BDNS (Identif.): 778881.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Beneficiarias
As comunidades de propietarios, dun edificio ou conxunto de edificacións, suxeitos ao réxime de propiedade horizontal, que precisen adaptar as súas instalacións de telecomunicacións no interior do edificio ou conxunto de edificacións. Igualmente, poderán solicitar e, de ser o caso, obter a condición de destinatarios últimos das axudas as corporacións locais que precisen adaptar as instalacións de telecomunicacións no interior de edificios ou conxunto de edificacións da súa propiedade cando se trate de edificios ou edificacións que se localicen no seu respectivo ámbito territorial. O ámbito de actuación axustarase aos edificios ou conxuntos de edificacións que non dispoñan dunha infraestrutura común de telecomunicacións (ICT) instalada ao abeiro do Real decreto lei 1/1998, sobre infraestruturas comúns nos edificios para o acceso aos servizos de telecomunicación, é dicir, edificacións cuxa construción xa estaba en fase avanzada ou concluída antes da entrada en vigor do primeiro regulamento técnico aprobado polo Real decreto 279/1999, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento regulador das infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior dos edificios e da actividade de instalación de equipamentos e sistemas de telecomunicacións (edificios concluídos antes do 1 de xaneiro de 2000).
Segundo. Obxecto
1. Aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios (Programa UNICO-Edificios) previstas no Real decreto 990/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275 do 17 de novembro).
2. Convocar as citadas subvencións para o período 2024.
As subvencións reguladas nestas bases enmárcanse no investimento C15.I4 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 26 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios, no marco do investimento C15.I4 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o período 2024 (código de procedemento AP400C).
Cuarto. Importe
Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 4.102.438,12€ que se financiarán con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
|
Tipo de solicitante |
Aplicación |
Anualidade 2024 |
|
Comunidades de propietarios |
07.A1.571A.781.0 |
2.051.219,06 € |
|
Corporacións locais |
07.A1.571A.760.0 |
2.051.219,06 € |
Este orzamento execútase dentro do código de proxecto 2022 00009 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Este crédito financiarase con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
A intensidade máxima destas subvencións será do cen por cento (100 %) do custo elixible do proxecto.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e durará ata o 16 de setembro de 2024, inclusive.
Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024
Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
