou a solicitude inicial coa solicitude de aprobación da modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da dita LAT.

Segundo consta no proxecto de execución da modificación proxectada, debido a que non se conseguiron as autorizacións pertinentes para o trazado da LAT no tramo que afecta o concello de Lalín, prevese o soterramento do tramo final da LAT, dende o apoio 50N ata a SE Lalín, evitando a afección ao Castro de Catasós, ademais dunha variante en aéreo no apoio 38, evitando varios cruzamentos coa estrada EP-6103 e garantindo as distancias á autopista AP-53.

2. O 23.2.2022, a XT Ourense solicitou informe ás seguintes entidades, e dos recibidos deu traslado a UFD, quen presentou a súa contestación/conformidade con eles:

• Sobre as separatas técnicas do modificado do proxecto de execución: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Augas de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Concello de Dozón, Concello de Lalín e R-Cable.

• Sobre o estudo de impacto ambiental (EIA): Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello de Dozón, Concello de Lalín, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio (IET), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Sociedade Galega de Historia Natural, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Adega, Concello do Irixo, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Federación Ecoloxista Galega.

• Sobre a modificación do PSIS: concellos afectados (O Irixo, Dozón e Lalín), XT Ourense, IET, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Delegación do Goberno en Galicia e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

3. O 22.2.2022, a XT Ourense ditou o acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de UFD, que se publicou no DOG e nos xornais La Región e Faro de Vigo de Pontevedra, e que tamén estivo exposta (con acceso á documentación técnica) nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (O Irixo, Dozón e Lalín), e da XT Ourense e da xefatura territorial desta consellería de Pontevedra (en diante, XT Pontevedra), así como no portal de transparencia desta consellería. Así mesmo, a XT Ourense realizou o preceptivo trámite de audiencia da modificación do proxecto sectorial cos concellos afectados, e practicou as notificacións individuais da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, ás persoas que figuran como titulares de parcelas afectadas na RBDA publicada. Durante o período de información pública presentáronse varios escritos de alegacións, dos que se deu traslado a promotora, quen presentou a súa contestación a estes.

4. En canto aos dereitos mineiros, emitíronse os seguintes informes: Informe da Sección de Minas de Ourense (1.7.2022), en que se fai constar que hai un dereito mineiro afectado; e Informe da Sección de Minas de Pontevedra (21.7.2022), en que se fai constar que non hai dereitos mineiros afectados na provincia de Pontevedra. A respecto do informe da XT Ourense, hai que sinalar o seguinte: non se produce tal concorrencia porque o citado dereito mineiro está situado na provincia de Ourense (concello do Irixo), mentres que a modificación proxectada para a LAT se sitúa na provincia de Pontevedra (concellos de Dozón e Lalín).

5. En canto aos montes con utilidade pública, emitíronse os seguintes informes: Informe do Servizo de Montes de Ourense (4.4.2022), en que se fai constar que, nesta provincia, a liña eléctrica afecta diversos montes veciñais en man común (MVMC); e Informe do Servizo de Montes de Pontevedra (23.3.2022), en que se fai constar que, nesta provincia, a comunidade afectada pola modificación do trazado é a Comunidade de MVMC de Zudreiro, no concello de Dozón. A respecto do recollido nestes informes, hai que sinalar o seguinte:

• Na provincia de Ourense, como a modificación proxectada só afecta a parte da LAT situada na provincia de Pontevedra (concellos de Dozón e Lalín), non se produce concorrencia de utilidades públicas cos MVMC situados na provincia de Ourense.

• Na provincia de Pontevedra prodúcese concorrencia de utilidades públicas co MVMC de Zudreiro; non obstante, a promotora presentou, o 28.12.2022, a comunicación de ter acadado mutuo acordo cos seus titulares para a ocupación das súas parcelas afectadas.

6. O 23.9.2022, a XT Ourense, unha vez rematada a instrución do expediente relativo á modificación proxectada da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, deu traslado deste á DXPERN, para os efectos de continuar coa súa tramitación. Esta xefatura territorial incorporou ao expediente a súa proposta do 23.9.2022, en que recolle un resumo da súa tramitación e emite informe favorable sobre a petición formulada pola promotora.

7. O 14.11.2022, o órgano ambiental formulou a declaración de impacto ambiental (DIA), relativa ao proxecto de modificación da LAT O Irixo-Lalín 132 kV (clave 2022/0141), que se fixo pública mediante o Anuncio do 15.11.2022, do órgano ambiental (DOG núm. 228, do 30.11.2022). Tal como se recolle nesta DIA, cancelouse o expediente ambiental inicial (clave 2012/0192) e abriuse un novo expediente ambiental (clave 2022/0141). En consecuencia, a DIA deste novo expediente ambiental, que se refire á totalidade da liña eléctrica LAT 132 kV O Irixo-Lalín, substitúe a DIA do expediente ambiental inicial.

8. O 25.9.2023, o órgano ambiental formulou o informe ambiental estratéxico (IAE), en que se conclúe non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación do PSIS da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, posto que non se prevén efectos ambientais significativos. Este informe fíxose público mediante o Anuncio do 3.10.2023, do órgano ambiental (DOG núm. 195, do 13.10.2023).

9. O 28.2.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o seu informe, que ten carácter favorable, pero condicionado a incluír no proxecto sectorial unhas pequenas correccións. O 7.3.2024, a promotora presentou unha nova versión do documento técnico da modificación do proxecto sectorial, asinada o 7.3.2024, na que se atenderon as ditas correccións.

10. O 3.4.2024, a DXPERN, en cumprimento do exixido no artigo 57.7 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, ditou resolución pola que se aprobou provisionalmente a modificación do PSIS da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, recollida no documento técnico denominado Modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da LAT 132 kV O Irixo-Lalín e asinado o 7.3.2024.

11. O 4.4.2024, os servizos técnicos da DXPERN emitiron informe sobre a tramitación dos procedementos asociados ás autorizacións administrativas previa e de construción, e á declaración da utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á modificación por soterramento en tramo final da LAT 132 kV O Irixo-Lalín, así como á aprobación definitiva da modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da dita LAT, que discorre polos termos municipais do Irixo (Ourense) e Dozón e Lalín (Pontevedra), e promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2007/169-3 AT).

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais