BDNS (Identif.): 770093.
De conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas e a execución das accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras
desempregadas), xestionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (procedemento TR301K) a través das súas direccións territoriais.
2. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde terán como finalidade o financiamento das especialidades formativas que se impartan e estarán dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación total ou parcial incluída nun certificado profesional, ou á adquisición de competencias clave.
3. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2024-2026. Coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o período 2024-2025.
Segundo. Entidades beneficiarias
Poderán solicitar e obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as entidades e centros de formación que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, estean acreditados ou, de ser o caso, inscritos para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos B e C e/ou as competencias clave para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.
As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente acreditadas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.
As entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deberán contar con autorización previa para impartir as mesmas ofertas na modalidade presencial.
No caso de contar coa autorización para impartir a oferta presencial, deberá garantirse que se dispón dos requisitos de espazos e recursos necesarios para a súa realización ou, de ser o caso, deberá formalizarse un convenio ou acordo público cun centro de formación profesional localizado na Comunidade Autónoma de Galicia que, estando acreditado na data de entrada en vigor da convocatoria para impartir as referidas ofertas na modalidade presencial, garanta a presencialidade nos casos necesarios, incluídas as probas finais de cada módulo profesional. Estes centros non se poderán modificar durante o desenvolvemento da acción formativa.
Terceiro. Accións formativas
A acción formativa está constituída polo contido específico da especialidade formativa que se vaia impartir e polos módulos formativos transversais a que se refire a orde de bases.
Para o caso concreto recollido no artigo 23.3 da orde de bases e primeira convocatoria, a acción formativa estará constituída pola oferta formativa do grao C, a competencia clave e os módulos formativos transversais.
Cuarto. Determinación da subvención
O réxime de concesión e xustificación da subvención será a través de módulos económicos, segundo o previsto no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
O anexo IV de cada convocatoria incluirá a contía dos módulos económicos específicos establecidos como límite máximo que se pode solicitar para cada familia profesional, área profesional ou especialidade formativa, de acordo co disposto no artigo 3 e no anexo I da Orde EFP/942/2022.
Para os efectos do previsto nesta orde, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.
Quinto. Financiamento da primeira convocatoria
Destínase a esta primeira convocatoria un crédito por importe total de 76.000.000,00 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2021 00149:
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2024 |
Anualidade 2025 |
Importe total |
|
44.03.323A.460.1 |
3.216.413,00 € |
1.905.987,00 € |
5.122.400,00 € |
|
44.03.323A.471.0 |
31.120.871,00 € |
24.693.529,00 € |
55.814.400,00 € |
|
44.03.323A.481.0 |
8.662.716,00 € |
6.400.484,00 € |
15.063.200,00 € |
|
Total |
43.000.000,00 € |
33.000.000,00 € |
76.000.000,00 € |
En cada unha das provincias galegas a repartición dos devanditos importes por aplicación orzamentaria e anualidade realizarase en atención ás seguintes porcentaxes:
|
Provincia |
Porcentaxe |
|
A Coruña |
33 % |
|
Lugo |
17 % |
|
Ourense |
17 % |
|
Pontevedra |
33 % |
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día da entrada en vigor da orde.
Sétimo. Forma e lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes
Oitavo. Execución da primeira convocatoria
As accións formativas correspondentes á primeira convocatoria non poderán comezar antes do 1 de setembro de 2024, polo que non se admitirá ningunha solicitude que conteña datas anteriores.
A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2024 será o 20 de decembro de 2024.
Para as accións formativas que se desenvolvan durante as anualidades 2024 e 2025 ou exclusivamente durante a anualidade 2025, a data límite para a súa finalización será o 30 de setembro de 2025.
Non poderá comezar ningunha acción formativa sen a validación previa, a través da aplicación informática SIFO, do cumprimento dos requisitos e condicións exixidos para o seu inicio por parte do persoal técnico da unidade administrativa competente.
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
