Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte de Vide da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vide, no concello das Neves (expediente RE22028).
O 30.4.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 20.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2308511, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Vide, parroquia de Santa María de Vide (As Neves), solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Vide (ID 2919). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22028. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común de Vide, parroquia de Santa María de Vide, concello das Neves. Asinada polo enxeñeiro técnico forestal colexiado núm. 883 do COETF de Galicia o 13.2.2024.
– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Vide do 26.11.2023 da aprobación en Asemblea Xeral do 9.4.2024.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPGS:25829.
Revisada a memoria técnica achegada da revisión dos montes veciñais indica:
– Levouse a cabo un levantamento topográfico das parcela con GPS de precisión centimétrica no cal percorreu todo o perímetro con varios membros da Xunta Reitora da comunidade de montes, durante ese percorrido identificáronse muros e marcos que separan os doutras propiedades particulares e montes veciñais estremeiros.
– O monte veciñal de Vide está composto por 4 parcelas: Coto do Galo e Chan de Tecelas, Buzacos, Cardufe e Barca Nova. Na parcela Coto do Galo e Chan de Tecelas existen dous encravados de 429 m2 e 1.132,60 m2.
– A parcela Coto do Galo e Chan de Tecelas linda polo norte coa CMVMC de San Cibrán de Ribarteme (As Neves). Límite que segundo a proposta non se revisa por existir un conflito de propiedade.
– A parcela Coto do Galo e Chan de Tecelas linda polo leste coa CMVMC de Sela (Arbo). Non se acepta a revisión proposta, xa que non se achega documentación suficiente nin conformidade dos veciños da CMVMC de Sela que acredite a modificación e inclusión dentro do esbozo do estudo previo de clasificación do MVMC de Sela.
Segundo. O monte veciñal de Vide foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 5.2.1980 cunha superficie inicial de 50,00 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC de Vide non dispón dun documento de ordenación forestal.
– Non constan actos de disposición que modifiquen a superficie do monte veciñal.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto (sen modificar o límite co MVMC de Sela) é de 67,85 ha e 9,73 km. Non se modifica a descrición dos límites da resolución de clasificación do 5.2.1980 do Xurado de MVMC de Pontevedra.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Vide (As Neves), expediente RE22028, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo dos montes veciñais de Vide da CMVMC de Vide proposta polo Servizo de Montes queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica da enxeñeira competente en materia forestal indicada no feito primeiro (sen modificar o límite co MVCM de Sela).
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Vide e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Vide clasificado a prol da CMVMC de Vide (As Neves), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.
Pontevedra, 23 de xullo de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
