DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 19 de agosto de 2024 Páx. 46890

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 5 de agosto de 2024 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües en determinados conservatorios profesionais de música da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula nos seus artigos 48, 49 e 50 os estudos profesionais de música, dos que a Lei 1/2024, do 7 de xuño, pola que se regulan as ensinanzas artísticas superiores e se establece a organización e equivalencias das ensinanzas artísticas profesionais, modifica os artigos 48 e 50.

No ámbito das ensinanzas elementais e profesionais de música, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional publicou o Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e o Decreto 203/2007, do 27 de setembro, nos que se establece o currículo das ensinanzas elementais e profesionais de música, respectivamente, e se regula o acceso a estas. Ademais, publicou o Decreto 223/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o Regulamento orgánico dos conservatorios elementais e profesionais de música e de danza da Comunidade Autónoma de Galicia, no que a autonomía conferida aos conservatorios no seu título terceiro, permite aos ditos centros levar a cabo proxectos educativos contextualizados que estimulen o traballo en equipo e o desenvolvemento das propias potencialidades daqueles. A proxección internacional formativa e profesional que ten cabida neste tipo de ensinanzas xustifica a impartición de materia/s en lingua/s estranxeira/s que faciliten ao alumnado dos conservatorios a posterior integración en centros de estudos nacionais e estranxeiros, ampliando as súas posibilidades de proxección e inserción laboral tanto a nivel nacional como internacional.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, establece, no seu artigo 22, que se desenvolverán as habilidades de comunicación oral e escrita en lingua(s) estranxeira(s) de maneira progresiva e gradual, na formación profesional específica, e nas ensinanzas artísticas e deportivas. Igualmente, no seu artigo 23, establece que a consellería competente en materia de educación aprobará un plan de fomento das linguas estranxeiras no que se determinarán as liñas de actuación, dirixidas ao profesorado, ao alumnado e aos centros. Finalmente, na súa disposición adicional primeira, indica que a impartición de materias non lingüísticas en lingua(s) estranxeira(s) regularase mediante orde aprobada pola consellería competente en materia de educación.

A Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario enmarca a necesidade de formación competencial en linguas estranxeiras do alumnado en materias non lingüísticas. Non obstante, na citada orde non se inclúen as ensinanzas profesionais de música impartidas nos conservatorios dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

A autonomía conferida aos conservatorios no título terceiro do citado Decreto 223/2010, do 30 de decembro, permite aos devanditos centros levar a cabo proxectos educativos contextualizados que estimulen o traballo en equipo e o desenvolvemento das propias potencialidades daqueles. A proxección internacional formativa e profesional que ten cabida neste tipo de ensinanzas xustifica a impartición de materia(s) en lingua(s) estranxeira(s) que faciliten ao alumnado dos conservatorios o acceso a outros centros de estudos e maiores posibilidades de traballo.

Neste contexto, os conservatorios profesionais de música Xan Viaño de Ferrol e Manuel Quiroga de Pontevedra, nos que se imparten as ensinanzas elementais e profesionais de música, solicitaron a implantación de seccións bilingües de lingua inglesa e portuguesa, respectivamente, como proxecto experimental con carácter voluntario para o seu alumnado. Tendo en conta o carácter innovador deste proxecto educativo, e considerando as necesidades deste tipo de alumnado en materia lingüística, cara a unha maior proxección internacional formativa e profesional, procede considerar a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües en lingua inglesa e portuguesa nos citados conservatorios.

En consecuencia, e de acordo co establecido polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, no uso das funcións que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto da presente orde é autorizar, con carácter experimental, a creación de seccións bilingües de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol e de lingua portuguesa no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra a partir do curso académico 2024/25, coa finalidade de promover a práctica destes idiomas entre o alumnado destes centros.

Artigo 2. Marco legal

A experiencia educativa que se autoriza estará encadrada dentro das ensinanzas dispostas nos decretos 198/2007 e 203/2007, do 27 de setembro, polos que se establecen os currículos das ensinanzas elementais e profesionais de música, respectivamente, e se regula o acceso a estas ensinanzas.

Artigo 3. Destinatarios/as

Os presentes proxectos van dirixidos ao alumnado que curse ensinanzas de grao elemental ou de grao profesional de música nos conservatorios referenciados no artigo 1 da presente orde, e a participación neles terá carácter optativo nas materias que se oferten.

Artigo 4. Requisitos

O número de alumnado mínimo para desenvolver as seccións bilingües será o mesmo que o establecido para a súa impartición na lingua cooficial, regulado polo artigo 7 do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas, para o grao profesional, e o Decreto 198/2007, do 27 de setembro, que establece o currículo para o grao elemental.

Artigo 5. Organización académica

1. A incorporación dun alumno ou dunha alumna a unha sección bilingüe requirirá a autorización por escrito dos pais, nais ou titores/as legais no caso de ser menor de idade. O centro establecerá as medidas oportunas para proporcionar a suficiente información ás familias sobre o funcionamento das seccións bilingües.

2. O alumnado que forme parte dunha sección bilingüe non poderá abandonala antes de rematar o curso escolar, salvo por razóns xustificadas ante a dirección do centro e coa autorización desta.

3. Ao final de cada curso académico, o alumnado que obteña cualificación positiva na materia obxecto de sección bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro conforme participou nunha sección bilingüe, que deberá quedar reflectida no seu expediente académico.

4. Ao comezo de cada curso escolar, antes do 15 de outubro, a dirección do centro deberá informar a Dirección Xeral de Formación Profesional do número de alumnos/as matriculados/as en cada un dos cursos con seccións bilingües autorizadas, co visto e prace da inspección educativa.

Artigo 6. Profesorado

1. O profesorado implicado no proxecto de sección bilingüe deberá ser especialista da materia, ter destino definitivo no centro, e acreditar a súa competencia na lingua estranxeira co certificado B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

2. A coordinación da sección bilingüe corresponderá a un/unha docente participante no proxecto.

Serán funcións do/da coordinador/a:

– Realizar o seguimento semanal, a coordinación do equipo de profesores/as que forman parte do programa de seccións bilingües e levantar acta dos temas tratados e dos acordos adoptados.

– Coordinar a elaboración do proxecto lingüístico no marco do proxecto educativo do centro.

– Participar nas actividades formativas do profesorado e propoñer novas actividades.

– Participar na elaboración de materiais específicos, revisar e trasladar ao equipo directivo as programacións iniciais e memorias finais.

– De ser o caso, titorizar a persoa nativa de apoio ao programa.

3. O profesorado participante na sección bilingüe poderá ter, en función da súa dispoñibilidade horaria, ata un máximo de dúas horas lectivas semanais destinadas ás actividades de coordinación, avaliación e atención ao programa. Terá as seguintes funcións:

– Elaborar a programación específica ao inicio de cada curso escolar.

– Elaborar unha memoria final.

– Participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

– Elaborar materiais curriculares específicos.

– Aqueloutras que sexan necesarias para o desenvolvemento axeitado do proxecto.

4. No relativo á formación do profesorado participante neste programa, atenderase ao disposto no artigo 6 da Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Artigo 7. Memoria final de curso

Antes do 5 de xullo, o profesorado de cada materia non lingüística implicado no programa de sección bilingüe deberá elaborar unha memoria avaliativa que trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A devandita memoria será remitida pola dirección do centro á correspondente xefatura territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que a tramitará á Dirección Xeral de Formación Profesional, acompañada dun informe da inspección educativa.

Artigo 8. Asesoramento e avaliación

1. As estruturas de formación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ofrecerán asesoramento, tanto na fase de elaboración do proxecto, como na do seu desenvolvemento.

2. Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral de Formación Profesional, a través dos servizos de inspección educativa, levará a cabo o seguimento e posterior avaliación do proxecto co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

Artigo 9. Duración do proxecto

O proxecto terá unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos logo do informe favorable do servizo de inspección educativa, que deberá ser emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional