O Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias (en adiante, programa) está regulado polo Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, e foi convocado en Galicia pola resolución do Inega do 2 de xuño de 2021, publicada no DOG do 15 de xuño.
O Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, foi modificado polo Real decreto 1126/2021, do 22 de decembro, coa finalidade de ampliar a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2023.
Unha vez ampliada a vixencia do programa e visto que as solicitudes recibidas sumaban un importe superior ao orzamento dispoñible, o Inega solicitou o 4 de xullo de 2022 unha ampliación do orzamento asignado ao programa. Conforme o recollido no punto primeiro da Resolución do 2 de xuño de 2023, do Consello de Administración da EPE Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, M.P. (IDAE), publicada no BOE do 22 de xuño, pola que se amplía o orzamento do programa, apróbase unha ampliación de 1.769.887,20 euros para asignarlle á Comunidade Autónoma de Galicia, quedando o orzamento nun importe total de 3.539.774,40 euros. O orzamento da convocatoria de Galicia foi ampliado pola Resolución do 9 de agosto de 2023, publicada no DOG do 22 de agosto, pola que se amplían e se redistribúen por anualidades os créditos orzamentarios recollidos na Resolución do 2 de xuño de 2021.
O 20 de novembro de 2023, en vista da evolución das solicitudes de axuda recibidas, o Inega solicita unha segunda ampliación do orzamento asignado ao programa.
O 22 de decembro de 2023 publícase no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 20 de decembro de 2023, do Consello de Administración da EPE Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, M.P. (IDAE), pola que se amplía en 1.769.887,20 € o orzamento do Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias (EEEA), regulado polo Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, e asígnaselle á Comunidade Autónoma de Galicia, o que totaliza un crédito de 5.309.661,60 €.
O artigo 4.3 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais, o artigo 4.1 da convocatoria establece que o orzamento por anualidades poderá redistribuírse tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
O artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece que cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstos na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliar e redistribuír por anualidades os fondos destinados ao Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias de Galicia, modificando os puntos 1 e 2 do artigo 4 da Resolución do 2 de xuño de 2021, que quedan redactados do seguinte xeito:
«1. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 5.012.851,51 euros.
As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo ás partidas orzamentarias 09.A3.733A.770.0 e 09.A3.733A.781.0, recollidas nos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual establecida na seguinte táboa:
Importe 2022 (€) |
Importe 2023 (€) |
Importe 2024 (€) |
Importe 2025 (€) |
107.651,93 |
606.209,86 |
2.795.134,74 |
1.503.855,00 |
O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.770.0 e 09.A3.733A.781.0.
2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:
Tipo de actuación |
Orzamento total |
Actuación 1: mellora da eficiencia enerxética das explotacións de regadío |
5.012.851,53 €» |
Actuación 2: mellora da eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables en explotacións agropecuarias |
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024
Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia