A Orde do 12 de abril de 2022 pola que se regula o pagamento, mediante transferencia bancaria e xiro postal, de débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) establece no seu artigo 2 que o pagamento daquelas débedas tributarias e outros ingresos de dereito público que, conforme a normativa vixente, poida ser efectuado a través da Oficina Virtual Tributaria da Atriga, poderá ser realizado mediante transferencia bancaria á conta restrinxida de recadación designada para tal efecto nalgunha das entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria nos termos que se establezan por resolución da persoa titular da dirección da Atriga.
A citada orde, na súa disposición derradeira primeira, habilita a persoa titular da dirección da Atriga para ditar, no ámbito da xestión recadatoria, as resolucións e instrucións que sexan precisas para a execución do disposto nela.
En consecuencia, e para dar cumprimento ao disposto no artigo 2 da citada orde, para os efectos de que este medio de pagamento poida ser utilizado pola cidadanía, faise necesario concretar varios aspectos como son os requisitos para o uso desta vía e o procedemento para realizar o pagamento, o contido dos xustificantes de pagamento e os modelos de documentos que poderán ser obxecto de pagamento mediante transferencia bancaria a través das entidades colaboradoras na xestión recadatoria.
En uso da habilitación sinalada na disposición derradeira primeira da citada Orde do 12 de abril de 2022,
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación
1. A presente resolución ten por obxecto establecer os termos e os requisitos para a realización do pagamento mediante transferencia bancaria, daquelas débedas tributarias e outros ingresos de dereito público que, conforme a normativa vixente, poida ser efectuado a través da Oficina Virtual Tributaria da Atriga.
2. O devandito procedemento unicamente poderá ser utilizado por aquelas persoas obrigadas ao pagamento das débedas mediante os modelos de ingreso relacionados no anexo desta resolución que opten por realizar o ingreso de forma non presencial e non dispoñan de conta da súa titularidade en ningunha entidade colaboradora na recadación coa Atriga.
3. A persoa que, non sendo o obrigado ao pagamento, ordene a transferencia, non estará lexitimada para exercer ante a Administración os dereitos que corresponden ao citado obrigado.
Segundo. Requisitos e procedemento de pagamento mediante transferencia bancaria desde a Oficina Virtual Tributaria da Atriga
1. Para a realización do pagamento por transferencia será obrigatorio que se cumpran os seguintes requisitos:
a) Con carácter previo, o obrigado ao pagamento deberá dispoñer dalgún dos documentos de pagamento aprobados por esta Administración, elaborados mediante programas de axuda ou liquidados por esta, e autorizados para o seu cobramento a través das entidades colaboradoras na recadación.
b) O pagamento deberá realizarse en euros e pola totalidade do importe para ingresar recollido no citado documento, sen que caiba a posibilidade de realizar ingresos parciais deste. Serán rexeitadas e devoltas ao emisor aquelas transferencias que sexan realizadas nunha moeda diferente, polo que non producirán os efectos do pagamento. Non poderá descontarse da transferencia ningún importe. As tarifas, comisións ou demais cantidades que puidesen aboarse á entidade bancaria pola prestación do servizo non se considerarán importe pagado á Xunta de Galicia.
c) A conta de orixe da transferencia deberá estar aberta nunha entidade que non sexa colaboradora na recadación con esta Administración.
2. A persoa que pretenda efectuar o pagamento mediante transferencia accederá á Oficina Virtual Tributaria da Atriga e cubrirá os formularios establecidos para o efecto para facilitar os datos asociados á débeda que se pretenda pagar. En particular, consignará:
– NIF do obrigado ao pagamento.
– Número de xustificante.
– Importe (obrigatoriamente en euros).
– As oito primeiras posicións do IBAN da conta desde a que se vai realizar a transferencia (no caso de que o código desa conta non dispoña de IBAN, faranse constar as oito primeiras posicións do código BIC/SWIFT). En ningún caso se admitirá o pagamento por transferencia cando este pretenda ser efectuado desde contas que se atopen abertas en entidades de crédito que actúen como colaboradoras na xestión recadatoria da Atriga.
3. O sistema informático desta Administración realizará as verificacións necesarias, en particular, que o IBAN introducido non corresponda cunha conta aberta nalgunha das entidades colaboradores na recadación con esta Administración.
No caso de que non se cumpran as verificacións establecidas, mostrarase en pantalla unha mensaxe de erro, e finalizará o proceso.
No caso de que as verificacións dean como resultado a posibilidade de pagamento por esta vía, facilitarase a quen pretenda efectuar o pagamento mediante transferencia, ademais dos datos identificativos (SWIFT-IBAN) da conta de destino, un código de pagamento por transferencia (CPT) que xeralmente coincidirá co NIF/NIE de quen realice o pagamento e obrigatoriamente deberá incluírse no campo Concepto de transferencia ao ser ordenada esta. A validez deste código caducará no prazo de dez días naturais, contados desde a data da súa obtención polo que, transcorrido o dito prazo, perderá a súa validez. Unha vez expedido un CPT respecto dun documento de pagamento, non se expedirá outro ata que se produza a caducidade do anterior.
4. Xunto co CPT e o resto dos datos precisos, informarase a quen pretenda efectuar o pagamento das condicións de realización da transferencia, as causas de rexeitamento dela, e dos efectos que producirán tanto a súa aceptación como o seu rexeitamento. En particular, tal e como prevé o punto terceiro desta resolución, no caso de que no concepto da transferencia recibida pola entidade colaboradora non conste ese identificador da orde de pagamento ou figure de forma incompleta ou inexacta, advertirase de que a devandita transferencia será rexeitada e devolta ao ordenante, e non producirá os efectos do pagamento. Así mesmo, advertirase de que a transferencia tamén será rexeitada cando se reciba na conta da Xunta de Galicia despois do prazo de validez do identificador obtido para a súa realización.
