DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Xoves, 8 de agosto de 2024 Páx. 45824

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 2 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI440A).

BDNS (Identif.): 779234.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas, especialmente os homes, que no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024 se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres (3) anos, ou menor de doce (12) anos no caso de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción ou doce anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de doce anos.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: a) Estar empadroado en Galicia; b) Convivir coa filla ou fillo; c) Ter uns ingresos non superiores a 7 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo co prazo de presentación vencido (2023).

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto avanzar na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como medida de fomento da corresponsabilidade e da conciliación da vida familiar e laboral, especialmente por parte dos homes, mediante incentivos para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo para a atención e o coidado das súas fillas e fillos, así como para as familias monoparentais, homes ou mulleres, que precisan dun apoio específico para compaxinar a vida laboral, persoal e familiar.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 2 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI440A).

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, e en atención ao número de fillas e fillos menores de doce (12) anos, nun abano que vai desde 1.700 € e ata 3.700 €.

A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior ao máximo (oito (8) meses) ou cando a xornada se realice a tempo parcial.

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de seiscentos vinte mil euros (620.000 euros), o 60 % con cargo ao programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade