DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 5 de agosto de 2024 Páx. 45366

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 23 de xullo de 2024 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Montessori Compostela, de Santiago de Compostela.

Por Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 29 de agosto de 2016, concedeuse a autorización de apertura e funcionamento temporal ao centro privado estranxeiro (CPREX) Montessori Compostela, de Santiago de Compostela, para impartir ensinanzas do sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro; autorización que foi prorrogada e modificada con posterioridade mediante distintas ordes desta consellería.

A titularidade do centro educativo solicita a acreditación completa e achega unha notificación oficial de acreditación do 31 de maio de 2024 emitido por Middle States Association of Colleges and Schools, Comisiones de centros de educación primaria y secundaria, en que fai constar que a duración da acreditación é de sete anos, polo tanto expirará o 1 de xullo de 2031.

Logo da tramitación do expediente de conformidade co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, e no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización do centro privado estranxeiro Montessori Compostela, quedando configurado como se sinala a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Montessori Compostela.

Código do centro: 15033046.

Domicilio: rúa de Sar, 68 (Colexiata de Sar).

Código postal: 15702.

Localidade: Santiago de Compostela.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Titular: Montessori Compostela, S.L.

Ensinanzas autorizadas do sistema educativo dos Estados Unidos de América a alumnado español e estranxeiro con acreditación completa:

• Pre-School Section (infantil, de 3 a 6 anos) para un máximo de 30 estudantes.

• Elementary Section (primaria, de 6 a 12 anos) para un máximo de 55 estudantes.

• Secondary Section (secundaria, de 12 a 16 anos) para un máximo de 10 estudantes.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, de 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

O Departamento Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da acreditación

A acreditación do centro ten validez ata o 1 de xullo de 2031, conforme o certificado de acreditación emitido por Middle States Association of Colleges and Schools, Comisiones de centros de educación primaria y secundaria.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional