DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 2 de xullo de 2024 Páx. 40253

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas extraordinarias á industria da automoción en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva (liña A, código de procedemento IG300I, e liña B, código de procedemento IN422P).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 24 de xuño de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas extraordinarias á industria da automoción en Galicia, e facultou a persoa titular da dirección xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas extraordinarias do Igape á industria da automoción en Galicia e convocar para o ano 2024 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (liña A, código de procedemento IG300I, e liña B, código de procedemento IN422P).

A presente convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 9.00 horas do día 8 de xullo de 2024 e rematará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2024 para a liña A e ás 14.00 horas do 2 de setembro de 2024 para a liña B, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Liña

Partida orzamentaria

Ano 2024

Liña A

09.A1.741A.7700

10.000.000 €

Liña B

09.A1.741A.7700

8.000.000 €

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, no caso de esgotamento do crédito dunha das liñas, poderá incrementarse co remanente da outra, se o houber, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape publicada para o efecto.

Cuarto. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda no Igape e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Quinto. O prazo máximo de execución e xustificación rematará o 16 de decembro de 2024.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas extraordinarias á industria da automoción
en Galicia

A Consellería de Economía e Industria é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución, o exercicio de funcións en diferentes materias, entre as cales están:

A promoción e dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como a revisión da regulación con incidencia na economía.

O apoio xeral ao sector empresarial, fomentando a mellora da competitividade das empresas, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación, na transformación dixital, na sustentabilidade e na internacionalización.

A coordinación, planificación, deseño e posta en marcha dos mecanismos públicos autonómicos de financiamento empresarial e industrial.

O impulso económico e industrial convértese no eixe fundamental no deseño, elaboración e execución da acción política da Consellería de Economía e Industria, co fin de continuar coa etapa de recuperación do crecemento económico da nosa Comunidade Autónoma.

Para o exercicio das súas competencias, están adscritas á consellería, entre outras entidades, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un rol fundamental no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega.

Asemade, o Inega ten entre os seus obxectivos o estudo e apoio ás actuacións de coñecemento, desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

A ambiciosa transición da UE cara a unha economía sustentable e climaticamente neutra ten implicacións cada vez máis profundas para as rexións, os traballadores, as industrias e a sociedade de Europa en xeral.

Esta transición require unha transformación socioeconómica, especialmente nas rexións que dependen dos combustibles fósiles e das industrias de gran consumo de enerxía, xa que pon en perigo a base económica tradicional das devanditas rexións. Desde 2019, a Unión Europea (UE) desenvolveu un amplo marco de políticas e iniciativas destinadas a facilitar a dobre transición ecolóxica e dixital. O Ditame do Comité Europeo das Rexións-Unha transición xusta e sustentable das rexións con industria de automoción fai énfase en múltiples implicacións da transición e, entre elas, lembra a necesidade de reducir drasticamente as emisións de gases de efecto invernadoiro.

É necesario actuar con decisión, especialmente no transporte por estrada, cuxa elevada proporción de emisións non se reduciu ata a data de forma sustentable. En prol da sustentabilidade, tomouse a decisión de prohibir a matriculación de vehículos convencionais de gasolina e diésel en toda a UE a partir de 2035. Respecto da apertura tecnolóxica, convén seguir permitindo tras esa data a homologación dos motores que funcionen con electrocombustibles climaticamente neutros. Subliña a necesidade de aumentar a sustentabilidade do sistema de mobilidade para alcanzar os obxectivos climáticos.

Subliña que esta dobre transformación terá un profundo impacto nos ecosistemas automobilísticos rexionais. Por tanto, unha estratexia europea de transformación integral é fundamental para a UE, xa que a industria automobilística europea está moi integrada a través das fronteiras nacionais e a mobilidade de persoas e mercadorías é un factor importante nun sistema económico moderno. Europa debe adoptar as novas tecnoloxías e converterse en líder tecnolóxico se desexa seguir sendo competitiva a escala mundial. Esta estratexia debe centrarse en como investigar e desenvolver novas tecnoloxías, á vez que se apoia as rexións con industria de automoción máis afectadas e vulnerables na súa transición mediante a reciclaxe profesional e o desenvolvemento de capacidades. Sinala que a transformación da mobilidade automobilística tamén repercutirá no sector dos servizos (talleres, gasolineiras, tendas de pezas de recambio etc.), o que debe mitigarse desde o punto de vista social.