5. A realización do pagamento por esta vía non eximirá da obrigación de presentar a documentación que corresponda na forma prevista polas normas reguladoras dos diferentes procedementos.
Terceiro. Rexeitamento das transferencias recibidas e devolución dos importes
1. Recibida unha transferencia, verificarase a adecuación desta ás condicións e requisitos establecidos.
2. Rexeitarase a transferencia e ordenarase a devolución do importe á conta de orixe nos seguintes supostos:
a) Cando o CPT non conste de forma completa e exacta no concepto da transferencia recibida, ou este sexa incorrecto.
b) Cando se reciba na conta o ingreso da transferencia unha vez caducado o CPT obtido para a súa realización.
c) Cando o importe transferido sexa distinto do importe para ingresar recollido no documento de pagamento que se trata de aboar.
d) Cando xa se recibise unha transferencia correcta co mesmo CPT.
e) Cando a débeda a que se refire o CPT non estea pendente de ingreso ou xa se atopase cancelada ou estivese nalgunha outra situación que impida a súa recadación.
f) Cando a transferencia se reciba desde unha conta de orixe aberta nunha entidade colaboradora na recadación coa Xunta de Galicia.
3. A Atriga ordenará a devolución das cantidades recibidas nos supostos anteriores. A transferencia será devolta ao seu emisor pola entidade colaboradora que a recibise conforme a práctica bancaria que resulte de aplicación sen que caiba a repercusión á Xunta de Galicia de comisións ou gasto ningún pola realización da devandita devolución.
4. Non será de aplicación ao rexeitamento da transferencia o procedemento para a devolución de ingresos indebidos previsto na normativa recadatoria.
5. Nos supostos de rexeitamento da transferencia, esta non producirá efectos liberatorios para o obrigado fronte a Xunta de Galicia.
Cuarto. Ingreso pola entidade colaboradora na conta restrinxida
Inmediatamente despois de identificado o ingreso recibido e non sendo este devolto, a entidade colaboradora recibirá a orde de ingresar o importe na conta restrinxida que corresponda, conforme o previsto na Orde de 21 de xuño de 2006 pola que se regulan os procedementos de xestión recadatoria e a actuación de entidades colaboradoras.
Quinto. Data de pagamento das débedas aboadas mediante transferencia bancaria e efectos liberatorios para o obrigado
De acordo co establecido no artigo 37 do Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, para efectos recadatorios fronte a Xunta de Galicia, considerarase que o ingreso das cantidades recibidas mediante transferencia se produce na data en que tivese entrada o importe correspondente na conta restrinxida de recadación designada para tal efecto nalgunha das entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria e, desde ese momento, a persoa obrigada ao pagamento queda liberada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia pola cantidade ingresada.
Sexto. Xustificante de pagamento
1. Unha vez validadas as transferencias recibidas, e aboado o seu importe nalgunha das contas restrinxidas de recadación designada para tal efecto nalgunha das entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria, o obrigado ao pagamento poderá obter o correspondente xustificante de pagamento na Oficina Virtual Tributaria da Atriga.
2. O xustificante de pagamento emitido pola Administración conterá, como mínimo, os seguintes datos:
a) Número de xustificante aboado.
b) NIF do obrigado ao pagamento.
c) Apelidos e nome ou razón social.
d) Data de pagamento.
e) Importe.
f) Código de pagamento por transferencia (CPT).
3. Non se considerarán xustificantes de pagamento fronte a esta Administración os documentos que puidesen emitir as entidades de crédito acreditativos da transferencia realizada.
4. Non se emitirá xustificante de pagamento no caso de transferencias rexeitadas por incumprir os termos recollidos na presente resolución.
Sétimo. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2024
Sonia Lafont Sendino
Directora da Axencia Tributaria de Galicia
ANEXO I
Modelos de documento de ingreso que admiten o pagamento mediante transferencia
Modelo 002. Imposto sobre a contaminación atmosférica. Autoliquidación mensual.
Modelo 003. Imposto sobre a contaminación atmosférica. Autoliquidación anual.
Modelo 011. Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.
Modelo 012. Canon eólico. Autoliquidación.
Modelo 013. Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM). Autoliquidación.
Modelo 041. Taxa fiscal de apostas deportivas e de competición. Autoliquidación.
Modelo 043. Taxa fiscal sobre o xogo. Bingo. Autoliquidación.
Modelo 044. Taxa fiscal sobre o xogo. Casinos. Autoliquidación.
Modelo 045. Taxa fiscal sobre o xogo. Máquinas de xogo.
Modelo 046. Taxa fiscal do xogo realizado mediante máquinas de xogo. Resumo de autoliquidacións.
Modelo 593. Imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e coincineración de residuos. Autoliquidación.
Modelo 600. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.
Modelo 620. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Transmisión de determinados medios de transporte usados.
Modelo 650. Imposto sobre sucesións e doazóns. Autoliquidación-sucesións.
Modelo 651. Imposto sobre sucesións e doazóns. Autoliquidación-doazóns.
Modelo 707. Liquidacións practicadas pola Administración.
Modelo 708. Pagamentos aprazados o fraccionados.
Modelo 710. Providencias de constrinximento.
Modelo 731. Taxas e prezos.
