DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 12 de agosto de 2024 Páx. 46425

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Montes de Pereiras, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiras, no concello de Mos (expediente RE22022).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Montes de Pereiras da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiras, no concello de Mos (expediente RE22022).

O 23.4.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 13.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2256174, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Pereiras, parroquia de San Miguel de Pereiras (Mos), solicita a revisión parcial do esbozo do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) de Pereiras (ID 2902). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22022. Consta no expediente a seguinte documentación:

– Revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común de Pereiras, parroquia de San Miguel de Pereiras, concello de Mos. Asinada pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 908 do COETF de Galicia, asinado o 9.4.2024.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Pereiras do 9.4.2023 da aprobación en Asemblea Xeral do 19.11.2023.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPGS: 25829.

Revisada a memoria técnica achegada da revisión dos montes veciñais indica que van incluír no monte diversas parcelas:

– Este monte comunal xa está deslindado pola Administración forestal consonte a Orde do 4 de xuño de 2004 pola que se aproba o deslindamento do monte veciñal en man común Montes de Pereiras, pertencente á comunidade da parroquia do mesmo nome do concello de Mos, Pontevedra (DOG núm. 125, do 30 de xuño).

– Do devandito deslinde excluíronse 4 parcelas (números 2, 3, 4 e 4 bis) por encontrarse clasificadas no grupo A no informe de clasificación de predios e dereitos e, polo tanto, amparadas polo artigo 34 da Lei hipotecaria. Estas parcelas foron reclamadas con posterioridade perante o xulgado e que agora se inclúen no esbozo:

– Acordo transaccional do 20 de xuño de 2013 (Auto 00145/2013 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 3 do Porriño do 15.7.2013) entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiras e diversos propietarios particulares recupéranse as parcelas 2 e 3.

– Sentenza do 4 de setembro de 2014 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 1 do Porriño (procedemento ordinario 0000462/2013) recupéranse as parcelas 4 e 4 bis.

Segundo. O monte veciñal de Pereiras foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 25.11.1981 e deslindado pola Administración forestal consonte a Orde do 4 de xuño de 2004 pola que se aproba o deslindamento do monte veciñal en man común Montes de Pereiras, pertencente á comunidade da parroquia do mesmo nome do concello de Mos (Pontevedra) cunha superficie de 53,45 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa actual Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Pereiras dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360104 e vixente ata 2030.

– Non constan actos de disposición que modifiquen a superficie do monte veciñal.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 54,67 ha e 0,11 km Non se modifica a descrición dos límites da resolución de clasificación do 25.11.1981 do Xurado de MVMC de Pontevedra.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Pereiras (Mos), expediente RE22022, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo dos montes veciñais de Pereiras da CMVMC de Pereiras proposta polo Servizo de Montes queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica da enxeñeira competente en materia forestal indicada no feito primeiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Montes de Pereiras e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Montes de Pereiras clasificado a prol da CMVMC de Pereiras (Mos), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 23 de xullo de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra