O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización dos ensinos universitarios e do procedemento de aseguramento da súa calidade, impacta na ordenación dos estudos de grao e máster. Neste sentido, recolle nos seus artigos 14 e 17 cales son as directrices xerais para o deseño dos plans de estudos dos ensinos de grao e máster, definindo os requisitos dos traballos fin de grao e fin de máster.
Neste novo contexto normativo, atendendo ás demandas da comunidade universitaria e oído o Consello do Estudantado e o Colexio de Decanos/as e Directores/as de Centro, tense perfilada unha reforma do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos de fin de grao e de fin de máster na Universidade de Santiago de Compostela, que afecta o artigo 4. A dita modificación habilita os centros a que desenvolvan normativamente a posibilidade de autorizar a defensa e avaliación dos TFG e TFM ao estudantado ao que lle resten por superar ata 18 ECTS no caso de titulacións de grao, ou ata 9 ECTS no caso de titulacións de máster, excluíndose deste cómputo os créditos que correspondan aos propios traballos de fin de estudos. Ademais, con carácter xeral, aqueles centros en que existan materias prácticas obrigatorias tamén poderán excepcionar o límite máximo de créditos pendentes nos casos en que os estudantes non acrediten a súa superación. En definitiva, serán os centros os que, de conformidade coa realidade das súas titulacións e respectando as memorias verificadas destas, teñan a capacidade decisoria con respecto a esta nova opción.
Con todo, a reforma do citado regulamento só poderá alcanzar plena efectividade logo da oportuna modificación da Normativa sobre permanencia nas titulacións de grao e máster, aprobada polo Consello Social o 5 de xuño de 2012, de aí a necesidade de emendar parcialmente o artigo 6 relativo ao progreso académico.
Por todo o anterior, a Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do Consello de Goberno do 24 de xullo de 2024, e co informe favorable do Consello Social emitido o 30 de xullo de 2024, acordou aprobar a seguinte modificación da Normativa sobre permanencia nas titulacións de grao e máster da USC.
Artigo único. Modificación do artigo 6. Progreso académico
1. O número 3 queda redactado como segue:
«3. Poderán matricularse na materia Traballo de fin de grao aqueles alumnos que superasen un mínimo de 150 ECTS ou o mínimo establecido no plan de estudos, sen prexuízo do que se poida dispor por resolución reitoral en supostos de adaptacións ou noutros supostos excepcionais debidamente xustificados».
2. O número 4 pasará a ter a seguinte redacción:
«4. A superación dos traballos de fin de grao rexerase polo disposto no Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos de fin de grao e fin de máster na Universidade de Santiago de Compostela».
Disposición derrogatoria. Derrogación
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta norma.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta norma entrará en vigor no curso académico 2024/25, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2024
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
