De conformidade co establecido na norma 9.2 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan os criterios de repartición e a convocatoria do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2023, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 2024 e publicados por Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal do 13 de maio de 2024 (DOG número 94, do 22 de maio), o anuncio de exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Dado que nas listaxes preceptivas figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade das persoas solicitantes ou causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Dando cumprimento ao prescrito, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Facer públicas as listaxes provisionais das axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2023 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade na páxina web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS
Para o coñecemento íntegro do acto, as persoas solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e o código de impresión da súa solicitude.
Segundo. Contra a resolución provisional dos expedientes, as persoas interesadas poderán presentar reclamación e, de ser o caso, emendar os defectos causantes da exclusión provisional, desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 10 de setembro en calquera dos rexistros públicos, oficinas de Correos e demais lugares establecidos no artigo 16.4 da devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As reclamacións e achegas de documentos deberán dirixirse á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e
Administración de Persoal