A transición das rexións con industria de automoción require a transición de todo un sistema de servizos en torno ao automóbil e o seu mantemento, centrado na reciclaxe e a mellora das capacidades da man de obra (rexional) e no marco a escala da UE para as capacidades e o emprego. Subliña a importancia da electrificación da industria automobilística e sinala que é preciso centrarse nas súas cadeas de valor, a eficiencia das baterías e a fabricación de equipamentos utilizados nesta industria. A produción está cada vez máis orientada aos procesos e é por conta do propio fabricante. É necesario transformar as industrias tradicionais para convertelas en provedoras das novas tecnoloxías e sectores. O reaxuste das competencias é un factor importante para afrontar os retos do futuro.

Nesta conxuntura, a industria da automoción europea enfróntase a un gran desafío para manter a súa competitividade a futuro e isto vén impactando na estabilidade das industrias nas rexións con industria de automoción, particularmente en Galicia. Esta situación debe abordarse sen dúbida con proxectos a longo prazo e coa intervención directa das institucións e fondos comunitarios, iso sen prexuízo de que as rexións traten de paliar no posible os impactos a que se ve sometido o sector de modo máis inmediato.

Por iso, a Xunta de Galicia, consciente destas circunstancias, decide abordar unha primeira medida extraordinaria, dirixida a reducir parcialmente os custos de investimento recentes realizados polas empresas galegas do sector de automoción neste mesmo exercicio 2024 cunha axuda inmediata e dotada con 18 millóns de euros, como primeiro escudo de apoio ao sector na súa transición á mobilidade sustentable, particularmente á electromobilidade.

Co obxectivo xeral de apoiar a transición do sector da automoción na Comunidade Autónoma e favorecer o mantemento do emprego, o Igape, en estreita colaboración co Inega, desenvolve este sistema de apoio a proxectos de investimentos e consultoría con ata 300.000 € de axuda e a proxectos de eficiencia enerxética e enerxías renovables con ata 700.000 €.

Para acadar estes obxectivos poderanse publicar diferentes convocatorias en concorrencia non competitiva, que serán publicados no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007. A súa excepcionalidade xustifícase polo especial interese en fomentar proxectos que faciliten a transición xusta e sustentable do sector da automoción en Galicia.

Disposicións comúns

Artigo 1. Obxecto

Apoiar a industria da automoción galega na transición á mobilidade sustentable subvencionando as seguintes tipoloxías de proxectos, clasificados en dúas liñas:

Liña A:

1. Investimento: axuda sobre o volume de investimento en equipamentos, sistemas ou obras.

2. Consultoría: axuda sobre a elaboración de proxectos de futuro ante a transición do sector.

Liña B:

1. Axuda a proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

2. Axuda a proxectos de enerxías renovables.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en ambas as liñas en réxime de concorrencia non competitiva.

2. A xestión completa da liña A corresponderalle ao Igape, mentres que a liña B será xestionada polo Inega.

3. As solicitudes, en todo caso, resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que se terá en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

4. Non se poderán outorgar subvencións por unha contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

5. As axudas da liña A previstas nestas bases encádranse no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis. As axudas da liña B estarán sometidas ao Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE; en concreto, os proxectos de aforro e eficiencia enerxética acolleranse ao artigo 38 e as axudas de fomento de enerxías renovables ao artigo 41 do devandito regulamento.

6. A presente convocatoria finánciase mediante fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas ao abeiro das presentes bases serán compatibles con calquera outra axuda, ingreso ou recurso para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración ou ente público ou privado, sempre que a intensidade de axuda acumulada non supere o importe da actuación e, no caso das axudas da liña B, non se supere a intensidade permitida nos artigos 38 e 41 do Regulamento (UE) 651/2014.

2. Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape ou do Inega para os mesmos gastos e investimentos.

3. Ao estar as axudas da liña A suxeitas ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 € nos tres anos previos ao da concesión da axuda.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións aos mesmos gastos e de calquera axuda de minimis recibida durante os tres anos previos ao da concesión da axuda, deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa destes. En todo caso, coa solicitude de axuda a persoa solicitante informará no formulario de solicitude de calquera axuda recibida para os mesmos gastos e de calquera axuda de minimis recibida durante os tres anos previos ao da concesión da axuda. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas industriais do sector de automoción galegas ou cun centro de traballo en Galicia.

Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade se desenvolva no CNAE 29, en calquera das súas subepígrafes e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades do CNAE 29 senón en actividades industriais xenéricas, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable do solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar, antes do 16 de decembro de 2024, o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao día nas débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.

e) Para a liña B, as que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).

3. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de seren beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Formulario previo: dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet
https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Cada empresa, por cada centro de traballo, só poderá presentar unha solicitude de axuda á liña A e ata dúas, unha para cada tipoloxía, da liña B; previstas no artigo 1 destas bases.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obrigación de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obrigación de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido da Lei de sociedades de capital.

b) Relación doutras axudas públicas ou privadas recibidas e/ou solicitadas para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.

c) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

d) Que cumpren os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Específico para solicitudes da liña A:

e) Relación doutras axudas de minimis recibidas e/ou solicitadas nos tres anos previos ao da solicitude da axuda.

Específico para solicitudes a liña B:

f) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea.

g) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

2. Solicitude: a solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I para a liña A e II para a liña B), que se obterán de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda; transcorrido este, consideraranse desistidos da súa petición, logo da resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma
@firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:
http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, xunto coa documentación complementaria indicada nas disposicións específicas de cada liña:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Ofertas: agás para os gastos e investimentos realizados antes da solicitude, previstos na liña A, as tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, de acordo cos seguintes requirimentos:

Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables proxectados supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases ou de 40.000 € no caso de obra civil), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou fornezan.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Os órganos competentes do Igape ou do Inega segundo o caso, poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 6.1.a) destas bases.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións pola regra de minimis, no caso da liña A (anexo I).

h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

i) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 9. Órganos competentes

A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención das solicitudes presentadas á liña A correspóndelle á Área de Competitividade do Igape.

A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención das solicitudes presentadas á liña B correspóndelle á Xerencia do Inega.

A persoa titular da Dirección da Área de Competitividade do Igape é competente para resolver o arquivamento, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes obxecto de tramitación segundo estas bases e nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición:

– Ante a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento.

– Ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, non se admitirán modificacións.

Artigo 12. Xustificación da execución

1. A xustificación de execución das accións que dan lugar ás subvencións reguladas nestas bases rematará unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos:

a) Na liña A, cando todos os gastos e investimentos sexan anteriores á data de solicitude de axuda resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude, unha vez comprobada a xustificación dos gastos e investimentos realizados presentada coa solicitude.

b) En ambas as liñas, cando o proxecto non estea realizado ou rematado na data de solicitude, resolverase a concesión de axuda e o anticipo do 100 % da axuda, de acordo co artigo 63.3 do Decreto 11/2009, e unha vez comprobado o cumprimento de todos os requisitos establecidos nas presentes bases para o seu pagamento. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade, e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión. Neste suposto exímense as persoas beneficiarias da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

Neste caso, antes do 16 de decembro de 2024, a persoa beneficiaria deberá presentar toda a documentación xustificativa dos gastos e investimentos subvencionados cubrindo o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de xustificación. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación da execución, tanto no caso da liña A como no caso da liña B, mediante o formulario normalizado (anexo III), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As xustificacións de execución que carezan do IDEL ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao correspondente procedemento de reintegro, no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de xustificación na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará o inicio dun procedemento de reintegro total ou parcial da subvención, sen prexuízo das demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que conforme a lei correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Coa solicitude de xustificación, a persoa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación, xunto coa documentación da xustificación indicada nas disposicións específicas de cada liña:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase facer unha relación delas no formulario de solicitude de cobramento.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Acreditación do cumprimento da obriga de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.c) destas bases.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter a actividade e os investimentos subvencionados durante o período de 3 anos desde a data da resolución de concesión da axuda e de 5 anos para o caso de activos inmobiliarios ou obra civil. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da persoa beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

b) Xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Dar publicidade á axuda concedida na páxina de inicio da web da empresa ou noutro sitio visible accesible desde a páxina de inicio, colocando un cartel tamaño A3 como mínimo, ou pantalla electrónica equivalente, na entrada das instalacións.

d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados e de calquera axuda en réxime de minimis, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de xustificación da subvención.

e) Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, acreditar que compren coa normativa en materia de prazos a provedores, mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

f) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións.

Artigo 14. Procedemento de reintegro

1. A falta de xustificación ou incumprimento das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia do reintegro da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá o reintegro total, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape ou o Inega, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien os custos subvencionados ou das axudas recibidas en réxime de minimis no caso da liña A.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

h) Non acreditar o cumprimento da normativa en materia de prazos a provedores, para subvencións de importe superior a 30.000 €.

4. Reintegro parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 40 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 13.a) destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13.c) destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

6. Réxime sancionador: ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de subvencións, fiscalización e control

1. O Igape ou o Inega comprobarán a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Nas subvencións de capital superiores a 60.000 €, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

Como mínimo farase unha comprobación in situ nunha mostra aleatoria do 5 % das subvencións concedidas.

2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de catro anos desde a súa presentación.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape ou o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para tal fin, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos desde a súa presentación.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro de 2023).

b) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

g) O resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposicións específicas liña A

Investimento: axuda sobre o volume de investimento en equipamentos, sistemas ou obras.

Consultoría: axuda sobre a elaboración de proxectos de futuro ante a transición
do sector.

Artigo 18. Conceptos subvencionables, condicións e intensidade de axuda

1. Conceptos subvencionables:

a) Investimento en activos fixos tanxibles e intanxibles en que incorra a empresa desde o 1 de xaneiro de 2024 e anteriores á data de solicitude; tamén se poderán incluír investimentos que se realicen ata o 16 de decembro de 2024.

• Compra de maquinaria ou bens de equipamento.

• Obras de reforma e rehabilitación de naves ou espazos produtivos.

• Programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).

• Outros investimentos en activos fixos.

b) Custos de elaboración de estudos ou análises de transición cara á mobilidade sustentable ou calquera tipo de consultoría estratéxica que impulse a competitividade da empresa, realizados entre o 1 de xaneiro e a data de solicitude, ou ben pendentes de elaboración (caso en que deberá estar rematado antes do 16 de decembro de 2024).

2. Condicións:

O importe mínimo de custo subvencionable total deberá acadar os 100.000 €.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

3. Intensidade de axuda:

Concederase unha axuda do 70 %, ata un máximo de 300.000 €, para os custos subvencionables en que incorrese a empresa durante o período subvencionable, que abarca desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o remate das actuacións propostas, que non deberá superar en ningún caso o 16 de decembro de 2024.

Artigo 19. Documentación complementaria

1. Para investimentos e gastos realizados antes da data de solicitude de axuda:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos, consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase facer relación delas no formulario de solicitude.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Plan e proxectos de futuro para a empresa ante a transición do sector cando a actuación subvencionable conteña a súa elaboración, no caso de terse realizado e rematado antes da data de solicitude.

d) Fotografías dos investimentos realizados instalados no establecemento.

2. Para investimentos e gastos proxectados para executar con posterioridade á data de solicitude e ata o 16 de decembro de 2024:

Listaxe completa dos gastos e investimentos previstos, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.

Artigo 20. Instrución dos procedementos, resolución e notificación

1. As solicitudes de axuda serán revisadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e ao ser unha convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva, as axudas resolveranse segundo o establecido no artigo 2.3 destas bases reguladoras.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención e as obrigas que correspondan. E no caso das axudas da liña A informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido no punto cuarto da resolución de convocatoria; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón enlace tramitación telemática (https://www.igape.gal/gl/notificacion-telematica) para recibir as notificacións. O sistema solicitará da persoa interesada o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático).

Artigo 21. Xustificación da execución. Documentación xustificativa

a) Plan e proxectos de futuro para a empresa ante a transición do sector cando a actuación subvencionable conteña a súa elaboración.

b) Fotografías dos investimentos realizados instalados no establecemento.

Disposicións específicas liña B

Axuda a proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

Axuda a proxectos de enerxías renovables.

Artigo 22. Condicións, conceptos subvencionables e intensidade de axuda

1. Condicións e conceptos subvencionables.

Poderán ser subvencionables os investimentos realizados desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o 16 de decembro de 2024. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.

A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só a emprendería dunha maneira limitada ou diferente. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actuación en que a empresa incorrería en calquera caso.

Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá presentar a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser efectuados con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador prevista no artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso de existir un contrato ou oferta asinado entre as partes, ou un pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

O investimento mínimo para que un proxecto sexa subvencionable establécese en 100.000 €.

2. A continuación, defínense os proxectos subvencionables en función da súa tipoloxía, diferenciando entre proxectos de aforro e eficiencia enerxética e proxectos de enerxías renovables:

a) Proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

Axudas ao investimento que permitan ás empresas mellorar a eficiencia enerxética en ámbitos distintos do dos edificios. Teranse en conta as seguintes actuacións:

i. Mellora da eficiencia enerxética en equipamentos e procesos industriais.

ii. Implantación de sistemas de monitorización e control destinados á mellora da xestión enerxética.

Serán subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Cando o investimento consista nun investimento claramente identificable destinado unicamente a mellorar a eficiencia enerxética e para a que non exista un investimento de contraste con menos eficiencia enerxética, os custos subvencionables serán o total dos custos de investimento. En caso contrario, o custo subvencionable determinarase comparando os custos do investimento cos dunha hipótese de contraste sen axuda.

A hipótese de contraste corresponderá a un investimento cunha capacidade de produción e un ciclo de vida comparables que cumpra normas da Unión que xa estean en vigor. A hipótese de contraste será crible á luz dos requisitos legais, das condicións do mercado e dos incentivos xerados polo réxime de comercio de dereitos de emisión da UE.

De forma alternativa, os custos subvencionables poderanse determinar sen a identificación dunha hipótese de contraste. No devandito caso, os custos subvencionables serán o total dos custos de investimento directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética e as intensidades de axuda aplicables reduciranse nun 50 %.

O custo subvencionable estará limitado en función do aforro enerxético xustificado, a un máximo de 1 euro por cada 0,08 kWh de aforro enerxético de enerxía final. Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionables.

Non se concederán axudas en virtude do presente artigo para os investimentos que se realicen co fin de cumprir normas da Unión que fosen adoptadas e estean en vigor.

As axudas para a instalación de equipamentos de enerxía alimentados por combustibles fósiles, incluído o gas natural, non estarán incluídas.

b) Proxectos de enerxías renovables.

Axudas ao investimento para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables e co hidróxeno de orixe renovable. Teranse en conta as seguintes consideracións xerais:

i. No caso de proxectos relacionados co aproveitamento de enerxías renovables para a xeración de electricidade, só serán elixibles aqueles destinados ao autoconsumo.

ii. Axudas ao investimento para proxectos de almacenamento de electricidade unicamente na medida en que se concedan a proxectos combinados de enerxía renovable e almacenamento (behind-the-meter-«tras o contador»), sempre que ambos os elementos sexan compoñentes dun único investimento ou que o almacenamento estea conectado a unha instalación de enerxías renovables existente. O compoñente de almacenamento absorberá polo menos o 75 % da súa enerxía de instalacións de xeración de enerxía renovable directamente conectadas, sobre unha base anual, e non serán subvencionables as baterías de chumbo-ácido. As mesmas normas serán de aplicación ao almacenamento térmico conectado directamente a unha instalación de produción de enerxías renovables.

iii. Axudas ao investimento para instalacións de produción, distribución e/ou consumo de hidróxeno renovable unicamente na medida en que a electricidade utilizada para a produción no electrolizador sexa de orixe renovable. Para a acreditación da orixe renovable da electricidade observarase o disposto no Regulamento delegado (UE) 2023/1184 polo que se completa a Directiva (UE) 2018/2001 sobre fontes de enerxía renovable.

iv. No caso de instalacións de biocarburantes, biolíquidos, biogás, e combustible de biomasa, deben xustificar que cumpren os criterios de sustentabilidade e redución das emisións de gas de efecto invernadoiro da Directiva (UE) 2018/2001 e os seus actos de execución ou delegados, e que se produciron a partir das materias primas enumeradas no anexo IX da dita directiva.

Serán custos subvencionables os custos totais do investimento asociado á xeración renovable; son de aplicación os seguintes custos elixibles máximos en función da potencia e dos requisitos específicos para as seguintes tecnoloxías:

i. Renovables eléctricas:

Renovables eléctricas

Tecnoloxía

Investimento elixible máximo (IVE non incluído)

Fotovoltaica

1.000 €/kW

Minieólica

4.000 €/kW

Almacenamento (baterías)

750 €/kWh

Para os efectos destas bases, considérase potencia nominal da instalación a potencia mínima entre a potencia nominal dos inversores e o sumatorio da potencia pico dos paneis instalados. En instalacións illadas da rede a potencia nominal coincidirá co sumatorio da potencia pico dos paneis instalados.

No caso de instalacións de xeración eléctrica de autoconsumo con excedentes en que a suma da potencia instalada (tendo en conta a instalación prevista e as preexistentes) no centro de traballo sexa superior a 500 kW, será condición imprescindible para ser subvencionable a presentación da autorización administrativa previa e de construción na fase de solicitude de axuda.

Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 20,5 % para unha irradiación de 1.000 W/m2 e a unha temperatura de 25 ºC.

Non serán subvencionables as baterías de chumbo-ácido.

ii. Renovables térmicas:

Renovables térmicas

Tecnoloxía

Investimento elixible máximo (IVE non incluído)

Biomasa

450 €/kW

Aerotermia

1.000 €/kW

Xeotermia

1.800 €/kW

Solar térmica (paneis planos)

1.000 €/kW

Solar térmica (tubos de baleiro)

1.500 €/kW

No caso de instalacións de bombas de calor (aerotermia e xeotermia), tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo da potencia: 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

Ademais, en calquera dos casos anteriores, o sistema deberá poder ser considerado como renovable, o que se verificará conforme a norma UNE-EN 14825/2012, UNE-EN 12309 ou mediante o cumprimento dos requirimentos mínimos incluídos no documento Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios, emitido polo Instituto para a diversificación e aforro da enerxía, en función das características da instalación. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do SCOPnet para clima cálido ou ben o ensaio para a obtención do COP, do factor de corrección FC e do factor de ponderación FP segundo a zona climática e o tipo de instalación.

No caso das instalacións de solar térmica, para os efectos destas bases considerarase como potencia térmica nominal a correspondente a unha radiación de 1.000 W/m2 e un salto térmico de 50 ºC.

2. Intensidade de axuda.

A intensidade de axuda que se aplicará sobre o custo subvencionable, en función da tipoloxía de proxecto e da tipoloxía de empresa, é a que se indica a continuación (para a determinación do tamaño de empresa terase en conta a metodoloxía do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014):

Tipoloxía do proxecto

Intensidade de axuda

Grande empresa

Mediana empresa

Pequena empresa

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

35 %

45 %

55 %

Proxectos de enerxías renovables (1)

45 %/30 %

55 %/40 %

65 %/50 %

(1) A primeira porcentaxe aplicarase aos investimentos asociados á xeración de enerxía procedente de fontes renovables e a segunda, a aqueles investimentos non asociados á xeración (almacenamento enerxético, equipamentos consumidores de hidróxeno renovable, etc.).

A axuda máxima por solicitude establécese en 700.000 €.

Artigo 23. Documentación complementaria

a) Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) segundo a tipoloxía do proxecto.

b) Características técnicas dos equipamentos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos de produtividade do equipamento, potencia nominal e rendemento enerxético.

c) Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento. No caso de substitución de equipamentos existentes, deberanse achegar tamén fotografías destes.

d) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación/parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Croquis ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

e) No caso de que proceda, oferta dun provedor ou documento xustificativo que avale a hipótese de contraste, conforme o recollido no artigo 38.3 do Regulamento (UE) 651/2014. A hipótese de contraste corresponderá a un investimento cunha capacidade de produción e un ciclo de vida comparables que cumpra normas da Unión que xa estean en vigor. A hipótese de contraste será crible á luz dos requisitos legais, das condicións do mercado e dos incentivos xerados polo réxime de comercio de dereitos de emisión da UE.

f) No caso de proxectos que requiran autorización administrativa previa ou de construción da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, deberá achegarse copia da autorización na fase de solicitude de axuda.

Artigo 24. Instrución dos procedementos, resolución e notificación

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Inega en función dos datos relativos á persoa solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e ao ser unha convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva, as axudas resolveranse segundo o establecido no artigo 2.3 destas bases reguladoras.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. O director do Inega ditará proposta de resolución con base neste procedemento e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido no punto cuarto da resolución de convocatoria; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación telemática (https://www.igape.gal/gl/notificacion-telematica) para recibir as notificacións. O sistema solicitará da persoa interesada o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático).

Artigo 25. Xustificación da execución. Documentación xustificativa

a) Declaración expresa por parte da persoa beneficiaria de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta a normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarios para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire este punto.

b) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). De existiren modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude).

d) Certificado asinado polo técnico instalador, en que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Lémbrese que a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

e) No caso de instalacións de xeración eléctrica, xustificante de solicitude de inscrición no Rexistro de Instalacións de Baixa Tensión, en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

Para o resto de proxectos, cando proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria, en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

f) Para instalacións de autoconsumo eléctrico, declaración do instalador e da persoa beneficiaria de que a instalación de autoconsumo obxecto da subvención se clasifica como subministración de autoconsumo con ou sen excedentes, conforme o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). No caso de instalacións sen excedentes, debe xuntarse a esta declaración documentación xustificativa do mecanismo antivertedura.

g) No caso de que fose esixible pola normativa vixente, deberá contarse coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que non se obtivese a autorización, si deberá terse solicitado, o que se acreditará documentalmente.

h) Para instalacións de xeración eléctrica de máis de 25 kW, certificado de inspección da instalación de baixa tensión favorable emitido por un organismo de control.

i) Memoria técnica de xustificación da publicidade da axuda, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file